11 DE AGROGLAMOUR
Cando o teu outfit é un mandilón de traballo, o teu workspace é a horta e o coworking consiste en recoller as hortalizas acompañado da túa irmá… Estás metido de cheo no agroglamour: un concepto que une o mellor do costumismo e urbanismo. Xogar ao golf en chanclas e calcetíns, facerse un selfie detrás do hórreo, unha pizza de raxo e grelos ou conducir un tractor vestido con smóking son só algunhas mostras desta nova corrente filosófica made in Galicia.
Co gallo da celebración do XVI Festival de Cans, todo un referente cultural en Galicia, quixemos aportar o noso graniño de area seleccionando 11 videoclips que representan á perfección o espírito do certame. Do 22 ao 25 de maio, os galiñeiros converteranse en escenarios, as adegas e galpóns en salas de proxección e os chimpíns no medio de transporte por excelencia.
1. Leiraz – Boyanka Kostova
Se en algo son especialistas Boyanka Kostova, é en fusionar o estilo de vida máis typical de Galicia coa música actual. Ataviados co outfit máis rural e baixo a dirección do vigués 999K; Cibrán García e O Chicho do Funk conquístannos presumindo de gando en “Leiraz” tema incluído no EP Vella Canción Galega (La Melona, 2018). «Teño os piñeiros marcados no monte d’aquí ó lado» é só unha das perlas que soltan neste tema cheo de romanticismo ecolóxico 100 % criado en liberdade.
2. Horta Revolution – Sacha na Horta
A ritmo de agro-punkchanga, con letras cargadas de referencias ao mundo rural e moita retranca, Sacha na Horta entra en escena. O terceiro traballo do grupo, Horta Revolution (2014), é todo unha alegación de rebelión, «de facer horta entre todas, poñernos a sachar para sementar cousas novas e sás e coller o fouciño para acabar con toda a broza que temos e que nos está a afogar». Katy Carey gravou e montou esta peza audiovisual na que plasman visualmente a súa filosofía, engalanadas cunha boa indumentaria agraria e con moita forza nas gorxas.
3. Mossa – De VACAS
Á sombra dos carballos da Granxa Maruxa e na presenza dun tractor agrícola e dúas carretas, De VACAS transforma o coñecido “Ai Se Eu Te Pego” de Michel Teló en toda unha declaración de amor bovina. Rosa e Melisa son as protagonistas femininas de "Mossa", peza interpretada por Inés Salvado, Faia Díaz, Paula Romero e Guillerme Fernández no Festival Monterrosón, celebrado en xuño de 2015. A formación fai gozar de novo o público con letras cheas de humor e a súa particular visión dos grandes éxitos do novo milenio.
4. Sempre en Galiza, Sempre en Pelotas – A Companhia do Ruído
«Din que movemos os marcos por pura avarisia». Con esta frase, A Companhia do Ruído abre o tema “Sempre en Galiza, sempre en pelotas”, toda unha oda aos mitos que envolven ás aldeas galegas. Con altas doses de sarcasmo, Alberto, Suso, Sabela, Martín e Roi fan referencias continuas á idiosincrasia galega e critican aqueles prexuízos impostos á nosa lingua e á terra. Incluído no álbum O Punchi Must Go On (2018) e gravado no Estudio A Ponte por Tomás Ageitos, os ribeirenses acompáñanse de paisaxes e elementos autóctonos neste vídeo do seu veciño Pablo Chouza.
5. Arraianos – Blues do País
Inperpretado pola diva rual por excelencia, “Arraianos” é un tema fronteirizo no que Blues do País defende a idea de que os límites territoriais non teñen por que separar as persoas. En clave de humor, os versos desta canción incluída en Ruta 120 (2016) falan de costumes como bañarse nas termas, tomar o sol na serra ou beber licor café. O videoclip, gravado na Taberna Terra Celta de Pitôes das Júnias, móstranos o dúo compostelán en diferentes estampas típicas da Galicia campestre sobre un blues do máis clásico.
6. Gente Pota – CAXADE
A segunda videocreación do proxecto audiovisual de Alonso Caxade, dirixido por Javier Antelo, ten unhas claras «potagonistas». O artista nado en Ames establece un paralelismo entre o son oco que emiten as potas e as cabezas dalgunhas “pessoas poderosas” nunha historia satírica sobre a sociedade actual, que se completa con "Dança dos Moscas” e “Sr. Xorda”. Nunha acción de revisión da musica tradicional galega, CAXADE crea xunto a Manu Paino, Manu Espinho e Xosé Tunhas melodías folk inspiradas na vella Europa, cun discurso elegante á par que reivindicativo e metafórico.
7. Non ides poder – Esquíos
Entre sachos e cun escenario do máis improvisado, os Esquíos corren por verdes prados e reivindican que están fartos do traballo e a monotonía. Con “Non ides poder” volven á súa infancia, a recuperar os anos perdidos e a xogar con paus polo campo sen preocuparse por nada máis. A desvergoñada banda estradense, especialista en «punk-rock condimentado» invítanos a que deixemos de ser tan urbanitas para volver ao teito de uralita.
8. Jódete y Baila – Novedades Carminha
Novedades Carminha tráenos o seu videoclip máis festeiro cunha celebración bucólica. En “Jódete y baila”, os de Santiago reúnen unha cuadrilla considerable para gozar dunha festa de verán entre árbores, kalimotxos, churrasco e hórreos. O contraste entre a vestimenta hipster dos personaxes e os mangueirazos no traseiro a varios dos presentes, fan desta peza digna merecedora da distinción agroglamour. O videoclip é unha producción de Stela Kaminova, dirixida por Javi Camino e o tema pertence ao segundo álbum do grupo, Jódete y baila (2011).
9. Que jallo é – Heredeiros da Crus
Creado especialmente para o programa infantil da TVG Xabarín Club, este videoclip-karaoke presentaba os Heredeiros da Crus entre balas de palla, tractores, galiñas e conexos. Un panorama do máis agrario cun galiñeiro liderado por un ghalo con malas pulgas. Tonhito de Poi encabezaba a banda máis famosa do movemento bravú, que fixo bailar a toda unha xeración e continúa coa tarefa a ritmo de “churras, churras”.
10. Alan Lomax – Ataque Escampe
O agrodrama chega co tema de Ataque Escampe. Alan Lomax é un solitario estranxeiro que, con sandalias e calcetíns, visitou A Gudiña e Ribadavia, probou as luras e os berberechos, pero «non coñeceu amor». O grupo de Compostela tráenos a historia dun peculiar personaxe que combina o golf e as apostas cos paseos polo campo e as cuncas das tascas galegas máis tradicionais. Este sinxelo está incluído en Primeiros Bicos (2017), o sexto álbum do grupo, e o vídeo está realizado por David Silva a partir dunha idea de Miguel Mosquera e protagonizado por Roi Vidal.
11. O Marco – A Banda da Balbina
É verdade que os conflitos territoriais semellan estar de moda, pero os galegos levamos lustros participando nunha batalla entre veciños por culpa dos marcos. Estas pedras son as encargadas de sinalar os límites dunha finca e non son poucos os que caeron na tentación de movelas para abarcar máis terreo. A Banda da Balbina cóntanos a historia dunha ambiciosa propietaria que cada noite move un palmo estes famosos pedrolos limítrofes nun vídeo de animación realizado por nbek.