• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

GALICIANTUNES ESTREA EN EXCLUSIVA CATRO VÍDEOS EN DIRECTO DE ANXO BLAS

GALICIANTUNES ESTREA EN EXCLUSIVA CATRO VÍDEOS EN DIRECTO DE ANXO BLAS
21 XUÑO 2019

A sólida formación de Anxo Blas como pianista e violinista, a docencia musical na ensinanza primaria, e a súa faceta como trobador e compositor son sinais dunha vida dedicada á música en corpo e alma. Blas leva desde 2015 facendo os seus «pinitos como cantautor», que deixaron xa un par de maquetas e dous discos, o último, Vivimos en Vigo (2018); un álbum composto por unha ducia de temas, entre creacións orixinais e versións de poemas musicados, que saen das experiencias que lle ofrece a vida, desde a melancolía ata o sentimentalismo, pasando polo humor e a retranca.

A súa xira presentación recalou o pasado 22 de maio na ETRAD (Escola Municipal de Música Folk e Tradicional) de Vigo, unha parada obrigatoria por varios motivos: «eu son exalumno da ETRAD na asignatura de zanfona [...] ademáis está de mestre Anxo Pintos, quen tocou conmigo no tema “A Fala” e tamén ese día; a sala chámase Milladoiro, fermoso nome, onde a pegada que fixo á música tradicional e folk é innegable». Durante a presentación de Vivimos en Vigo, Anxo Blas interpretou varias pezas recollidas no disco, pero aproveitou tamén para tocar temas inéditos que lle están a acompañar ultimamente nos directos: «sempre ando presentando temas novos, porque é unha maneira de motivarme para tocar, para disfrutar e non repetirme»

O músico ourensán afincado en Vigo aproveitou que «estaba nunha sala bonita para gravar todo o concerto», do que aquí estreamos catro vídeos das cancións máis especiais.

 

Vivimos en Vigo – «Son un ourensán que vive en Vigo. Levo 9 anos en Vigo e ao principio ocultaba que eu era de Ourense, porque pensaba que os vigueses enfadaríanse conmigo ao saber que viña ‘outro máis’ de Ourense. Pero por onde me movía sempre atopaba a un ourensán, mesmo chegando a adiantarme cando me presentaban a alguén, preguntándolle ‘de que parte de Ourense es?’, e así xurdiu o tema ‘Vivimos en Vigo’, unha homneaxe a todos os ourensáns que viven alí».

 

 

 

Muller Alacrán – «É a primeira canción do disco e xurdiu cando estaba estudiando en Santiago de Compostela, sempre levaba no peto unha libretiña onde ía anotando frases, poemas, ideas... estaban espalladas e, logo, cando as revisei vin que todas falaban do mesmo, así que as xuntei e compuxen esta peza».

 

 

 

A Fala – «A Fala é un poema de Manuel María que reivindica a nosa fala, o galego, como aceno de identidade do pobo de seu que somos. A música é unha melodía popular americana, 'We Shall Overcome', que adoitamos escoitar nas marchas-protesta, empregada por vez primeira nos anos 20, cando un grupo de mulleres se manifestaron para reivindicar os seus dereitos sociais e laborais por despidos indiscriminados dunha tabaqueira. Na actualidade, é tan popular que todos os países recoñecen esta melodía como propia. Eu empregueina para musicar o poema, xa que a melodía é tan pegadiza e reivindicativa como o texto; a unión foi perfecta.

‘A Fala’ está gravada no disco xunto á zanfona de Anxo Pintos. Contar con Anxo é todo un luxo polo gran músico e grandísima persoa que é. A zanfona que gravou lémbrame a morriña que lle entra aos galegos ao voltar á súa terra; soa a saudade, a terra mollada, a esencia de pobo, a nostalxia. Ademais, no disco escoitamos tamén a propia voz do poeta recitando a súa obra que xentilmente me cedeu a Fundación Manuel María.

Por todo iso, ‘A Fala’ é un dos temas principais do disco e ten sempre presenza nos directos».

 

 

 

Carpe Diem [inédito] – «É unha homenaxe que quería facerlle á película O Clube dos Poetas Mortos (Peter Weir, 1989); de feito, a letra da canción son diálogos reais da película. Vina cando era adolescente e cambioume a vida, buscar a miña quimera foi desde entón a miña preocupación. ‘Carpe Diem’ adóitoa tocar de primeira, porque é como unha clara mostra de intencións do que vai acontecer, cada un de nós ten que elixir o seu camiño, e eu dou grazas por poder estar nun escenario».

 

 

 

  noticias