• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

TANXUGUEIRAS: RENOVACIÓN, REINTERPRETACIÓN E REVOLUCIÓN DA MÚSICA TRADICIONAL GALEGA

TANXUGUEIRAS: RENOVACIÓN, REINTERPRETACIÓN E REVOLUCIÓN DA MÚSICA TRADICIONAL GALEGA
9 DECEMBRO 2019

Partindo dun coñecemento rigoroso da tradición e da música de transmisión oral, entre as Tanxugueiras dase un encontro único onde a maxia, a naturalidade, a espontaneidade e a comuñón musical xorden desde o primeiro minuto. As cantareiras Aida Tarrío (Ribeira) e as irmás Olaia e Sabela Maneiro (Teo) xuntáronse hai xa tres anos para cantar, tocar a pandeireta e recoller o herdado das súas avoas: «cantareiras e pandeireteiras a moita honra, e serémolo sempre! Foi un instrumento que nos acompañou ao longo da nosa vida e que empezamos a tocar de ben novas, aínda que Olaia e Sabela tiveron un parón duns anos e voltaron collela con máis forza. Somos moi curiosas e interesámonos por moitos instrumentos, pero a pandeireta foi polo que nos acabamos decantando sempre. Sen esquecernos da voz, por suposto, pois é a nosa especialidade».

 

O mundo da pandeireta e o baile está a vivir en Galicia un momento irrepetible e Tanxugueiras compárteo dun xeito fácil, natural, cun empaste nas voces pouco común, con arranxos elegantes e coidados, cun son grande e cristalino, cunha tímbrica instrumental que conecta oriente e occidente, con intelixencia e humor. Un momento que o trío define como «moi doce para a música tradicional, pero como todo é cíclico, cremos que volverá a ter un momento de baixón, aínda que esperamos que non sexa moi grande... Ben, realmente, nós esperamos que este momento se manteña así moito tempo e que cada vez a música galega sexa valorada por máis xente». Estamos, pois, ante un «rexurdimento» do tradicional na escena musical actual? Unha volta ás raíces ou un devezo por perpetuar o noso? Tanxugueiras teno claro: «o mundo da música tradicional hai sitio para todos: para os que a estudian e queren conservala tal e como era, sen darlle unha volta, e para a xente que quere xogar con ela e darlle un aire máis actual. É unha volta ás raíces, claro, pero entendendo que pasaron 100 anos como mínimo».

 

De aí que hai algún tempo afirmaran que «o tradicional está moi ben, pero debemos avanzar» e, para mostra, a súa ópera prima, Tanxugueiras (2018), álbum dedicado «a todas as que loitan para que o noso non morra», e para o que se rodearon de músicos como Pedro Martín Jones (Coetus, Eliseo Parra, Drexler) ou Jaime Muñoz (La Musgaña) e do produtor Pedro Pascual (Marful, Najla Shami, Davide Salvado, Guadi Galego). Composto por 11 temas onde voz e percusión comparten protagonismo, Tanxugueiras destaca por conectar a tradición galega con ecos alén do Atlántico. Para enriquecer a súa harmonía e demostrar que a música tradicional continúa a abrir novas fronteiras de son, Tanxugueiras xuntáronse con Cibrán Seixo (violín) e Rubén Fernández (acordeón), ampliando o seu espectáculo. Foron eles os autores dos arranxos musicais da ‘Xota de Bembibre’, canción á que o trío lle ten especial agarimo.

 

 

 

«Son pezas que nos marcaron ao longo do noso recorrido, desde que empezamos cantando nas asociacións ata o día de hoxe. É unha viaxe desde a primeira ata a última canción. Hai moita diversión e tolería»; así é como elas describían Tanxugueiras, un álbum que non só marca a súa estrea no mercado discográfico, senón que as levou a recoller o XI Premio MIN a Mellor Álbum en Galego, ademais de ganar el Melómano dos VI Premios Martín Códax da Música na categoría de Música Tradicional Galega, dous recoñecementos que «significaron moitísimo, son un recoñecemento a todo o traballo que houbo e hai hoxe en día detrás. Pero o importante é o moito que significou que a música tradicional estivera presente e gañara un premio estatal e a gran visibilidade que acadou». ‘Que non mo neguen’ foi o single presentación daquel Tanxugueiras, un canto á liberdade e reivindicación feminina cun videoclip para o que Aida, Olaia e Sabela se rodearon de seis «mulleres fortes e libres», como a poeta e activista Luz Fandiño; Gloria Leis, a mariscadora máis nova da Confraría de Pescadores de Muros; Estrella Sánchez, Doutora en Endocrinoloxía da USC; ou Isabel Neira, a única torneira que exerce a profesión en Galicia.

 

 

 

O 7 de febreiro de 2017, un medio galego facíase eco das 222.000 reproducións dun vídeo de «tres pandeireteiras galegas» improvisando un ritmo de «panaderas» nos camerinos do Celtic Connections; hoxe, ese vídeo conta xa con máis de 325.000 visualizacións. Tanxugueiras fixéronse virais naquela edición do Celtic Connections —festival que se centra nas raíces da música tradicional escocesa famoso por reunir a artistas internacionais de música folk e world music— á que acudiron xunto Banda das Crechas, e este ano repetiron experiencia, por partida triple! O 25 de xaneiro, ademais de publicar o single ‘East West’ con Shooglenifty Scotland, Tanxugueiras compartiu escenario con eles e Dayam & Latif (Dhun Dhora) durante a súa actuación en Barrowland Ballroom (Glasgow). Días despois, as alegres melodías do trío coruñés asolagaron o King’s Theatre e, ao día seguinte, escoitáronse tamén na Galician Reception, celebrada en Drygate Brewery, actuacións que formaron parte do programa do Showcase Scotland que, este ano, tivo a Galicia como territorio convidado.

 

 

 

E, aínda que a súa música soou tamén en Cuba, India ou Suíza, entre outros países alén das nosas fronteiras, Tanxugueiras confesa que, para elas, Escocia ten un recunchiño especial no seu corazón, confesando que «o Celtic sempre nos deixa un sabor de boca xenial! Cada ano supera ao anterior e este último non foi menos. Todos os anos levámonos xente nova e creamos máis lazos con Escocia, que é un país que nos encanta. Tanto alí como nos demais países que visitamos a nosa música de raíz é valoradísima, poderíamos dicir que moito máis que aquí. Sobre todo a forma de cantar na música tradicional galega, con esa forza que nos caracteriza, é o que máis impacta».

 

 

 

Contrapunto (Calaverita Records/Play Plan Cultural, 2019), o segundo traballo de Tanxugueiras, lanzábase a mediados de novembro nas principais plataformas dixitais; un álbum onde o trío coruñés, xunto coa coprodución do músico Isaac Palacín, explora os límites da música tradicional, avanzando na procura dun son propio e plasmando a evolución do seu «sentir» musical, que se enriquece con ritmos doutros estilos. Feito desde a tradición, pero sen amarres no pasado, Contrapunto é un álbum sen corsés co que Tanxugueiras «deu un gran paso cara a unha madurez tanto musical como persoal». Elas confesan que «foi un traballo que nos levou moito tempo, coñecernos a nós mesmas e saber o que realmente queríamos neste momento. O que tiñamos claro é que queríamos un disco soamente de voces e percusión e onde os xogos e harmonías vocais tiveran todo o protagonismo. Levamos máis dun ano cos temas a voltas, probando moitas cousas sen complexos e medos. Cremos que este novo disco soa totalmente a nós. Non o poderíamos facer sen a axuda de Isaac Palacín que arranxou as percusións e nos deixou gravar no seu estudio durante moitos meses».

 

 

 

O longo recolle dez temas compostos a partir de pezas tradicionais renovadas con arranxos actuais; verbas que Tanxugueiras recolleu en diferentes puntos da xeografía galega co obxectivo de crear un relato adaptado de diferentes sentimentos e situacións vitais, coa súa cara e coa súa cruz. Deste xeito, Contrapunto escóitase como un espello: cinco temas que transmiten sentimentos positivos cos seus equivalentes que cantan sobre a cara amarga dos mesmos: «esta idea leva nas nosas cabezas moito máis que os temas, sabíamos que queríamos contar co disco; desde que saíu o último... nós xa estábamos pensando no seguinte. Queriamos que o disco tivera conexión, e chistábanos moito o concepto das dúas caras da moeda. Para isto tivemos que escoller moi ben os temas e as letras e ademais darlle coa percusión e harmonías vocais o sentimento que queriamos en cada momento, algo que foi bastante difícil».

 

 

 

Un contraste que, ademais, queda reflectido no deseño do disco, obra de Sonia García, representado por un corvo femia —tan riquiña, vestida coa súa roupiña moderna— que Tanxugueiras elixiu como protagonista de Contrapunto porque «é un animal moi ambiguo en canto ás formas de velo dependendo da túa cultura; en canto á nosa, a galega, os corvos son animais de malos presaxios, pero noutras teñen unha simboloxía positiva, ademais está vendo o seu reflexo nun lado máis escuro. A corva vai vestida moderna porque queriamos representar que vemos a tradición desde os tempos que corren hoxe en día. O contrapunto está presente en todo o disco, tanto na portada, como no interior […] todo está ligado, non queriamos que nada fose ‘porque si’».

 

As nosas Tanxugueiras, facendo boa escola, recoméndannos «calquera grupo que loite polo galego e que faga boa música na nosa lingua. Temos moitos referentes galegos como Guadi Galego, Leilía, Xabier Díaz, Sés, Berrogüeto... pero sempre estamos escoitando cousas novas. SonDaRúa son uns amigos nosos que fan música moi guai, e que aínda non son moi coñecidos, así que se queredes, botádelle unha ollada!»… Predicando co exemplo, as súas contas de Spotify tamén tiran da terriña: «se abrísedes as nosas contas de Spotify atopariades de todo! Menos reggaeton... por desgracia non podemos apoiar unha música na que as súas letras denigran tanto á muller, entre outras moitas cousas. Por facer un resumen poderiades ver moitísima música en galego, tamén tradicional, tanto galega como india ou flamenco, escoitamos pop, indie, electrónica, rock, algo de rap, reggae, cantautores, hip-hop e moitas máis... Iseo, Billie Eilish, Guadi Galego, García Mc, Baiuca, Rosalía, Beret, Vetusta Morla, La M.O.D.A., Rozalén, Monsieur Perine, Xabier Díaz, Mercedes Peón, Camarón, Alice Wonder, Queen, Nao, Morgan ou Cultura Profética entre moitísimos outros».

 

  noticias