10 PROXECTOS GALEGOS ENTRE OS FINALISTAS DA XI EDICIÓN DOS PREMIOS MIN
Un xurado composto por profesionais do sector musical vén de elixir os 5 nomeados aos Premios MIN en cada categoría de entre os 30 semifinalistas que previamente elixira o público. Entre os finalistas destacan os «repetidores» Novedades Carminha, nomeados a Mellor Artista, e Triángulo de Amor Bizarro, que este ano opta a Mellor Directo; os que se estrean nesta edición, como Ezetaerre, Hard GZ, Tanxugueiras ou Xoana; e o nomeamento compartido de Abe Rábade Trío e Baldo Martínez a Mellor Álbum de Jazz; en total, atopámonos con dez artistas e grupos galegos que optan aos premios nalgunha das súas categorías, unha mostra máis do gran momento que vive a música feita en Galicia.
Aos gañadores desta XI edición dos Premios MIN os coñeceremos o vindeiro 13 de marzo na gala de entrega que se celebrará no Teatro Circo Price de Madrid e que se poderá seguir en redes sociais a través do cancelo #PremiosMIN, en streaming ou en directo, adquirindo as entradas vía Eventbrite.
Estes son os dez proxectos galegos finalistas e as categorías ás que optan:
Abe Rábade Trío [Ver en GalicianTunes]: Álbum de jazz: Doravante (Karonte, 2018)
A súa música conta coa precisión métrica dun reloxo suízo, pero sen perder a fluidez e o preciosismo que adornar as pinceladas que compoñen o seu microcosmos particular. Abe Rábade Trío, referente do jazz instrumental galego, presentaba o seu último LP, Doravante (Nuba/Karonte Records, 2018), na pasada edición do Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra. O álbum está composto por 11 pezas: cinco orixinais, dúas versións de música tradicional galega, dous estándares de jazz, un clásico da música cubana e unha transcripción harmonizada dun discurso falado. Unha vez máis, Abe Rábade Trío comparte un eclecticismo sonoro onde tradición galaica e jazz ortodoxo experimentan con ritmos clásicos, flamencos, afrocubanos e R&B.
Baldo Martínez: Álbum de jazz: Cuarteto Europa (Karonte, 2018)
Desde o jazz máis experimental chégannos os novos traballos de Baldo Martínez, un artista dedicado á innovación das corrientes europeas do jazz contemporáneo. Laureado en numerosos premios nas que participou, Baldo presenta o seu novo traballo, Cuarteto Europa (2018), co que non deixou de asombrar a críticos tanto nacionais como internacionais.
Chicharrón [Ver en GalicianTunes]: Álbum en galego: Cancións Clínicas (Prenom, 2018)
Logo dunha paréntese lonxe dos escenarios, Chicharrón regresaba cun novo traballo discográfico. Baixo o título de Cancións Clínicas (Prenom, 2018), a banda publicaba o seu terceiro longa duración cunha edición limitada a 200 copias en CD, presentado en cartafol de tamaño semellante ao dun vinilo 7”. Gravado por Ibán Pérez en Estudio Terraforma (O Hío, Pontevedra) e producido por Rubén, o LP está composto por 11 temas más próximos á electrónica que os dos seus anteriores traballos; Alberto, Mara e Rubén dan un xiro ao son de Chicharrón, que evoluciona cara ao post-punk e un pop escuro e esgazado. Os sintetizadores gañan protagonismo e crean espazos claustrofóbicos e tensos onde que ispen as voces de Alberto e Mara.
Ezetaerre [Ver en GaliciaTunes]: Álbum en galego: Pólvora e tormenta (Kasba Music, 2018)
Ezetaerre son O Garchu (A Coruña), O Pirola (Ourense) e O Petrowski (O Porriño), tres compañeiros de facultade parte do movemento estudiantil que, desde “El Zulo Rojo” (EZR) da Coruña, comparten estudos, loitas e experiencias. Con influencias de Rebeliom do Inframundo, Dios Ke Te Crew ou Los Chikos del Maíz página oficial, o seu rap melódico, de letras en galego que versan sobre temáticas sociais, políticas e históricas, enchen xa un par de longos, un EP, varios singles... e máis dunha ducia de videoclips en YouTube! No seu último traballo discográfico, Pólvora e tormenta (New Beats, 2018), Ezetaerre establece paralelismos entre a sociedade actual e a dos Estados Unidos da Gran Depresión, asolados pola crise e o Dust Bowl. Nos 11 cortes que compoñen o LP, podemos escoitar, ademais, as colaboracións de High Paw, Arnau (ZOO), La Pegatina, Akelarre e Ginestà, entre outros.
Hard GZ: Álbum de Hip-Hop e Músicas urbanas: Versus (La Utopía Del Norte, 2018)
Vive da súa música desde os 17 anos e agora, con 22, preséntase como unha promesa no novo rap español. Hard GZ lanza Versus (2018), álbum de letras cargadas de polémica influenciadas pola súa infancia na Coruña, onde formaba parte da escena urbana do seu barrio. Ademais de a Hard GZ, en Versus escoitamos tamén colaboracións de rapeiros moi asentados no sector como Tote King.
Mercedes Peón [Ver en Galician Tunes]: Álbum en galego: Deixaas (Altafonte, 2018)
Pasado e presente danse cita nas composicións da artista coruñesa que une a tradición musical da súa terra coa electrónica máis vangardista a través de ritmos ancestrais e sons vibrantes, metálicos e cargados de enerxía. Mercedes Peón experimenta a súa madurez musical en Deixaas (Altafonte, 2018), unha proposta musical arriscada e atrevida que amplía o seu universo melódico e a súa visión poética. Radical e magnética, Peón fusiona tradición, vangarda e atrevemento nos 11 temas que compoñen este quinto álbum, para o que decidiu converter a industria nun espazo sonoro de inspiración e interacción. Xunto con Mónica de Nut e Ana Fernández, a artista crea un concepto onde conflúen punk colérico, rock industrial e tradición como resposta ao ambiente sociopolítico e inquitudes actuais referentes á identidade, xénero, linguaxe, etc.
Novedades Carminha [Ver en Galician Tunes]: Artista
O seu último álbum, Ultraligero (Ernie Records, 2019), mestura rock, pop, funky, hip-hop, cumbia e folclore galego baixo o espírito macarra dun grupo que desfruta rompendo moldes no indie español. As súas canción subiron como a escuma e aínda lles queda por colleitar o éxito deste disco, que conta coas colaboracións de DELLAFUENTE, Alba Galocha, Esteban & Manuel ou Erik Urano. Novedades Carminha crea música coa que é imposible estar quieto e é que, como apunta un dos seus integrantes, Carlangas, «o baile é unha das grandes cousas que unifican a unha sociedade». O cuarteto coruñés é a festa personificada e, por agora, non teñen pensado cantar a derradeira e marchar para casa.
Tanxugueiras [Ver en Galician Tunes]: Álbum en galego: Tanxugueiras (2018)
Tanxugueiras, tres voces, tres mozas, tres novas aportacións á música tradicional galega, que está a experimentar o seu momento máis álxido. Proba disto é o éxito que recollen Olaia e Sabela Maneiro xunto con Aida Tarrío que, pandeireta en man, regalan ao público pezas tradicionais dun xeito coidado e natural. En 2018 presentaron o seu primeiro disco, Tanxugueiras (2018), composto por 11 temas que «conectan a tradición ibérica co maxín atlántico e os cheiros de ultramar». Co obxectivo de conseguir que «todo o mundo defenda e valore a nosa música», Tanxugueiras traspasa fronteiras e acada captar a atención en festivais nacionais e internacionais como, por exemplo, o Celtic Connections.
Triángulo de Amor Bizarro [Ver en Galician Tunes]: Directo: Ocho y Medio Club 20/04/2018
Pouco a pouco foron abríndose camiño na música desde Boiro (A Coruña) para o mundo. A súa experiencia fala por si soa, Triángulo de Amor Bizarro, un dos abandeirados do indie español continúa crecendo, mesmo ao outro lado do charco. Os catro compoñentes impregnan de personalidade e rock distorsionado cada unha das pezas recollidas no seu repertorio, que conquista a calquera oído nun breve instante. Pero máis breve, sen perder nin un chisco de intensidade, é o seu último traballo El Gatopardo (Mushroom Pillow, 2018), EP que constrúe en catro temas un reflexo da realidade social que este grupo inconformista necesita gritar aos catro ventos.
Xoana: Álbum en galego: Dardos (Inquedanzas Sonoras, 2018)
Cuns referentes tan persoais como a súa nai e avoa, non é de estrañar que a Xoana lle entrase o gusto pola música e decidise utilizala como un medio de denuncia social para romper cos prexuízos que rodean ao noso idioma. A violencia de xénero, a lingua, o amor ou a emigración son algúns dos pequenos Dardos (Inquedanzas Sonoras, 2018) reivindicativos que a artista porriñesa lanza a sociedade neste primeiro disco; un proxecto no que mostra en dez temas a versatilidade do galego empregándoo en estilos nos que non acostumamos a escoitalo como o pop, o rock, o jazz, o funky e mesmo o reggae.