NOVOS LANZAMENTOS. NOVEMBRO 2017
Aquellos maravillos daños – Igloo
Por fin! Témolo entre nós! Logo de “Gigante”, single adianto dedicado aos seus fans, o himno millennial que é “Generación fatal” e “Gremlins de ciudad”, oda ao cotián chea de símiles cinéfilos, o 24 de novembro saía ao mercado Aquellos maravillosos daños (Ernie Records, 2017), novo álbum de Igloo. Os esquimais reinvéntanse, afastándose dalgúns dos seus acenos de identidade e afianzando o seu son pop-rock, cun traballo que reflicte fielmente o punto exacto no que se atopa a banda, un reflexo do noso tempo deifinido pola súa música. Gravado en Estudios Reno (Madrid) e con portada da artista Elba Fernández (Mordem, Jane Joyd), Aquellos maravillosos daños son 11 temazos sinceros que combinan o analóxico co electrónico, sen censura e con sorpresa incluída, “Olla pra min”, retro-surf dedicado á terriña.
O músico e compositor Magín Blanco presenta unha nova andanza,Camiños (Fol Música, 2017), en formato libro-disco e espectáculo teatral. Camiños é aventura e é misterio, unha metáfora da vida onde música, teatro, poesía e contos xúntase co obxectivo de estimular e enriquecer a imaxinación e creatividade dos nenos. O libro, con ilustracións do artista Leandro Lamas, contén contos e poemas de Antonio García Teijeiro, Ledicia Costas ou Víctor F. Freixanes que, xunto coas 13 cancións orixinais de Maxín, conforman unha viaxe chea de descubrimentos e desenvolvemento emocional para os máis pequenos.
O FNAC de Callao foi testemuña da presentación de Sueños y Pan (2017), decimocuarto disco de Xoel López, composto por dez cortes nos que o artista galego canta, con infinita audacia creativa, á súa infancia, á búsqueda dun refuxio, un lugar ao que voltar. Gravado en Estudios Reno (Madrid) con Ángel Luján na produción, Sueños y Pan constrúese sobre unha identidade sonora creada a partir dunha concatenación de melodías baseadas no folk galego e latino ou no pop-rock, entre outras (moitas) cousas. Desde a gaita de Budiño en “Jaguar” ou o saxo de “Insomnio”, pasando polos acordes dos 80 ata chegar a “Durme”, un delicado arrolo en galego, os 40 minutos de Sueños y Pan son pregunta e son resposta, unha viaxe musical co que perseguiremos os nosos soños (deses que rematan en pan), cos pés na terra.
Dous anos pasaron desde a publicación de Cincoparedes (2015), último disco no que escoitabamos a Luis Moro. Pero o 10 de novembro, El pacto (Laboratorio Azul, 2017) vía a luz, o novo traballo discográfico do cantautor, gravado maiormente en Estudios Bruar (A Coruña) por Nicolás Vieites e masterizado por Saúl Patiño en Metromastering. Con letras cargadas de verdades e vivencias envoltas por melodías acústicas, nesta nova referencia escoitamos a un Luis Moro máis elegante e nostálxico, claramente influenciado pola literatura, nestes nove temas que, simbolicamente, constitúen o pacto dun consigo mesmo frente ás adversidades emocionais. Un disco no que Moro leva o intimismo poético ao seu máximo expoñente en pezas como “Apolo desolación”, onde o verso «se improvisa la supervivencia» pertenece a la novela Crónica del desamor (1979) de Rosa Montero.
Beat podése traducir por «ritmo» ou «latexo» e aquí non se nos ocorre mellor título para o novo traballo discográfico, e segundo de estudio, de Nastasia Zürcher. Gravado nos estudios Disquesi (A Coruña) e baixo a produción do músico e compositor Adrián Saavedra, Beat (2017) está composto integramente por temas propios nos que a artista sorprende cantando en catro idiomas. O álbum mantén a esencia tribal do seu antecesor con ritmos afro, new-soul característicos de Zürcher que, desta vez, combina con sutís toques celtas, new-age e ese jazz dos anos 30 máis próximo ao swing, cos ventos como protagonistas. Novas texturas sonoras cheas de cor e alegría, letras construtivas, reflexivas e intimistas bañadas pola inconfudible voz de Nastasia Zürcher, xunto cunha produción impecable fan deste álbum unha obra chea de delicados, pero intesos matices non só para escoitar, senón tamén para sentir.
Un extraño entre la multitud – Víctor Aneiros
Logo de catro discos en galego e un en inglés, Víctor Aneiros presenta o seu primeiro traballo en castelán, Un extraño entre la multitud (Gaztelupeko Hotsak, 2017). Gravado xunto con Fran Rey (teclados), Marcos Sánchez (batería) e Víctor Gacio (baixo), Un extraño entre la multitud está composto por nove cortes nos que o guitarrista ferrolán arríscase con ritmos rockeiros, máis enérxicos, afastándose da melancolía blusera á que nos tiña acostumados. Os potentes riffs de guitarra comparten protagonismo con letras reflexivas que cantan a temas actuais, como a falsa realidade das redes sociais ou a crise dos refuxiados. No seu single presentación, “Ciudad Olvido”, Aneiros repasa a historia do seu Ferrol natal, marcada pola decadencia do sector naval, o paro e o futuro incerto.
Dez pistas gritan unha historia de fundamentos vitais, de desasosego, angustia, perda… amor e determinación. O primeiro longo de Agoraphobia, Incoming Noise (2017), é toda unha declaración de intencións por parte da banda de rock galega, que bebeu de melodías máis sólidas e escuras, seguindo a Placebo ou Queens of Stone Age, para acadar un son definido, homoxéneo e, aínda máis, atractivo. Gravado en Nakra (A Coruña) e producido por Iago Lorenzo, o LP soborda unha base de rock alternativo explosiva, que «non chega a stoner, pero case», con guitarras contundentes e poderosas, composicións distorsionadas e unha voz desgarrada que canta a unha xeración que aínda ten moito por dicir.
O primeiro venres de novembro, Bolboreta (Lydia Botana) empredeu o seu voo máis especial; o seu álbum presentación Vuelo (Kasba Music, 2017), vía a luz logo dunha viaxe real da artista quen, para a súa gravación, visitou estudios de París, Madrid, Cardiff, Bos Aires ou Rabat. Voando entre reggae, world music, electrónica, rumba, ska ou dancehall, o LP compóñeno 14 temas alegres e optimistas, algúns festivos e outros máis intimistas, pero todos invitan á escoita atenta coa intención de captar todos e cada un dos matices sonoros do acordeón, piano, guitarra, ukelele e percusión. Con colaboracións de músicos, amigos todos da cantautora, parte de grupos como Calle 13, La Pegatina ou Illya Kuryaki and The Valderramas, a enerxía sobordante e actitude positiva de Vuelo é case tan contaxiosa como o sorriso de Bolboreta.
Historias de caza - Eladio y Los Seres Queridos
Eladio y Los Seres Queridos pecharon a xira Cantares (2016) con novo disco no mercado. O recoñecido grupo vigués estreou novembro coa súa quinta referencia, Historias de caza (2017), un álbum gravado, mesturado e producido novamente «na casa»—a do propio Eladio Santos—proporcionándolle ese enfoque intimista e ambiente distendido que sorprendeu gratamente en Cantares. Sonoridades varias mestúranse en dez temas nos que EYLSQ contou con colaboracións do talle de Jorge F. Ojea ,ARi Magritte ou Esther Zecco, coautora do segundo tema que presentaron, “Tormenta”.
Cenizas en la herida – Juan de Nós
«E un día decidín gravas as miñas cancións». Así naceu Cenizas en la herida(2017), álbum debut de Juan de Nós, unha selección de oito temas que contan historias cheas de sentimento, que transportan no tempo. Creando unha atmosfera musical entre a melancolía e a esperanza, Juan de Nís contou con algunhas colaboracións especiais; a máxica voz de Silvia Penide colorea “En mi ciudad” e os autores galegos Pedro Alisedo Goycoa e César de Centi poñen letra a “Solo arena” e “Las lecciones”, dos cancións como dúas máquinas do tempo. Gravado en Estudios Bonham (A Coruña) por José Manuel Martínez García, Juan de Nós rodeouse dos músicos Karlos Barral, Lucas Llumá, Ricardo Marcos Casás Salgado e Martín Aparicio para poder darlle forma e sentimento ás súas pezas.
E se queres estar ao día dos últimos lanzamentos dos artistas e grupos da plataforma, sigue a nosa lista de Novidades en Spotify: