RODRIGO RAMOS: «TEÑO A NECESIDADE VITAL DE FACER MÚSICA»
Músico e compositor galego, Rodrigo Ramos pasou máis dunha década sendo parte de distintas formacións ata que, en 2015, decide emprender o seu proxecto en solitario; un proxecto no que puidese dar renda solta ás súas influencias musicais (Bob Dylan, Nirvana, Neil Young) e transformalas nun son único e persoal apoiado pola súa característica voz. Pero a súa melomanía vénlle case desde o berce, seica podemos afirmar que Rodrigo comezou a falar e cantar á vez: «son fillo único, polo tanto, sempre pasei moito tempo só, empezou a chamarme a atención a música e estaba todo o día cantando sendo moi pequeno. Despois xa na adolescencia descubrín grupos como Nirvana e empecei a tocar a guitarra, pero o recordo máis claro que teño é ter 3 ou 4 anos e cantar sen parar. A música é algo que sempre levei moi dentro».
Desde 2001, a súa voz puido escoitarse en máis de 150 concertos por toda Galicia como solista de Barrio Rojo, banda dezá de rock alternativo. Rodrigo Ramos (voz) subíase ao escenario xunto con Adrián Negro e Yago Fernández (guitarras), Iago Jorge (batería) e Rubén Mejuto (baixo), formación coa que, ademais, chegou a publicar un álbum; Barrio Rojo (2014) recompila oito temas orixinais compostos entre o outono de 2011 ata a entrada do grupo a estudio, a finais do 2013. Gravado en Xonix Records e mesturado e masterizado por Tino Álvarez en Litium Records, este disco está protagonizado pola electricidade das guitarras e unhas letras que non deixan a ninguén indiferente.
En 2015, Rodrigo Ramos dá un paso á fronte e emprende o seu proxecto en solitario, unha nova etapa musical caracterizada por un son único e persoal, apoiado pola súa característica voz e unhas letras intimistas e sobordantes de personalidade. O porqué desta decisión, confesa Rodrigo, reside no seu devezo por mellorar de xeito independente: «cando empezas cun grupo é algo que montas con amigos e coñecidos, vas avanzando e vas dando concertos, gravando discos, queres que todo sexa un pouco máis serio e profesional, pero a xente non se implica, entón decidín comezar algo no que non tivese que depender doutra xente». Poucas diferenzas existen entre aquel «Rodrigo» e o actual, a principal é que agora xa non toca por afección»: «agora teño as cousas moito máis claras e sei que teño a necesidade vital de facer música, dar concertos e intentar chegar o máis lonxe posible; non é un hobby».
Pouco máis dun ano despois, Rodrigo Ramos entra en Planta Sónica (Vigo) para grabar o que sería o seu álbum debut e que mañá verá a luz, Mirabas Almas (MMM Music, 2017), baixo a produción de Pancho Suárez de Lis, e coas colaboracións de Nacho Dafonte (Presumido) á bateria, Cristian Durán (Onion Smile) ao baixo e Javier Miranda á guitarra. Nos dez temas que compoñen Mirabas Almas o cantautor acada unha combinación peculiar entre a alegría das melodías e a crudeza das letras, como a súa ‘Dulce Mentira’, de tinguiduras pop que resaltan a verdadeira historia da canción: «o instante no que perdes algo e aínda estás no momento dos reproches».
Como compositor non ten complexos e, en Mirabas Almas, Rodrigo xoga con definidos contrastes entre melodía e letra, a mestura de distintos estilos e a súa voz. Así, entre a mestura de melodías alegres e letras escuras, o cantautor describía este traballo como «algo persoal que resultou ser algo máis, xa que os momentos quédanse en nada se non es capaz de desfrutalos. [...]. Os parches e as lembranzas van por dentro, pero son perceptibles algunhas veces, só hai que visualizalos coa mirada axeitada e case nunca é a propia». Un dos derradeiros temas que Rodrigo escolleu para adiantar o seu debut foi ‘James Dean’, un canto ao amor e á rebeldía. Con Bob Dylan como un dos seus referentes e con James Dean como título dunha das súas pezas, xa podiamos intuír en que, ou quen, se inspira o artista á hora de compoñer: «teño moitas influencias e inspírome moito co cine e coa literatura; intento non imitar a ninguén na forma de escribir, intento ser o máis persoal posible [...] busco ser o máis máis directo posible, se podo plasmar unha idea en poucas frases pero ben elexidas, pois creo que moito mellor para todos».
Un par de anos despois deste debut en solitario, Rodrigo Ramos lanzaba a mediados de outubro Sol de Invierno (Rock Estatal Records, 2019), un disco producido, gravado e mesturado por Pancho Suárez de Lis con master de Robin Schmidt (24-96 Mastering). Se con Mirabas Almas o cantautor abría un amplo abano de influencias, dotando as cancións de distintos estilos e sonoridades, sen etiquetas, este segundo traballo tira máis ao pop-rocke ao folk con ecos á música da terra; unha evolución que vén ligada ao pasar do tempo e á experiencia: «con Mirabas Almas tiven menos tempo para sentarme a compoñer, gañaron as ganas de empezar a miña carreira en solitario máis que outra cousa, foi un disco que compuxen en moi poucas semanas, con Sol de Invierno tiven moito máis tempo, ademais da experiencia anterior na cal aprendín un montón».
Composto por dez cortes de líricas reflexivas que evocan os clarescuros emocionais da nosa existencia, Sol de Invierno é un longo cálido, onde destaca a parte vocal, con sutís arranxos de piano que sosteñen o conxunto dun álbum caracterizado por retrousos pegadizos reforzados a base de órganos Hammond e guitarras eléctricas, que tinguen unhas letras cheas de sentimento e, arriscariamos a dicir, máis positivas: «[o] escribín despois de largas xornadas de escoitar música e sobre todo ver moito cine; sempre compoño pola noite, pero este foi especialmente trasnoitado. Teño unha gran sensación de desafogo con este disco, compuxen máis ou menos 50 cancións para poder escoller e que o disco resultase variado [...] creo que o conseguimos».
Rodrigo Ramos volve, «entre montañas pop, asomándose detrás de outeiros de folk-rock americano e a través de nubes de rock arxentino», cun traballo no que o cantautor galego demostra un infinito potencial melódico, tanto enriba como abaixo dos escenarios, dentro e fóra do estudio, só ou acompañado... como fan gala as máis de 161.000 visualizacións de ‘Quedaches sen nada’ en YouTube, single-clip no que Rodrigo canta a dúo con Guadi Galego.
As primeiras datas para a xira presentación de Sol de Invierno xa están pechadas, con concertos na Sónar de Santiago de Compostela (07/03), na Costello de Madrid (14/03), no Cotton Club de Bilbao (21/03) ou na New Fizz de Barcelona (28/03), entre outros. Unha xira que, para Rodrigo, será «moi especial»: «levo dende o 17 de maio de 2018 sen dar un concerto, moito tempo; necesitaba descansar xa que a xira de Mirabas Almas [na que deu máis de 50 concertos por toda a península] foi bastante dura». Adiántanos que vai «alternar concertos acústicos máis íntimos, con guitarra acústica, teclado e voz, con concertos con toda a banda, que van ser concertos máis rock» —unha combinación de formatos importante «para poder disfrutalos»— ademais de tentar que as raiolas dese Sol de Invierno crucen as nosas fronteiras: «vou intentar programar concertos en Portugal e vexo que me está empezando a seguir xente en Sudamérica, polo tanto gustaríame poder organizar unha xira sudamericana para 2020».
Rematamos coa recomendación musical galega de Rodrigo Ramos, «Ezetaerre e pouco máis» o trío de rap combativo que se coa entre os clásicos que escoitamos no seu Spotify: «o último que atopas é o disco The Stranger (1977) de Billy Joel e bastantes cousas de Eric Clapton xa que o vou ver en xuño e estou refrescando a memoria. O máis vergoñento que podo escoitar é música para durmir».