• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

VIDEOCLIP CLUB. EDICIÓN DE OUTUBRO

Videoclip Club. Edición de outubro
27 OUTUBRO 2017

Este mes, os editores engadiron estes cinco novos vídeos ao Videoclip Club, a cinemateca de GalicianTunes en YouTube.

 

BipolarAndrés Penabad

Unha vez máis, o acordeón convértese no protagonista principal do vídeo de Andrés Penabad “Bipolar”, peza instrumental que dá nome ao seu último disco. Realizado por Mandeo Records, esta vez o artista sorpréndenos cun pequeno acompañante que aparecerá ao longo de toda a gravación: o seu pupilo. O neno aprendiz de acordeonista, interpretado por Marcos Yohannes, está presente tanto nos momentos que comparte escenario con Penabad mentres toca as súas primeiras notas, como na historia paralela que nos narra como chegou ata o artista, moito máis inesperada do que semella.

 

220Los Marcianos

Falo del a Jenesaispop, a Pentavox, a TVG, Los 40... o videoclip de “220”, tema do LP Una tormenta de canciones de amor a quemarroma (Clifford Records, 2016), estivo en boca de todos desde a súa estrea. Los Marcianos viaxaron ata a capital para gravar e, baixo a dirección de Carlos Sonora, os actores Lolo Córdoba, Carolina Reyonoso ou David Blanka son os protagonistas dun vídeo do máis entretido: noivo persegue a noiva, en pixama polas rúas de Madrid, por unha discusión absurda; unha persecución á que se lle unen personaxes variadas, terceiras persoas nesta road movie de acción e amor. O traballo audiovisual fresco e explosivo é un reflexo fiel á enerxética e divertida melodía de “220”, entre o noise-pop dos 90 e Mamá.

 

La Reina OurensanaIgloo

“La Reina Ourensana”, pertencente a Igløø2 (Ernie Records, 2015), sexto traballo discográfico dos de Caldas, é probablemnte o hit de Igloo por excelencia e o videoclip, como non podía ser doutra maneira, va acorde ao exitazo. Dirixido e editado por Fran X. Rodríguez de I Do Visual, o clip combina primeiros planos da sublime actuación do grupo no Parque Botánico Montealegre (Ourense) con fragmentos dunha turbia historia de atracción nocturna, protagonizada por Martiño Vázquez e Raquel Balado, chupiño vai-chupiño vén na procura do mítico Torgal, local admirado entre músicos. Toda unha oda, e obra, á teoría de que os polos opostos atráense... aínda que terminen por repelerse só con rozarse.

 

CunfíaAphonnic

Eles puxeron o sangue na letra, suor no vídeo... e seica as bágoas nos toca poñelas a nós. Os vigueses Aphonnic estrearon vía Rockzone Mag o videoclip de “Cunfía”, temazo incluído no seu último álbum Indomables (Maldito Records, 2016). Realizado por ZIWA, o vídeo mestura fragmentos do emocionante directo do seu concerto en Castrelos, repartindo abrazos ao son do metal-rock, con outros gravados durante unha celebración, brindando con sidra en vasos de tubo (que menos!) na azotea do número 5 da rúa Urzáiz (Vigo). O seu último trago vai por todos nós e o noso vai por eles. Saúde!

 

VacíameArtabe

Artabe sorprende con “Vacíame”, tema que atopamos no seu último traballo, Punto Cero (2016), un disco que trata de simbolizar, dun xeito minimal, a idea do seu novo comezo musical. O videoclip recupera a esencia do minimalismo cunha poética influenciada polo budismo zen da xeración beat, estética que se acada grazas á realización conxunta de Sofía Dregen e Chus Sánchez. Do audio encargouse o produtor Dany Richter de El Lado Izquierdo, mentres que a mestura, masterización e produción correu por conta do compositor, enxeñeiro e produtor musical Manuel Cabezalí. O resultado é un vídeo que amosa, efectivamente, que «a beleza está nun oco, o baleiro e no que importa».

  noticias