• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

NOVOS LANZAMENTOS. XULLO 2017

Novos lanzamentos. Xullo 2017
3 AGOSTO 2017

 

Hay tanto camino por andar - Arantxa Pérez

Hay tanto camino por andar (2016) naceu como maqueta e, nun ano, converteuse nun LP dispoñible nas principais plataformas dixitais. Arantxa Pérez presenta Hay tanto camino por andar (2017), dez cancións que deixan ao descuberto os sentimentos máis puros da cantautora e o seu xeito de vivir, caracterizado pola constancia e a súa paixón pola música. Pezas que combinan melodías pop con ritmos máis delicados tinguen unha voz que afirma e confirma «onde alcanzan os soños, non chegan as limitacións».

 

 

 

Karlova - Orlando Dees

A súa voz, bañada polos acordes dunha guitarra, canta letras pouco convencionais a ritmo de folk e indie. Logo da carta de presentación que foi Los monstruos del lago (2016), o cantautor lucense Orlando Dees presenta o seu segundo traballo, Karlova (2017). Karlova, tres pezas de composición propia, ve a luz despois de ensaios, moitas horas de estudio e varios concertos no estranxeiro; quince minutos de voz e instrumentación para deixar volar a imaxinación nun ambiente que, inevitablemente, esperta os nosos sentidos.

 


 

 

 

Through a Keyhole - Gabriel Prada

Logo dos seus últimos traballos, unha BSO para un corto e outra para unha webserie, Gabriel Prada presenta Through a Keyhole (2017), catro composicións dedicadas ao relato La Flecha Negra (Robert Louis Stevenson, 1888), incluída no videoxogo The Elder Scrolls V: Skyrim. Gravado e mesturado por el mesmo, o EP de corte instrumental e influenciado pola música ambient clásica encaixa á perfección coa historia medieval de Stevenson, a través de melodías sutís, toques folclóricos e arranxos electrónicos na súa xusta medida.

 

 

 

 

 

Man in the Mirror/Motherless Child - V-Go! Negro Son Coro

V-Go Negro Son Coro estrea imaxe, estrea vestiario e estréase no mercado discográfico! O coro de música negra, que abrangue estilos como o soul, gospel ou R&B, vén de publicar o seu primeiro EP, homónimo, composto por dous cover: “Man In The Mirror”, orixinal de Michael Jackson, e “Motherless Child”, de Tom Jones, pero cos matices vocais que caracterizan ao coro, ademais dunha morea de alegría, palmas, coreografías e moita improvisación.

 

 

 

 

Midnight TV - The Savage Pears

O esforzo viuse recompensado e, logo de moito empeño, o 8 de xullo vía a luz Midnight TV (2017), segundo EP dos vigueses The Savage Pears. O dúo de grunge experimental trasládanos de cheo aos 90, cando o grunge e rock alternativo era o que soaba nos auriculares do noso walkman. Gravado, mesturado e masterizado en Breaker Studios (Vigo) e con deseño de portada obra de @Gaylordmoon, Midnight TV ofrece caña e distorsión para amenizar esas noites diante do televisor.

 

 

 

 

Iquiacapuku - Santi Molezún

Nen sequera pasou un ano, pero tal e como adiantaba el mesmo hai uns meses, o seu quinto traballo discográfico xa está no mercado. O pasado 5 de xullo, Santi Molezún presentaba Iquiacapuku(Noite Meiga, 2017), un novo EP composto por sete cortes que mesturan electro-dance, tech-house e ambient dun xeito máxico. Molezún contou coa colaboración da artista compostelá Esther Branco, quen puxo letra e voz a “AmoreRoma”, ademais de sorprender cun tema homenaxe, “Volve”, ao poeta grego Constantino Kavafis.

 

 

 

 

Nos vale madre - Travesti Afgano

No segundo longo de Travesti Afgano, «a célula da Yihad musical underground galega, formada por tres muyahidines da sexualidade e o amor libre», escoitamos un son consolidado, definido, no que destacan novos matices. Nos vale madre (Mama Vynila, Pelgar, Discos Anormales, Producciones Esporádicas, Droguería La Camelia, 2017), gravado e masterizado por Ibán Pérez nos Estudios Terraforma e producido e mesturado por Manu G. Sanz (Selvática), son 11 temas orixinais e dúas versións nunha cara A homoxénea, que soa a post-punk, e unha B máis variada, con cambios de velocidade e letras brutais que reafirman a súa actitude como grupo. A incisiva, magnífica e escura Roberta Vázquez foi a encargada do deseño do álbum.

 

  noticias