• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

NAJLA SHAMI: UNHA VIAXE DE OCCIDENTE A ORIENTE CON NOME DE MULLER

NAJLA SHAMI: UNHA VIAXE DE OCCIDENTE A ORIENTE CON NOME DE MULLER
28 OUTUBRO 2019

Filla de pai palestino e nai galega, filla de dúas culturas. Vocalista e compositora de Santiago de Compostela, Najla Shami leva toda unha vida dedicada á música... literalmente, xa que o seu primeiro contacto con ela, foi desde o berce! «Meu pai sempre conta que o único xeito de me manter tranquila [...] era poñendo a radio ao meu carón, inclusive polas noites para me arrolar e durmir». Anos despois, sendo unha cativa, formou parte de coros polifónicos e grupos de música tradicional galega coa súa nai e as súas irmáns quen, xunto co seu pai, que «adora facer percusión sobre calquera superficie», e o seu irmán á batería, conforman «unha familia melómana en xeral [...] gostamos da variedade musical pois sempre escoitamos música de infindas latitudes debido á multiculturalidade familiar».

 

Foi nesta época cando Najla empezou a compoñer, unha arte que se incrementou cando, antes de maioría de idade, comeza a tocar a guitarra: «o amor pola guitarra, polas cordas, chega a min tamén por herdanza familiar. A miña bisavoa Hadiyah e a miña avoa Azizah tocaban o laúde árabe e cantaban amenizando as reunións familiares». As súas composicións vólvense máis personais e a súa voz bebe de estilos como o jazz, rock e a world music.

 

Cos títulos de Educación Musical (Universidade de Santiago de Compostela) e Jazz e Música Moderna (Estudio Escola de Música) baixo o brazo, a cantautora afonda na técnica vocal e a a súa pedagoxía, aprendendo de grandes instrutoras como Helen Rowson, Sarah Stephenson, Alexandra Morales, Charlotte Shorthouse ou a foniatra Marisa Lois. Najla non deixa de crear e, tanto en solitario como parte de agrupacións, realiza unha gran cantidade de traballos, entre os que destaca o polifónico en coros de world music, Coro da Rá, ou o quinteto vocal jazz Os Tristáns. Aos poucos, enraíza sonoridades brasileiras e africanas con melodías da súa terra e con jazz.

 

 

A lingua que elas falan, a lingua que falamos e a que queremos seguir falando

 

Logo de colaborar case unha década con músicos de diversas latitudes, Najla Shami debuta en solitario co libro-disco Na lingua que eu falo (Editorial Galaxia, 2013), unha elegante e profunda mirada sobre a obra de Rosalía de Castro; dez poemas musicados onde a compositora galego-palestina reúne a súa bagaxe musical e o presenta cal tremor rosaliano como un agasallo para os nosos corazóns. Íntimo e delicado, para Na lingua que eu falo, Shami contou con grandes colaboracións, como Uxía e Davide Salvado, conformando así un proxecto coral no que tamén se rodeou de músicos como Germán Díaz, Pablo Pascual, Paulo Silva, Alejandro Vargas ou Xosé Lois Romero, entre outros. Foi con este primeiro álbum co que Najla Shami se coou entre os finalistas dos XIII Premios Opinión de Música Folk como Mellor Novo Artista e Mellor Tema Orixinal.

 

 

Despois de levar a Rosalía de Castro e cantar na «lingua que elas falan, na lingua que falamos e na que queremos seguir falando» (Galaxia), en 2016, guiada pola súa crecente curiosidade e co obxectivo de afondar no canto árabe e a música oriental, Najla trasládase temporalmente a Xordania —terra que acolleu ao seu pai e a moitos palestinos— unha experiencia na que destaca, principalmente, a conexión co seu pasado, «a posibilidade de coñecer unha parte de min que teño menos explorada e conseguir emplazar aspectos do meu interior por atopar na viaxe a súa fonte». De volta, embarcouse, xunto con Sérgio Tannus e Mauricio Caruso, nunhas Latitudes onde nos convidaba a viaxar por melodías de Brasil, África, Sudamérica ou Oriente Medio; destinos «sonoros» que despedía a finais do ano pasado e aínda non sabe se volverá visitar, cando, nin con quen: «os procesos sempre van vindo mais eu nunca planifico nada a priori. Só tento cumprir dous puntos importantes: buscar no proceso o equilibrio interior e tentar desfrutar de cada paso».

 

 

O agasallo da música, e músicos, xordana e palestina

 

O pasado setembro publicábase Ela sabe a sol (Editorial Galaxia, 2019), o seu novo traballo discográfico froito desa estancia en Xordania, un libro-disco onde Najla materializa a mestura de culturas nun son propio e único de carácter internacional; escoitamos a kalimba ou o oud, instrumentos que «son alimento para a inspiración. Cando teño a necesidade de me expresar dun xeito en particular a miña capacidade de escoita maximízase e acudo a chamadas tanto internas como externas. Síntome moi conectada co meu instinto». Gravado entre Estudio Beograd (Santiago de Compostela), Estudio Mr. Jones (Madrid) e Domvs Musicvs Studios (Porto), Ela sabe a sol recolle 13 temas compostos entre Xordania, Palestina e Vigo, 13 pezas que conectan oriente con occidente, a música coa poesía, mesmo tres idiomas (galego, castelán e árabe).

 

 

Ela sabe a sol ten un traballo de campo exhaustivo, un labor no que Najla se enchoupou moito «de sons que quero incorporar e neste caso reconecto con moitos outros que me acompañaban desde cativa»; en canto ao momento compositivo, afirma que «intento cinguirme a certos parámetros de linguaxe que pense definen o estilo ao que me achego mais nunca poño límites a romper estes parámetros pois gosto de que o meu imaxinario teña liberdade creativa. O máis emocionante sempre é a diferencialidade do resultado e a incerteza de saber se funcionará».

 

 

O dúo compostelán Blanco Palamera é o grupo galego que Najla Shami nos recomenda —«os seus sons brandos éntranme moi ben!»— aínda que no seu Spotify podemos escoitar unha gran variedade de artistas, estatais e internacionais, como Xosé Miguélez, Baleia, Mayra Andrade, Amaia, Shintaro Sakamoto, Vicente Navarro, Thiago Petit, PJ Harvey, Tamino, Bon Iver ou Ricky Lee Jones.

 

  noticias