• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

VIDEOCLIP CLUB. EDICIÓN DE NOVEMBRO

Videoclip Club. Edición de novembro
22 NOVEMBRO 2019

Este mes, os editores engadiron os seguintes vídeos ao Videoclip Club, a cinemateca de GalicianTunes en YouTube.

 

Os Tafenos da Gaurra Luar na Lubre

“Os Tafenos da Gaurra”, foi o single-clip presentación do último traballo de Luar na Lubre, Ribeira Sacra (Warner Music Spain, 2018). O título do tema significa “Os Diaños da Noite” en barallete, lingua que usaban os afiadores e paraugueiros ambulantes de Ourense para que ningúen máis puidese entender o que dicían. “Os Tafenos da Gaurra” está composta sobre dúas melodías principais: Non é gran cousa, cantiga 26 de Santa María escrita por Alfonso X “O Sabio”, e unha letra en barallete na que Luar na Lubre contou coas voces de SES e a Coral de Ruada. O videoclip que acompaña estes alegres acordes combina espectaculares imaxes da Ribeira Sacra, obra de Gael Carballo, e unha serie de animacións ilustradas por Manuel Calderón. Sobre a frondosa paisaxe galega bailan animais animados para que os máis cativos aprendan xogando algunas verbas desta xerga; tamén bailan os diaños da noite ao son dunha gaita galega que, lonxe de transmitir medo, convida a perderse polas máxicas terras da Ribeira.

 

 

 

Real eyes, realize, real liesMadhero

Madhero chegaba a tempo para encher as pistas de baile! Baixo un curioso xogo de palabras en inglés, “Real eyes, realize, real lies” mantén esa apaixonante fusión de xéneros e influencias musicais, como a electrónica, o techno ou o dubstep, que Madhero materializa nunha peza audiovisual protagonizada por unha lumínica coreografía de bailaríns que, agochados detrás dunhas máscaras de neon, expresan a súa postura, mediante movementos mímicos, fronte a como chega e como é tratada a información que ofrecen os medios de comunicación a través das nosas pantallas… does the end justify the means?

 

 

 

Un díaSon Trío

Son Trío, formación coñecida por fusionar a poesía de Rosalía de Castro con instrumentación clásica, cambia de instrumento... e de poeta! “Un día”, poema incluído en Viaxe ao país dos ananos (1968), foi escrito por Celso Emilio Ferreiro «pola morte do seu irmán na esperanza, Antón Beiras»; hoxe, 51 anos máis tarde, o trío vigués musícao, cambiando a instrumentación cunha composición orixinal e un videoclip rodado polas rúas de Vigo, aquelas que percorrían tanto o autor do poema como o protagonista do mesmo. Con produción artística musical de Gonso Pedrido, en “Un día”, a composición é obra de Katerine Linke, que cambiou o seu piano por un pequeno metalófono; a voz, doce e expresiva, é de Su Garrido Pombo, e os profundos acordes do cello fírmaos Susanna Blanco.

 

 

 

 

BudapestLuis Moro

Un panorama desolado e de arrabalde introdúcenos no “Budapest” de Luis Moro, unha das pezas incluídas no seu último álbum El pacto (Laboratorio azul, 2017). O videoclip, producido por Anulora, mostra unha combinación de escenas entre a periferia industrial de tons agrisados cunha paisaxe árida e cálida, filmadas por Andrea Ratto e Marta Morlán en diferentes localizacións da Coruña, Roma e Extremadura. Moro canta ao desengano e a nostalxia que o caracterizan no “Budapest” da viaxe reconstrutiva que é El pacto. E non o fai só, o cantautor rodéase de Jose García (batería, percusión), Andrés Saavedra (baixo), Fran Borrego e Nico Vieites (guitarras eléctricas), Pablo Seijas (piano) e Silvia Penide (coros) neste percorrido persoal que nos deixa con ganas de coñecer o seguinte destino.

 

 

 

Alfaia PunkRUXE-RUXE

«Alfaia [subs.]: calquera elemento de moito valor». «Punk [subs.]: movemento cultural xurdido a mediados dos anos 70 caracterizado pola súa actitude independente e contracultural». Así presentábse este videoclip dos Ruxe-Ruxe, toda unha “Alfaia Punk” de case tres minutos, producida por Lobicán Records, e que soa o ronsel do seu rock-folk con actitude punk que os leva caracterizando nos seus máis de 20 anos enriba dos escenarios. Tres anos despois do seu último traballo discográfico, o LP aniversario 20” (Lobicán Records, 2016), o sexteto máis cañero volvía cun corte «moi Ruxe» acompañado dun videoclip caralludo, ilustrado e animado por Diego Pérez sobre a idea orixinal de Ramón Díaz; un lenzo audiovisual en marfil e vermellón onde Ruxe-Ruxe comparte espello con personaxes tan dispares como Trump, Capitán Spock, Wally, Rosalía de Castro, Freddy Krueger, Carmen de Mairena, Amy Wineouse, Tyrion Lannister ou Vilma Picapedra.

 

 

 

  noticias