• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

INSCRICIÓNS ABERTAS PARA OS VI PREMIOS MARTÍN CÓDAX DA MÚSICA

INSCRICIÓNS ABERTAS PARA OS VI PREMIOS MARTÍN CÓDAX DA MÚSICA
28 FEBREIRO 2019

Un ano máis, promovidos pola asociación de Músicas Ao Vivo e co apoio da Agadic, entre outras entidades, os IV Premios Martín Códax da Música abren o 1 de marzo, o prazo de inscrición para todos aqueles proxectos musicais galegos vixentes e en activo durante o ano 2019.

 

Léase como «proxecto musical» aqueles grupos, solistas, espectáculos ou proxectos discográficos realizados en Galicia, ou fóra da comunidade, por músicos galegos. Se o proxecto é de fora de Galicia, a maioría dos seus integrantes, ou polo menos un 50%, deberán ser de procedencia galega ou, na súa falta, o líder do grupo; estes grupos poderán participar ben por cantar en galego ou por interpretar música de raíz galega. Así mesmo, non será preciso editar un disco en 2018, nen sequera editar un!

 

A inscrición é libre e gratuíta, pero está limitada a un proxecto por categoría. Os proxectos que foron gañadores na pasada edición de 2018, ademais de aqueles que «utilicen nas súas actuacións e/ou espectáculos, playbacks, falsos directos, ou músicas/os de figuración, así como contidos ou actitudes discriminatorias, violentas ou denigrantes», non poderán participar. O prazo estará aberto ata o vindeiro 17 de marzo en http://premiosmartincodaxdamusica.gal/; lembramos que non fai falta ser socio de Músicas Ao Vivo para presentarse. Podedes ler a convocatoria seguindo esta ligazón e, para máis información, enchede o Formulario de Contacto.

 

Os Martín Códax, recoñecementos á diversidade e calidade das producións musicais galegas, manteñen o mesmo sistema de votación que nas dúas últimas edicións. Así, nunha primeira fase, os socios e socias de Músicas Ao Vivo elixirán a tres finalistas de cada categoría, do 18 de marzo ao 7 de abril, que se darán a coñecer na Festa dos Nomeados nas Bodegas Martín Códax (Cambados) o 24 de abril. O xurado profesional, composto por sete profesionais do sector (1 xornalista, 1 representante de salas, 1 representante da industria musical, 1 representante da formación musical, 3 músicas/os), será o encargado de decidir, do 17 de abril ao 5 de maio, que proxectos recibirán o Melómano o 8 de maio, día no que se celebra a gala no Pazo da Cultura de Pontevedra e cando se entregarán as estatuíñas, repartidas en 15 categorías, 3 Premios Organistrum e 1 Premio Honorífico.

 

As 15 categorías musicais son: Pop e Indie • Rock • Blues, Funk e Soul • Metal • Canción de Autor • Músicas Urbanas • Reggae, Ska e Mestizaje • Electrónica • Música Clásica e Contemporánea • Jazz e Músicas Improvisadas • Música Tradicional e Folk • Músicas do Mundo • Música Infantil • Orquestras, Grupos e Música de Verbena • Coros e Grupos Vocais. As 3 categorías que compiten no Premio Organistrum son: Salas • Festivais • Espazos de Comunicación Musical. Por último, Músicas Ao Vivo recoñecerá a traxectoria dun artista galego co Premio Honorífico Músicas Ao Vivo.

  noticias