• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

NOVOS LANZAMENTOS. DECEMBRO 2017

Novos lanzamentos. Decembro 2017
3 XANEIRO 2018

 

TornadoMadMartin Trío

Tres anos e dous discos despois, MadMartin Trío entrou en estudio para gravar o seu novo traballo discográfico e, desta vez, quixérono facer á vella usanza. Logo dunha exitosa campaña de crowdfunding en Verkami, o trío lanza Tornado (2017), un vinilo en 10” gravado en analóxico e producido por Mike Mariconda; tres cancións propias e cinco versións como a que lle dá título ao disco, “Tornado”, orixinal de The Jiants. A combinación de microfónos dos 60 e unha mesa analóxica resulta en texturas, matices e sons cálidos que destacan dentro deste «tornado» de rock and roll.

 

 

 

 

Readmirando a condiciónSÉS

O primeiro fin de semana de decembro, SES escolleu de novo Culturgal – Feira das Industrias Culturais para a presentación de Readmirando a condición (BOA Música, 2017), o seu quinto traballo discográfico. Para este novo disco, a cantautora coruñesa volve gravar, musicar e arranxar os once temas de Admirando a condición (Airapro Producións, 2011), o seu álbum debut, aos que suma un inédito, o que dá nome ao disco. Máis rockeira que nunca, en “Readmirando a condición”, SES describe a sociedade actual sen pelos na lingua e coa súa retranca irreverente.

 

 

 

 

LibélulaPARDO

Titulouno porque unha delas roldou o estudio de gravación e «había unha tasca a un quilómetro e estaba outra ou a mesma. De volta, en casa, seguía alí». Esa Libélula (2017) é o cuarto disco en solitario de PARDO, segundo en castelán, un longo producido por Alejandro González. Nove temas propios de amor, desamor, rabia ou incomprensión xunto cunha versión do seu bolero favorito, “Vete de mí” de Virgilio Expósito, compoñen un traballo que se abre a novas sonoridades e, sen complexos, tocan o folk, o rock and roll, o pop ou a cumbia. “Golpeado por primera vez” foi o single presentación, un tema no que o artista coruñés mesturou as raíces americanas e latinas, unha combinación de melodías tan sensual como a súa lírica, unha clara invitación provocativa... ao que ti queiras!

 

 

 

 

Sandoval, 4Cora Sayers

Consolidando un estilo moi persoal, Cora Sayers presenta un novo traballo discográfico, Sandoval, 4 (2017), gravado por César Brotasol en San Pedro de Alcántara (Pontevedra) entre agosto e setembro de 2017. Composto por catro temas propios, de letras coidadas onde a voz é protagonista e os acordes de guitarra aportan un toque íntimo, este EP é un recordo aos seus anos en Madrid, cando vivía na rúa Sandoval número 4,e un anticipo do que serán as súas próximas cancións, deixando atrás o inglés e temas cargados de arranxos e achegándose a un son máis acústico. Sayers percorreu varias cidades europeas (Budapest, Viena, Milán, Lucerna) presentando Sandoval coa súa guitarra baixo o braxo, unha pequena xira que rematou no programa Disco Grande, a súa segunda visita do ano aos estudios de Radio 3.

 

 

 

 

PakolasPakolas (Paco Cerdeira)

Rockeiro e guitarreiro, músico, compositor e produtor de música para os máis cativos; así e Pakolas, proxecto persoal de Paco Cerdeira (Mamá Cabra, A Gramola Gominola) no que segue a compoñer para os nenos con letras e composicións propias. O 20 de novembro vía a luz o seu primeiro traballo en solitario, Pakolas (Ed Galaxia, 2017), un libro-disco publicado por Editorial Galaxia dentro da colección Sonárbore, onde o músico e compositor contou coa colaboración do Colexio Profesional de Logopedas de Galicia e da ilustradora Laura Romero. Como resultado, escoitamos dez temas e lemos dez contos que, conxuntamente, crean unha historia de fábula, con moralexa final incluída.

 

 

 

 

 

DIÁSPORA novas músicas de aquí e de acoláROBERTOLIVEIRA

O percusionista ROBERTOLIVEIRA (Salceda de Caselas) fai maxia co que sexa que pase pola súa man; especializado en percusión, electrónica e arte visual sincronizado, a súa labor céntrase no comisionado e na estrea de obras de novos compositores nacionais e internacionais cunha posta en escena chea de sensacións únicas. A mediados de novembro publicaba o seu segundo disco, DIÁSPORA novas músicas de aquí e de acolá (Sonaxe, 2017), un álbum que combina tradición e vangarda nun «ir e vir sonoro de diferentes texturas que dan forma vangardista a temáticas antigas». En DIÁSPORA, o artista contou coa participación de compositores galegos () e arxentinos (), nunha homenaxe aos que no seu día tiveron que emigrar e os que, na actualidad, aínda o fan.

 

 

 

 

The Call of the WolvesDark Embrace

Seis anos de paréntese deron como resultado o segundo traballo de estudio de Dark Embrace, The Call of The Wolves (7Hard Records, 2017), un disco escuro e melancólico a partes iguais no que colaborou o caristmático baterista Snowy Shaw (King Diamond, Sabaton, Therion). Cun deseño brutal de Gustavo Sazes (Arch Enemy, Morbid Angel, Kamelot, Sirenia), os nove temas que compoñen o LP foron gravados entre Galicia e Suecia, nove pezas estruturadas que destacan polos seus sons decadentes e letras extraordinarias que nos trasladan a unha atmosfera tenebrosa e lúgubre. “Time Will Tell” é un corte rápido, onde sobresae o traballo vocal e o marcado ritmo de batería.

 

 

 

 

Asuntos pendentesJuan Carballo

A principios de novembro, Juan Carballo, «poeta entre outras cousas», presentó os seus Asuntos pendentes (O Faiado, 2017), composto, gravado e producido por Manolo Tarancón nos Estudios Calexico (Valencia) sobre os poemas de Carballo. Esta orixinal proposta inclúe nove pezas que conforman unha aventura sonora e literaria na que o músico valenciano constrúe unha atmosfera musical, con colaboracións de Carlos Soler (baixo), Sebastián de la Morra (batería) e Txema Mendizabal (pedal steel), convertendo os versos de Juan Carballo «nun disco para ler e un libro para escoitar». Ilustrada por Nuria Díaz, Asuntos pendentes é unha obra íntima que aposta pola sentimentalidade da lingua galega para que todos os matices, tanto musicais como poéticos, cheguen a percibirse coas mans.

  noticias