PARDO: UN BAILE ENTRE A MÚSICA FOLK ESTADOUNIDENSE E OS RITMOS LATINOS
A voz da súa nai, cantándolle cancións de Roberta Flack —«cancións que todavía son moi emotivas para min»— cando aínda non sabía nin falar espertou nel un sentimento, o mesmo que aos 19 anos levouno a fundar a súa primeira banda. Case unha década despois, arríscase a voar só... coa súa guitarra: «comecei a tocar a guitarra para aprender a cantar, recordo que comprei a miña primeira guitarra, unha Terada acústica, nunha tenda de empeños con diñeiro aforrado para tal fin. E grazas a ela aprendín a cantar con cancións de Elvis, Jerry Lee Lewis ou Hank Williams». Néstor Pardo emprende en solitario o seu proxecto máis persoal, PARDO, escapando de calquera etiqueta ou prexuízo, materializando o seu grande interés pola música folk estadounidense e pola música latina: «a primeira desas influencias foi cousa miña, desde novo comecei a descubrir aos primeiros bluesmen como Son House o Big Bill Broonzy e outros estilos máis pretos ao country ou o folk como Hank Williams ou Dave Van Ronk. A música latina vén das miñas raíces familiares, a miña familia paterna é cubana e supoño que iso levoume a desfrutar moito do son cubano, a salsa vieja ou a Fania».
Cun título de guitarrista profesional en música moderna pola Escuela de Música Creativa (Madrid), tres discos con The Loveless Cousins e dous LP con The Allnight Workers, PARDO volta a súa cidade natal deixando atrás as súas formacións e comezando unha etapa en solitario que estrea con Waitin’ To The Other Side (2013). Gravado a guitarra e voz, este debut discográfico está composto por once pezas orixinais de corte íntimo e un cover do ‘Everybody’s Talkin’ de Harry Nilsson, un álbum que reflicte a madurez e inquietudes musicais do artista a ritmo de folk americano e country. PARDO, xunto con Miguel Martínez (contrabaixo) e Adrián Seijas (batería), presenta Waitin’ To The Other Side por escenarios da xeografía española cunha acollida asombrosa, esgotando as 700 copias sen promoción previa.
Melodías country-folk, blues e swing, en semiacústico, fusiónanse cos acordes da guitarra que acompañan a súa característica voz quebrada. A principios de 2015, PARDO publica o seu segundo álbum, Let It Stay (2015), un LP de 12 cancións de composición propia nas que o músico e compositor dá renda solta a sentimentos que, inevitablemente, están presentes no seu día a día. Cantos esgazados ao amor, nostalxia, decepción, tristeza ou soidade son os protagonistas desta emotiva e crúa proposta musical, onde voz, guitarra, contrabaixo e batería sitúan cada tema nun ambiente nocturno, melancólico e, por enriba de todo, sincero: «no fondo do meu corazón síntome identidicado con aqueles bluesmen solitarios que enchían de sentimento e verdade a súa música [...] tento achegarme a súa honestidade para poder chegar a coñecerme mellor y a comunicar aos demais quen son e cal e a miña historia». Let It Stay destaca por sedutoras tonalidades vocais e un arrebatador rock intimista, atributos cos que PARDO acada conquistar a todo aquel que abra un pouco o corazón.
Cun cambio no son, banda e idioma, PARDO presentaba o seu terceiro traballo en solitario, Siento No Haber Sido Lo Esperado (2016), cheo de novidades, non do todo radicais, que poñen en evidencia a variedade de recursos que manexa o artista: «cando cantaba en inglés sentía que a miña comunicación co público era escasa para o que eu quería transmitir; por eso comecei a escribir en castelán, para poder chegar a xente de maneira máis cercana, que entendesen o que eu quería dicir... e a verdade que agora non volvería nin de broma ao inglés. Compositivamente, o castelán é moito máis rico e permíteme ser máis sincero nas miñas letras». Gravado en Santa Cruz Recording (A Coruña), o LP recolle 11 temas propios, máis electrizantes, pero mantendo a raíz americana nesas harmonías country, blues con chiscos ao folk e unha voz rota cargada de matices capaz de transportarnos ao corazón de Nashville (Tennessee, EE.UU.). Un PARDO máis crú e visceral ofrece en SNHSLE unha viaxe sonora aos seus inicios rockabilly que, mesturándose con demais xéneros, o lanzaron ao cartel da primeira edición do Festival 17º Ribeira Sacra e á final dos IX Premios Fran Pérez NARF, organizados pola Deputación da Coruña, sendo galardoado co terceiro posto da clasificacion.
Titulouno porque unha delas roldou o estudio de gravación e «había unha tasca a un quilómetro e estaba outra ou a mesma. De volta, en casa, seguía alí». Esa Libélula (2017) é o cuarto álbum, segundo en castelán, un longo producido por Alejandro González. Nove cortes de amor, desamor, rabia ou incomprensión xunto cunha versión do seu bolero favorito, ‘Vete de mí’ de Virgilio Expósito, compoñen un traballo que se abre a novas sonoridades e, sen complexos, PARDO toca o folk, o rock and roll, o pop ou a cumbia. ‘Golpeado por Primera Vez’ foi o escollido como single presentación, unha canción onde o artista coruñés mesturou as raíces americanas e latinas creando unha combinación de melodías tan sensual como a súa lírica.
Grabouse no sur, en analóxico, pero co corazón no norte, así suxire o título: «Santa Cruz era o lugar onde viven os meus avós [...] foi naquela casa onde volvín nacer [...]. É un lugar moi espiritual para min, atópase no Concello de Oleiros na Coruña». Santa Cruz (2019) é o seu novo traballo, o quinto da súa discografía en solitario. Dez cancións conforman a banda sonora desta «aventura marabillosa» para PARDO, «onde puiden traballar con músicos increíbles dos que aprendín moito». E é que, como anunciaba a principios de ano, Santa Cruz foi un «traballo en equipo que escribín con toda a verdade baixo os meus puños...». Paixón, sentimento e corazón nunha decena de composicións cunha raíz americana que sostén rock & roll clásico, country e blues. PARDO baixou ata Desert City (Almería) para gravar o longo xunto a Mario Cobo «guitarrista e produtor, ademais de coautor de dúas cancións do disco», co que «traballar man a man foi moi enriquecedor e repetiría mil veces a experiencia»; o «equipo» complétano Pike Cavalero, Alfonso Alcalá, Lucas Albaladejo, Jesús García y Nuria Liz.
No seu Spotify «podemos escoitar de todo... ultimamente estou escoitando moito á familia Taylor (James y Livingston Taylor), pero tamén a Rubén Blades, Silvia Pérez Cruz, Lightnin’ Hopkins ou Hot Boogie Chillun», á hora de recomendarnos un artista ou grupo galego, PARDO «varre para casa» e quédase con «Ale González, el é un compositor incrible que agora comeza a súa carreira en solitario e está a gravar en Madrid con Nico Vieites, David Quinzán e Adrián Seijas. Temos que estar atentos ao que vai sacar este home en breves, de seguro será incrible».