• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

VIDEOCLIP CLUB. EDICIÓN DE XULLO

Videoclip Club. Edición de xullo
13 XULLO 2018

Este mes, os editories engadiron estes novos vídeos ao ao Videoclip Club, a cinemateca de GalicianTunes en YouTube.

 

VéndenosThe Trunks

Presentouse en privado en El Pequeño (Pontevedra), cal regalo de Reis por adiantado, e un par de días despois facíano público vía RRSS. The Trunks avisaba que o 2018 ano viría cheíño de sorpresas... a primeira? O videoclip de “Véndenos”, corte incluído no seu último LP, Sobre excusas y fragmentos (2016). Dirixido por Gero Costas e Romina Doce, de Producciones Mutantes, e coa colaboración da Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo, o clip e unha épica mestura dunha actuación en 3D da banda e unha historia de rexeitamento, control e superación que remata en obra de arte mística, chea de riffs e neon como resaca de rave, e uns merecedores aplausos. Pst, non é para menos!

 

Papá Borracho - Ataque Escampe

Con “Papá Borracho”, un merengue que ole a verán e que foi o primeiro videoclip dos seus Primeiros Bicos (Discos da Máquina, 2017), Ataque Escampe comparte un road trip visual interpretado por Sara Iglesias, Laura LaMontagne e Toni Colombo, baixo a dirección de Mar Catarina (Esposa, Chicharrón). Con paisaxes costeiras e un final tan especial como peculiar, que o verán nos pille bailando, na praia e coa melena ao vento porque, como eles din, «se non é agora, cando?»

 

Gremlins de ciudad - Igloo

“Gigante” era un claro tributo aos seus fans e “Gremlins de ciudad” é unha sublime homenaxe ao mundo do cine. En exclusiva para Europa Press Música, Igloo presentaba o videoclip do terceiro adianto do que sería o seu sétimo disco, Aquellos maravillosos daños (2017). Dirixido por Julián Rodríguez (Igloo, Broken Peach) e realizado por Lara Gómez, o clip en branco e negro transpórtanos a grandes cidades, grises, chuviosas, onde os semáforos dosan xente que vén e vai, que corre para chegar ao son dun pop-rock máis escuro. E se o punto friki dos esquimós sorprendéranos en “Restos de un naufragio” e o seu chisco a True Detective, con “Gremlins de ciudad” temos catro minutos de símiles cinéfilos para o noso gozo e desfrute; referencias que van desde A historia interminable (Wolfgang Petersen, 1984) ou Cazapantasmas (Ivan Reitman, 1984) ata Star Wars ou O señor dos aneis (Peter Jackson, 2001).

 

Truco o TratoErin (Comando Katana)

Erin (Comando Katana) volveuno facer. O MC de Santiago de Compostela aliou forzas co colectivo La Utopía del Norte para presentar “Truco o Trato”, último adianto do seu novo traballo discográfico, Libra (2018). O corte, gravado, mesturado e masterizado por D3 en MS Records, é toda unha elexía á industria musical actual na que, unha vez máis, Erin carga contra as «bichas do mundillo que intentan encher o seu peto», promotores, discográficas e demais profesionais do sector. O videoclip, dirixido por David Corrales e producido por GatoVaca, xoga co branco e negro, as sombras e símbolos tétricos que resultan nun traballo audiovisual escalofriante.

 

El Vivo al Baile - Novedades Carminha

Novedades Carminha márcase un Made in China en toda regra... «e é que por que copiar a J Balvin se poden vir os chineses a copiarche». Como colofón de fin de xira o ano pasado, os de Compostela publicaban o single El vivo al baile (Ernie Producciones, 2017), temazo de funk africano clásico inspirado nas pezas do artista nixeriano William Onyeabor. O clip, dirixido por Humberto Forero e producido por EFTI, desenvólvese nun salón recreativo onde Min Kie Zhan, Jun Sun Son, Min Hao Zhang y Mateo Akira Notsune, os álter ego asiáticos do grupo, pasan a noite entre birlos, ping-pong e videoxogos ao ritmo de sintetizadores, groove e o máis puro funk. Coas súas mellores galas (ollo ao brillo desas chaquetas dos Bears e a WKU!), Novedades Carminha convídanos a «menealo suave» e a celebralo, todo, bailando.

  noticias