• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

SECCIÓN OFICIAL DE VIDEOCLIPS DO FESTIVAL DE CANS 2018. VOL. I

SECCIÓN OFICIAL DE VIDEOCLIPS DO FESTIVAL DE CANS 2018. VOL. I
11 MAIO 2018

Volve o agroglamour! Do 23 ao 26 de maio, ruxirán os chimpíns e adegas, ghalpóns, baixos ou casas vellas da aldea de Cans (O Porriño, Pontevedra) converteránse de novo en espazos de proxección.

O Festival de Cans, festival de curtametraxes de produción galega no que a música ten un papel fundamental, cumpre quince primaveras co mesmo obxectivo: difundir o traballo que profesonais galegos desenvolven en direferentes ámbitos do audiovisual.

O concurso de videoclips, que terá lugar na Noite Gia o xoves 24 de maio, é un dos eventos de maior popularidade. Este ano, a Sección Oficial destaca pola súa heteroxeneidade, os 18 vídeos que a conforman recollen unha gran variedade de estilos e talentos tanto a nivel musical como de realización.

Estes son os primeiros nove videoclips da Sección. E os nove seguintes? O vindeiro venres 18!

 

“Fai o que queiras” – Peña.Dirixe: Montse Piñeiro

Peña, o trío íntimo formado por Rubén Abad (Cró!, Trilitrate, Es Un Árbol), Elena Vázquez (Trilitrate) e Toño Magariños (diola), presenta o seu segundo videosingle, “Fai o que queiras”. Dirixido por Montse Piñeiro, o clip que acompaña a este tema cantado en galego é unha obra enfocada en buscar a beleza do sinxelo.

 

“Sobre el mismo alambre”Silvia Penide ft. Eladio Santos. Dirixe: Miryam Pato

En abril de 2017, Silvia Penide publicaba “Sobre el mismo alambre”, tema incluído no seu último disco Todo pintado de plata (2016), como single coa colaboración do «referente e animal de escena» Eladio Santos (Eladio y Los Seres Queridos). O videoclip homónimo chegaba pasado xa o verán, case catro minutos de ilustracións cósmicas e surrealistas. A artista ourensana Miryam Pato encaixa á perfección a peza musical co traballo visual estilo collage, de corta e pega, deconstrución e reconstrucion, xirasois e bolboretas que navegan polo ciberespazo ao ritmo destas dúas voces galegas.

 

“Sal y sangre”Selvática. Dirixe: José Miguel Sagüillo

Chega a noite e con ela os Seres abisales (Discos de Kirlian/Orphan Records, 2017) de Selvática. Noite, lúa chea, branco e negro para este ser vampírico en horas baixas de “Sal y sangre”, videoclip da banda galega firmado por José Miguel Sagüillo, responsable de dar vida aos protas Suso Cortegoso, Soraya Paradela e Mario López... tinguiduras de pesadelo para unha noite terrorífica.

 

“Papá borracho”Ataque Escampe. Dirixe: Mar Catarina

Para o que foi o primeiro videoclip dos seus Primeiros bicos (Discos da Máquina, 2017), Ataque Escampe comparte un road trip visual con paisaxes costeiras e un final tan especial como peculiar, interpretado por Sara Iglesias, Laura LaMontagne e Toni Colombo, baixo a dirección de Mar Catarina (Esposa, Chicharrón).

 

 

“The Battle of the Good Men”You dog!! Dirixen: Pablo Banga e Antonio Caeiro

Pertencente ao seu último traballo discográfico, Before the Coma (2017), “The Battle of the Good Men” é unha das pezas de maior duración de You dog!! Como consecuencia, un videoclip de máis de oito minutos de duración, realizado por Pablo Banga (Ollomol Audiovisual) e Antonio Caeiro (O Faiado da Memoria), onde o cuarteto vigués coquetea co psych sobre una base vocal de marcado acento grunge.

 

“Devalo”A Veces Ciclón. Dirixe: Rubén Domínguez

Ademais de formar parte de Cumbayá (Acuarela, 2018), segunda referencia de A Veces Ciclón, “Devalo” foi definido como o olliño dereito de Óscar Vilariño (voz, guitarra). Cunha letra que canta ao desexo, «así, en xeral», o videoclip parece unha radiografía do mesmo, unha obra hipnótica multicolor e psicodélica firmada por Rubén Domínguez (Pantis).

 

“Primavera negra”Linda Guilala. Dirixe: Sara Chuerches

Disposta a salvarnos con amor, Linda Guilala presenta “Primavera Negra”, single melancólico e onírico con ascendencias espirituais e unha lírica cargada de desengano. Sara Chuerches fíxoo vídeo nun traballo audiovisual que amosa o control do grupo sobre parámetros sónicos, empregados para transmitir unha serie de emocións un tanto turbulentas.

 

“Volve a canción protesta” - Oh! Ayatollah. Dirixe: Xaime Miranda

Baixo a dirección de Xaime Miranda, a curiosa historia de amor de “Volve a canción protesta”, tema pertencente ao seu LP homónimo, fai gala do pop fresco e realista de Oh! Ayatollah. A nova banda afincada en Santiago de Compostela ofrece cancións libres de interpretación, excusas para protestar sobre calquera cousa que nos moleste.

 

“Hoy”Disco Las Palmeras! Dirixe: Javi Camino

A banda lucense de rock escuro e combativo decidiu incorporar novas sonoridades á súa combinación infalible de rock potente, post-punk e shoegaze ao seu último álbum, Cálida (Sonido Muchacho, 2018), como o pop que inunda o seu primeiro single, “Hoy”. O videoclip que acompaña ao temazo diríxeo Javi Camino con ilustracións animadas autoría de Wences Lamas.

 

 

E, para que vola vaiades aprendendo, deixámosvos “Cans & Cadelas”, a canción oficial desta edición do festival interpretada polos nosos Magín Blanco e Uxía.

  noticias