• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

MONKEY WEEK 2018 Á FEIRA

MONKEY WEEK 2018 Á FEIRA
21 NOVEMBRO 2018

As bandas galegas terán unha importante presenza na décima edición da Monkey Week SON Estrella Galicia, que por terceiro ano consecutivo se celebra en Sevilla. Once delas desprázanse ata a capital andaluza co apoio da Consellería de Cultura e Turismo, a través do acordo acadado pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e a organización deste encontro internacional para dar conta —baixo a marca GalicianTunes— da puxanza da nosa escena musical independente a nivel estatal.

Estes once grupos foron seleccionados logo dunha convocatoria pública xestionada pola organización de Monkey Week, encontro que nos últimos anos se ten convertido nunha efectiva plataforma de lanzamento para bandas emerxentes de toda España, tanto a nivel estatal como no resto de Europa e Latinoamérica.

 

ESTEBAN & MANUEL

Esteban (voz, teclados, percusión) & Manuel (voz, guitarra, caixa de ritmos), o de azul e o de vermello, o Combo Galego que dá renda solta á súa paixón polos ritmos latinos en composicións que eles mesmos clasifican como psicocumbia, cumbiatune e músicas tropicais do século XXI. A verbena corre polas súas veas e, influenciados por grandes como Los Hermanos Rosario, Juan Luis Guerra ou Chico Trujillo, Esteban & Manuel debutan con La Banda Sonora de Tu Día a Día (La Melona, 2017), LP composto por oito cortes entre os que escoitamos «medios cortes sabrosos, cumbia aderezada con autotune e hits que levantan a area do campo da festa», temazos que aseguran baile, cortello e plans de conquista.

Venres 23 | 2.00 h | Sala La Calle

 

 

 

BOYANKA KOSTOVA

Cibrán García AKA $aibran Gx2 (voz) e O Chicho do Funk (produtor) forman esta banda de rap-trap nada en Santiago de Compostela, pioneira en facer este estilo en galego. Boyanka Kostova comezan a compoñer en marzo de 2016 e dous meses despois gravan a súa primeira maqueta que les levará a dar concertos nas principais cidades de Galicia. A súa música conta historias ocultas e insólitas, interpretadas con enerxía, forza e paixón, pero sobre todo con moito flow. En marzo publicaban Vella Canción Galega (La Melona, 2018), EP composto por cinco cortes realistas cargados da retranca que caracteriza ao dúo compostelán, con melodías e letras que rompen de tal maneira a estrutura do trap que resultan paródicas. 

Venres 23 | 18.00 h | Escenario Mangaroca-Espacio Santa Clara

Venres 23 | 23.00 h | Sala La Calle

 

 

 

SEDA

Os álter ego de Pálida, 1/3 de Dois e ¼ de Jay xúntanse para formar Seda, un proxecto que «non é psicodelia, non é pop convencional, non é música experimental, non é urban, non é electrónica»... Nelo (Pálida), Óscar Raña (Dois) e Brais Otero (Jay) compoñen desde a psicodelia máis caleidoscópica, pasando pola música urbana ata a electrónica experimental. Melodías pop que deconstrúen xéneros enchen o seu debut, Seda EP (2017), e, máis recentemente, «lévannos a transitar paisaxes tan oníricas como luminosas» no seu último single, “Cueva Negra” (2018).

Viernes 23 | 00.45 h | Sala La Calle 

 

 

 

YURAQ WALLA

El, un cuarto de Puma Pumku, conecta, musicalmente, o pasado co presente. Guillermo Cavero (Puma Pumku, Hechizo Total) é Yuraq Walla, música andina mesturada con melodías electrónicas, un proxecto onde Cavero explora a combinación de sons amazónicos coa cadencia electrónica europea. O resultado? Ritmos e atmosferas cativadoras.

Venres 23 | 03.15 h | Sala La Calle

 

 

 

BIFANNAH

Bifannah, grupo vigués que soa a moody garage sesenteiro y tropicalia lisérxica do século XXI. Composto por Antía Figueiras (voz, baixo, teclados), Antón Martínez (batería, percusión), Guillermo V. Zapata (voz, guitarra) e Pablo Valladares (teclados, arranxos de guitarra), Bifannah conta con catro referencias no mercado: Bifannah (The John Colby Sect, 2016), Maresia (2017) e, un par de singles: Vem Quente Que Eu Estou Fervendo (2018) e Mudando as Cores da Vida (2018); traballos cargados de temas pretos ao pop psicodélico dos sesenta e setenta, letras en portugués e sons brillantes.

Venres 23 | 02.20 | Sala Even

 

 

 

BAIUCA

Baiuca é o proxecto máis persoal de Alejandro Guillán (Alex Casanova), onde o vilagarcián, motivado pola morriña durante a súa estancia en Madrid, fusiona o máis vangardista da música electrónica coas raíces máis puras e salvaxes da súa Galicia natal. No seu LP debut, Solpor (Raso, 2018), Baiuca emprega samples de instrumentación tradicional (cunchas, frautas, gaitas, pandeiretas) sobre bases techno, global bass ou house; un reinicio neotradicionalista sonoro que serve como reivindicación cultural e política, ademais de representar símbolos tradicionais da música raíz de xeito contemporáneo.

Venres 23 | 16.15 h | Escenario Jägermusic, Alameda de Hércules

Sábado 24 | 18.30 h | Escenario DITTO-Espacio Santa Clara, Torre Don Fadrique

 

 

 

PEÑA

Rubén Abad (Cró!, Trilitrate), Elena Vázquez (Trilitrate) e Toño Magariños (diola) beben da psicodelia acústica e experimental neste novo proxecto conxunto. Peña mergúllase libremente polo universo pop máis intimista e misterioso en composicións persoais, cortes que achegan unha nova sensibilidade dentro da escena independente nacional. Con dous sinxelos no mercado, “Ensíname” (2017) e “Fai o que queiras” (2018), Peña logrou «acaparar as miradas dos degustadores dese folk demoledor que colocou a Tim Buckley á altura dunha lenda».

Sábado 24 | 14.15 h | Escenario Mangaroca-Espacio Santa Clara

 

 

 

NOVEDADES CARMINHA

Desde o garage de 2014 ata a mestura con hip-hop, o funk e o power-pop, Novedades Carminha están de «de volta de todo», «antes molaban», pero agora tamén e así o levan demostrando desde hai case unha década. Logo de cinco discos de estudio, as sías letras irónicas e deslinguadas manteñen ao público nun pogo continuo durante os seus centos de concertos en escenarios nacionais e internacionais. O seus últimos singles, Te Quiero Igual (Ernie Producciones, 2018) e Verbena (2018), adiantan a liña do seu vindeiro traballo discográfico; un álbum no que, igual que en Campeones del mundo (Ernie Producciones, 2016), os de Compostela seguirán a explorar novas sonoridades… e «que Deus reparta forte».

Venres 23 | 00.30 h | Escenario SON Estrella Galicia, Teatro Alameda

 

 

 

PUMA PUMKU

A banda compostelana que toma o seu nome dunha estrutura monumental boliviana —a Porta do Puma, puma pumku en lingua aimara— leva desde 2013 regalándonos sons vintage e atmosferas psicodélicas. Composto por Amadeo Varela (guitarra, voz), Óscar Raña (batería), Coque Dosil (guitarra) e Pamper Cavero (baixo), Puma Pumku son os creadores dunha persoalísima visión da psicodelia, o dream-pop, o space-rock e a música experimental. Is It In You? (Matapadre, 2014) foi o seu disco debut, cargado de enerxía, ambición e inquietude, unha declaración de intencións que continúa, catro anos despois, cos seus tres últimos sinxelos estivais: “I Wonder”, “Oasis” e “Event Horizon”.

Venres 23 | 18.45 h | Discoteca Itaca

 

 

 

MOUNQUP

Sobre unha base electrónica, a súa voz balancéase entre loops, cables e collages melódicos, xogando con agudos e graves à la Björk. Francesa de nacemento e galega de adopción, Camille Hédouin presenta ao seu álter ego, Mounqup, unha paisaxe sonora composto de texturas, formas e cores. Soa, na súa casa en medio da montaña de A Bola (Celanova), Mounqup experimenta con samplers e demais materiais ata crear xunglas de son que desembocan nunha catarse sensorial. A súa discografía componse de dous longos, Proba de Son (Molho, 2017) e Castro Verdi (Molho, 2018), este último cunha electrónica rural renovada como protagonista.

Sábado 24 | 15.30 hEscenario Mangaroca-Espacio Santa Clara

 

 

 

LADRILLO Y MUJER

LaAdri, DJ Uxxio, Jon Lacroix e Neironairo son Ladrillo y Mujer, cuarteto coruñés que aposta polo synth-punk con «voces de resaibo pop, arranques metaleiros, dance herrumbroso e roots-rock combativo». As súas composicións son tensas, con letras crípticas e luminosas envoltas nunha cadencia frenética con ecos noventeiros, ritmos bailables, arpexos vintage e guitarras cortantes que lanzan ao escenario en actuacións escuras e espectaculares, convertendo os seus directos en toda unha experiencia demencial.

Sábado 24 | 21.15 h | Discoteca Itaca

 

 

 

Consulta os horarios das demais actuacións en monkeyweek.org.

  noticias