• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
izq noticias  

11 VERSIÓNS DA "MUIÑEIRA DE CHANTADA" + EXTRAS

11 versións da "Muiñeira de Chantada" + Extras
10 OUTUBRO 2018

A «Muiñeira de Chantada» é unha das pezas da música popular galega máis coñecida, a «raíña das muiñeiras» que diría Susana Seivane. E aínda que non sexas consciente, terala escoitado miles de veces en calquera das súas versións, que son moitas.

Pero fagamos un chisquiño de historia. Aínda que parece que leva aí dende a orixe dos tempos, a «Muiñeira de Chantada» foi composta polos irmáns Manuel e Antonio Fernández a finais do século XIX, aínda que foi Victorino Fernández García, fillo de Manuel, sobriño de Antonio, quen fixo os arranxos para gaita e lle acabou de dar forma. Porque esta muiñeira naceu para unha banda de música, a dos Ferraias (o alcume dos Fernández), o xermolo da actual Banda de Música de Chantada.

Así que xa dende a súa mocidade a peza deu mostras da súa capacidade camaleónica de se converter noutra cousa sen deixar de ser ela mesma. E diso vai esta lista de 11 versións: de amosar a versatilidade e a vitalidade deste tema que ten o poder de invocar o lado máis festeiro do noso ser. E como algo tan grande non cabe en tan pouco espazo, traémosvos tamén outros tantos «extras», en forma dunha escolma de vídeos que atopamos navegando ata case naufragar en YouTube.

 

1. Os Gaiteiros de Soutelo (1928). Compoñer, compúxose en Chantada, pero quen a popularizaron foron os Gaiteiros de Soutelo, ata o punto de que moitos aínda cren que é obra de Avelino Cachafeiro (vaites, de ser así, por que non é a «Muiñeira de Soutelo», ho?). A primeira gravación da peza fixérona eles en 1928 e a recuperou Ouvirmos en 2005.

 

 

 

 

2. Milladoiro (1989). Este lendario grupo ten boa culpa das múltiples versións feitas fóra de Galicia de varias pezas tradicionais galegas. Da «Muiñeira de Chantada» fixeron esta versión, incluída no disco «Castellum Honesti» (1989).

 

 

 

3. Carlos Núñez e The Chieftains (2008). Moitas das versións que vos traemos son suites nas que a nosa protagonista aparece xunto a outras pezas. Nesta, unha das máis coñecidas versións da «Muiñeira de Chantada», vai introducida pola non menos célebre «Alborada» de Pascual Veiga (1842-1906). Aquí Núñez ten un acompañamento de luxo, a mítica banda irlandesa The Chieftains.

 

 

 

 

4. Alasdair Fraser & Natalie Haas (2011). O ben coñecido violinista escocés e a cellista californiana fan esta versión para cordas, tamén en forma de suite, na que a combinan co tema de Milladoiro, «A bruxa».

 

 

 

5. Brigan (2015). Dende a Campania, Italia, Brigan tamén fixo a súa versión, con aire mediterráneo, que incluíu no seu álbum «Transumanza sonora».

 

 

 

6. Zampogneria e Susana Seivane (2016). A «zampogna» é unha especie de gaita de tamaño considerable que se emprega no sur de Italia. Aquí a podedes escoitar noutra versión italiana que vén do grupo Zampogneria, con Susana Seivane como «cicerone».

 

 

 

7. Xabi Aburruzaga e Susana Seivane (2017). Tamén Susana Seivane acompaña coa súa gaita o acordionista portugaluxo Xabi Aburruzaga nesta versión con recendo a Euskadi. É a parte final da suite, «Arku-Chantada».

 

 

 

8. Cristina Pato (2015). O joropo é unha danza, un xénero musical e unha festa á vez. Típico de Colombia e Venezuela, casa ben co espírito da «Muiñeira de Chantada» como mostra Cristina Pato neste «Joropo festejo: Muiñeira de Chantada».

 

 

 

9. Javier Otero Neira (2015). Tamén hai versión clásica saída das mans do virtuoso pianista estradense Javier Otero Neira. É parte do seu disco «Galician Folk Songs».

 

 

 

 

10. Bastards On Parade (2011). O grupo coruñés vístea de punk-rock e falda escocesa para convertela en «Chantada’s Jig» nesta versión incluída no álbum «Tales from the Death Shore».

 

 

 

11. Son Lalín (1978). O produtor coruñés Gustavo Ramudo debeu pensar que se esta muiñeira se bailaba en romerías e verbenas de todo o país, por que non ía arrasar tamén nas discotecas de todo o mundo. Así que en 1978 gravou con músicos de estudio esta versión disco que vendeu daquela millóns de copias en toda Europa. Aínda hoxe soa nalgunhas para pechar a sesión, e, agora, vén de ter nova vida por aparecer no último capítulo da serie «Fariña».

 

 

EXTRAS

1. Se a primeira versión era histórica, este primeiro extra tamén o é: a «Muiñeira de Chantada» interpretada en 1991, una ano antes do seu pasamento, por unha lenda, o gaitero de Viascón Ricardo Portela (1920-1992).

 


 

 

2. E aquí xuntos a tocan Cristina Pato, Susana Seivane, Anxo Pintos (Berrogüetto) e Bieito Romero (Luar na Lubre) xunto á banda A Rúa en 1997. Si, é desas cousas que só pasan en «Luar»...

 


 

 

3. A versión máis exótica que demos atopado é esta. O trío xaponés Kazamidori (significa ‘catavento’) interpreta na cidade de Funabashi (Xapón), preto de Toquio, a «Muíñeira de Chantada».

 


 

 

4. Das versións «caseiras» gustounos especialmente esta de Luca Sulcanese un italiano de Pescara namorado de Galicia (só hai que pasarse polo seu Facebook) feita con buzuki e cítara. 

 


 

 

5. Unha versión para orchestra é a deste conxunto dirixido polo ex-violinista de Milladoiro  Antonio Seijas, o Grupo Orquestal Arcos, na que a muiñeira é interpretada xunto a «Ai, Rosiña» e «O galopín».

 


 

 

6. E para pechar o círculo das versións volvemos ao principio. A última non podía ser outra que a da Banda de Música de Chantada a herdeira directa daquela Banda dos Ferraias ao abeiro da que se compuxo a «Muiñeira de Chantada».

 


 

 

7. Vaiamos agora á danza. En 2015 o festival Buenos Aires Celebra Galicia quixo batir na capital da Arxentina o récord Guinness da muiñeira máis longa, e a de Chantada foi a peza elixida para o reto no que participaron 500 persoas entre bailaríns e músicos.

 


 

 

8. Para bailar hip-hop, que mellor que a «Muiñeira de Chantada». Que non? A escola de danza Media Punta foi campiona de España e subcampiona do mundo en 2018 demostrando que a versión de Carlos Núñez e The Chieftains pode ser tan actual e urbana como o rap.

 


 

 

9. A estas alturas sospeitamos que estarás desexando aprender a tocala. Pois velaquí Nadia «Xeitonas» ofrece un tutorial nivel medio con acento arxentino.

 


 

 

10. Por se non quedou claro, outro tutorial, este con gaita, do noso Erick Feles.

 


 

 

11. E para que podas seguir practicando, a partitura.

 


 

ETIQUETAS

izq noticias