• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

NOVOS LANZAMENTOS. XULLO 2018

NOVOS LANZAMENTOS. XULLO 2018
5 AGOSTO 2018

 

 

A Largo PlazoTregua ft. Rulo y La Contrabanda

Tregua segue a xirar co seu último LP, homónimo, publicado a principios do ano pasado e, entre concerto e concerto, sorpréndennos co single da canción “A Largo Plazo”. Con Fernando Montesinos (Hombres G, Pereza, Estopa) e Bori Alarcón (Los Secretos, Ariel Rot, Dani Martín, Leiva) aos mandos, o sinxelo estreábase o 20 de xullo; un tema para o que os coruñeses contaron coa enorme colaboración de Rulo y La Contrabanda. Guitarrazo a guitarrazo, A Largo Plazo (2018) soa a ese rock que choca, atrae e engancha «como a droga que che atrapa sen querer, como a rosa muchada que xamais deixa de ulir...»

 

 

 

 

From Here To EternityGrand Soul Band

O 15 de xullo foi a data escollida por Grand Soul Band para lanzar From Here To Eternity (2018), o seu novo LP. Terceiro longo da banda coruñesa, o álbum é toda unha representación sonora do estado de ánimo no que se atopan os de Santa Comba; amplificadores máis altos, maior distorsión e alteracións na afinación das guitarras. Gravados durante o mes de abril por Paco Loco en Paco Loco Studio (El Puerto de Santa María) e masterizados por Mario G. Alberni en Kadifornia Mastering, os dez temas que compoñen o disco van desde a agresividade de “I Just Might” ou “Outside World” ata a serenidade que provocan “Save Me” ou “Am I Safe?”. Con artwork sobre unha fotografía da francesa Bettina Dupont Photography, From Here To Eternity convídanos a perdernos nesta dimensión cargada de novas sonoridades onde, se abrimos ben as orellas, seremos capaces de recoñecer eses acordes rockeiros que levamos escoitando desde hai seis anos.

 

 

 

 

 

6 MulleresSumrrá

O seu 5 Journeys (Clermont Music, 2015) homenaxeaba a sete cidades de tres continentes que os acolleu ao longo dos seus, por aquel entón, 15 anos de traxectoria. A piques de cumplir os 20, con composicións orixinais e directos virtuosos, Sumrrá presenta agora 6 Mulleres (Clermont Music, 2018), o seu novo traballo discográfico e «aportación á loita feminista desde a música contemporánea do século XXI». Ilustrado por María Meijide, cada unha das seis pistas que compoñen o álbum rende tributo a unha muller «poderosa que foi e aínda é fonte de inspiración na loita dun futuro mellor para toda a humanidade»: desde Frida Kahlo e Rosa Parks, pasando por Qiu Jin, Malala Yousafzai e Nawal Al Saadawi, ata chegar á nosa Rosalía de Castro.

 

 

 

 

DoravanteAbe Rábade Trío

A súa música conta coa precisión métrica dun reloxo suízo, pero sen perder a fluidez e o preciosismo que adornan as pinceladas que compoñen o seu particular microcosmos sonoro. Abe Rábade Trío, referente do jazz instrumental galego, presentaba o seu último LP, Doravante (Nuba/Karonte Records, 2018), na pasada edición do Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra. O álbum, o seu décimo segundo como líder, está composto por 11 pezas: cinco cancións orixinais, dúas versións da música tradicional galega, dous estándares de jazz, un clásico da música cubana (“Hasta Siempre Comandante” de Carlos Puebla) e unha transcrición harmonizada dun discurso falado. Unha vez máis, Abe Rábade (piano), Pablo Martín (contrabaixo) e Bruno Pedroso (batería) suben ao escenario para compartir un eclecticismo sonoro onde tradición galaica e jazz ortodoxo experimentan con ritmos clásicos, flamencos, afrocubanos e R&B.

 

 

 

 

SiervosDavid Quinzán

O seu último EP, Melancolía Jackson (2018) data de febreiro, un traballo no que David Quinzán ofrecía máis narrativa a ritmo de world music. Eses novos aires power-pop con tinguiduras sintéticas dos oitenta, sintetizadores e caixas de ritmos escóitanse tamén en Siervos (2018), unha das cancións que o artista coruñés publicou durante o verán «por culpa da inercia ou da inconsciencia [...] a medida que estas ían chegando».

 

 

 

 

Mudando as Cores da VidaBifannah

O 2 de xullo a banda viguesa publicaba Mudando as Cores da Vida (The John Colby Sect, 2018), reinterpretación en portugués de “Están cambiando los colores de la vida”, hit sesenteiro orixinal do grupo mexicano Los Chijuas. Aínda que xa contaba cun par de versións en inglés, “Changing the Colors of Life”, interpretadas por The Skywalkers ou Electrisixties, Bifannah tingue o tema de garage lisérxico, pausado e eléctrico á vez, creando «unha atmosfera oceánica que nace da interconexión estilística das tradicións de varios países costeiros».

 

 

 

 

VerbenaNovedades Carminha

O último de Novedades Carminha, Verbena (Ernie Producciones, 2018), déixanos  o mesmo sabor de boca que hai cousa dun ano fixo “Te Quiero Igual”, un resaibo a potencial canción do verán. De cadencia disco, cunha mestura de música de baile e lírica romántica, esta “Verbena” adianta a liña do seu vindeiro traballo discográfico, un álbum no que, igual que en Campeones del mundo (Ernie Records, 2016), os de Compostela seguirán a explorar novas sonoridades. «Soleado e romántico», segundo Carlangas, e cunha letra propia de calquera bolero, o sinxelo pretende reivindicar a verbena como parte da nosa cultura popular, das nosas lembranzas estivais, dos nosos bailes ao ritmo de «no he dejao’ de quererte/no pienso en otra cosa/quiero gastarme contigo todo mi dinero en los bares de copas/como si fuera esta noche la última vez...»

 

 

E se queres estar ao día dos últimos lanzamentos dos artistas e grupos da plataforma, sigue a nosa lista de Novidades 2018 en Spotify:

 

  noticias