• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

VIDEOCLIP CLUB. EDICIÓN DE OUTUBRO

Videoclip Club. Edición de outubro
26 OUTUBRO 2018

Cada mes os nosos editores engaden cinco vídeos ao Videoclip Club, a cinemateca de GalicianTunes en YouTube. Esta é a selección de outubro:

 

Videovigilada – Cró!

Cró! é ese grupo vigués digno dunha infinidade de etiquetas musicolóxicas: vangardista, progresivo, alternativo... pero só unha que as engloba a todas: posmoderno; Cró! é ra e príncipe destes atributos, á vista está no seu último traballo Mounstros (Metamovida/Nooirax/La Choza de Doe, 2016). O «monstro» adiantábao “Videovigilada”, corte que arrinca intenso e, riff a riff, mergúllanos nunha profundidade agresiva, claustrofóbica, da que a duras penas podes saír. O temor, a sensación de asfixia, de sentirse atrapado plásmase no vídeo, realizado por Miriam Rodríguez, coa psicodélica danza da bailarina e actriz Olga Cameselle como protagonista entre clarescuros.

 

 

 

Omertá – BALA

Ao máis puro estilo O clube da loita (David Fincher, 1999), BALA estreaba “Omertá”, segundo single do seu último disco Lume (Matapadre, 2017) e banda sonora da pelexa do ano. Gravado en plano secuencia en Desguaces Catoira, o videoclip dirixido por Gero Costas, con Abel Rosa na dirección de fotografía, e producido por Producciones Mutantes relata un combate entre dúas boxeadoras cun árbitro que podería ser o quinto membro de KISS, rodeadas por torres de coches á espera do seu destino final. Entre o público exaltante, o dúo galego interpreta “Omertá”, un dos temazos máis destacados do LP, e con riffs de guitarra e stoner-rock correndo polas súas veas, BALA canta á «violencia como liberación, como vía de escape, como metáfora».

 

 

 

Ostiá! – IGMIG

As letras desenfadadas e festivas, melodías psicodélicas, electrónicas, funky-rock-progresivas, folk... que IGMIG deifica coa súa característica posta en escena teatral e un directo fóra do común, definen este segundo videoclip e single. “Ostiá!” foi gravado no Náutico de San Vicente do Mar (O Grove) e dirixido, producido e montado por un tercio de IGMIG, Mig Seoane. A pedazo obra de arte audiovisual conta coa actuación estelar de Leo Arremecághona (de Galicia a Jolibú), acompañado por Lúa Gándara, Cris Balboa e demais amizades que, ben vestidiños para a ocasión, se lles uniron dándoo todo facendo aeróbic, co atardecer de fondo, na praia de San Vicente. Pst! O pijerío tiña recompensa: unha paella preparada por Miguel de la Cierva, xerente do Náutico.

 

 

 

Inferis – Basanta

Basanta, a banda viguesa oculta baixo unhas máscaras inspiradas na escenografía do teatro grego, convídanos a desfrutar das bondades do ocultismo, arte e filosofía a través do seu álbum debut, Colorama (C4Music, 2018). O seu primeiro videoclip adianto “Inferis” é unha peza de corte místico, unha viaxe psicodélica cara as portas do inferno, á espera de que Cobain lles deixe entrar ou non; todo un ritual pagán ao estilo giallo cheo de luces, sombras e hologramas. Melodías psych-folk, agochadas entre a luminosidade e a escuridade, destacan entre mellotróns, fuzz setenteiros e harmonías beatlenianas que conforman a banda sonora desta obra audiovisual, dirixida por Xaime Miranda, e Mellor Videoclip na pasada edición do Festival Primavera do Cine 2018.

 

 

 

Arraianos – Blues do País

Se non oístes falar algunha vez dos arraianos, Blues do País danvos a oportunidade de saber máis sobre os habitantes do Couto Mixto, ese Estado soberano asentado en 26,9 km² de terra nullius entre Galicia e Portugal existente ata 1864. A súa prosperidade residía nos privilexios de nacionalidade, identidade, cargas fiscais, límites, exención de sangue, armas, impresos oficiais, camiño privilexiado, dereitos de asilo, feiras e mercados... entre ti e máis eu, o que vén sendo un paraíso fiscal á galega! A Diva e o Bluesmanciño cóntancho no vídeo retranqueiro de “Arraianos”, pertencente a Ruta 120 (2016), gravado en vivo polo dúo blues á beira da fronteira portuguesa, entre a Taberna Celta de Pitôes das Júnias (Portugal) e a Serra do Xurés (Ourense).

 

  noticias