• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
izq noticias  

11 PARA COMBATIR A MORRIÑA FESTIVALEIRA

11 PARA COMBATIR A MORRIÑA FESTIVALEIRA
14 SETEMBRO 2018

O prazo para trocar os «tuents» acabábase onte, as devolucións das cashless xa deberían efectuarse e ese vaso de plástico que tanto aguantou hoxe adorna o teu andel. E é agora, sentado na oficina, cando che vén a morriña festivaleira e cada foto do teu móvil e cada canción da túa playlist son un chisco a eses «findes» de festivales que ocuparon a gran maioría da túa axenda estival.

 

Como remedio, vos deixamos aftermovies e #AsíFue’s de once «festis» da plataforma que manterán vivos esas lembranzas... ata o ano que vén!

 

 

FIV de Vilalba (27-28 abril)

Un ano máis, o FIV volveu colgar o cartel de «ENTRADAS ESGOTADAS» nunha edición onde os nosos Xoel López, Novedades Carminha e Escuchando Elefantes compartiron escenario con outros artistas do panorama indie nacional como Carlos Sadness, Shinova, La Habitación Roja, Lori Meyers o Nunatak.

 

 

Surfing the Lérez (16 de xuño)

A romaría do rock & roll por excelencia comezou a previa da súa oitava edición a golpe de mércores! A Sala Karma e El Pequeño acolleron unha serie de concertos como antesala á gran cita do sábado 16 de xuño, entre os que escoitamos a Fogbound, banda da nosa plataforma, Esteban & Manuel ou Matt & The Peabody Ducks.

 

 

PortAmérica (5-7 de xullo)

Uns foron con resaca festivaleira, outros estreaban tempada e, xuntos, atopáronse na carballeira de Caldas de Reis (Pontevedra) o primeiro fin de semana de xullo para desfrutar, un ano máis de PortAmérica. O festival que conecta as diferentes culturas a través da música, do ocio e da gastronomía celebró a súa sétima edición cun carten onde Xoel López, Pardo e Habitación Vudú, artistas de GalicianTunes, compartiron táboas con Imelda May, La Pegatina, Pussy Riot, Vetusta Morla, La Habitación Roja, Viva Suecia ou Izal.

 

 

Resurrection Fest (11-14 de xullo)

O maior festival hardcore, punk e metal de España, o festival creado por e para os fans, o festival agarimosamente coñecido como «Resu», o Resurrection Fest celebrou a súa décimo terceira edición do 11 ao 14 de xullo en Viveiro (Lugo). Unha vez máis, o cartel non defraudou e, entre as cen bandas capitaneadas por Ghost, Stone Sour, Scorpions, Megadeth, KISS ou Prophets of Rage, puidemos escoitar aos nosos Cuchillo de Fuego, Vörtex e Agoraphobia.

 

 

Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra (16-21 de xullo)

Desde a Ferraría ao Teucro, pasando por A Taberna do JAZZ ou o Antiguo Conservatorio, un xullo máis o jazz e o blues alagaron a cidade do Lérez. Do 16 ao 21 de xullo, grandes músicos galegos (Abe Rábade Trío) e recoñecidos nomes do jazz, blues, R&B e soul (Nomads, Don Bryant & The Bo-Keys, etc.) déronse cita no 26 Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra.

 

 

Atlantic Fest (20-22 de xullo)

Naceu coa aspiración de «ser un gran festival, non un festival grande» e, por terceiro ano consecutivo, o Atlantic Fest volveu deixarnos lembranzas imborrables. Do 20 ao 22 de xullo, as idílicas paraxes da Illa de Arousa (Pontevedra) soaron a música contemporánea, electrónica, indie e pop de artistas coñecidos e emerxentes como os nosos Presumido, Bifannah e Caxade, quen compartiron cartel con Kaiser Chiefs, The Vaccines, Iván Ferreiro, La Casa Azul, Maria Arnal i Marcel Bagés, Christina Rosenvinge ou Yung Beef.

 

 

Sinsal SON Estrella Galicia (26-29 de xullo)

Mordem, Patricia Moon, Ensemble Galería, Aleksander Kolkowski, Nelida Karr, Side Chick, Papaya, Cosmo Sheldrake, Nakhane, MounQup, La Dame Blanche... son algúns dos artistas que compoñían o cartel segredo do Sinsal SON Estrella Galicia, o festival ao que quería ir todo o mundo. Por que será?

 

 

Nigranjazz (27-28 de xullo)

Xacobe Martínez Antelo Trío, Voro García Quintet, The Low Bay Hot Band e Dani Font Trío, entre outros, conformaron o cartel do Nigranjazz, festival que reúne a músicos de jazz galegos nun mesmo escenario. A duodécima edición inagurouna a masterclass do guitarrista neoiorquino Peter Bernstein o venres 27 no Auditorio do Concello.

 

 

SonRías Baixas (2-4 de agosto)

O festival de festivaleiros para festivaleiros, o festival que ofrece «boa música, gastronomía e praia», o SonRías Baixas culminou outra edición cun cartelazo de primeiro nivel nunha paraxe iniguable das Rías Baixas. Durante os tres días, os asistentes puideron desfrutar de artistas consagrados do panorama estatal e internacional como Talco, La Raíz, Desakato, Che Sudaka, Terbutalina, Sara Hebe ou Muchachito Bombo Infierno.

 

 

Revenidas (17-19 de agosto)

Ocórresevos mellor xeito de celebrar uns 15 anos que con boa música e sardiñas salgadas e asadas na grella? Como cada agosto, o Revenidas reuniu a artistas de dentro e de fóra, unidos por sons mestizos e de marcado acento popular como Russkaja, Ayax y Prok, High Paw, Joan Garriga & Galàctic Mariatxis, Soziedad Alkoholika, Ezetaerre ou Dakidarría.

 

 

WOS Festival (12-16 de setembro)

SORPRESA! 🎉 Esta resaca aínda está por chegar... aínda estades a tempo de desfrutar do WOS Festival ata o domingo 16 de setembro. Nun contexto íntimo, o WOS está a promover unha vez máis a procura e difusión de novas propostas culturais; música, artes visuais, cine, artes escénicas, coloquios, conferencias e gastronomía danse cita en dez espazos emblemáticos de Santiago de Compostela onde Kreidler, Death Whistle, Laurel Halo, Oddisee, The Bug ft. Miss Red, Gábor Lázár ou Christina Vantzou serán os encargados de poñer banda sonora. Consulta os horarios, merca as entradas e mira como se leou o ano pasado!

ETIQUETAS

izq noticias