FERNANDO BARROSO: «SOMOS XOGRARES, ESTAMOS DESTINADOS A CORRER A SORTE DAQUELES MESMOS PERSONAXES HISTÓRICOS»
Músico e compositor, guitarrista por vocación, Fernando Barroso (Ferrol, 1979) é un virtuoso da corda pulsada dentro da escena folk e world music internacional. Cunha extensa traxectoria enriba dos escenarios, Barroso comezou formando parte de proxectos musicais como Os Cempés, Riobó e TRIM, ata que soltou as súas cordas en solitario hai un lustro; unha carreira que xira arredor de tres longos, o máis recente, Xograr (2020), publicado o pasado mes de marzo.
Os inicios de Barroso na música son unha mestura de perseverancia e curiosidade: «son guitarrista autodidacta dende cativo seguindo aos guitar-heroes dos 70 e 80; logo entrei no mundo da música tradicional e folk e comecei explorar instrumentos de corda pulsada. O meu primeiro contacto coa música foron aulas de guitarra na escola aos 9 anos, nas que non atinaba a poñer o capo, e rápido desistín. Aos 13 anos escoitei na radio o Unplugged (1992) de Eric Clapton e outras músicas que ía gravando no meu casete de dobre pletina. Foi tal a emoción que pensei que tería que ser moi doado reproducir aquilo coa guitarra… logo decateime que non, pero desde aquela collín a guitarra e todos os días da miña vida ata hoxe tiven un instrumento colgado do pescozo e ganas de facer música».
E non só do pescozo! Aínda que é recoñecido pola súa arte con instrumentos de corda pulsada como o bouzouki irlandés, a mandolina ou o baixo, o ferrolán explora e experimenta con cavaquinhos ou violas portuguesas; toda unha amalgama de instrumentos que, segundo afirma o artista, «abre as portas á hora de compoñer debido aos diferentes rexistros de afinación ou tesitura. Naturalmente soan cousas novas e diferentes cando colles un instrumento descoñecido, e iso ábrenos a cabeza. O máis fácil para min é coller unha mandolina e crear unha liña melódica ou harmónica; logo collo unha guitarra ou sento no teclado para ir creando estrutura e harmonía. No caso de Xograr, fixen os arranxos para o cuarteto e foi un exercicio interesante no que vas coñecendo a música desde o punto de vista doutros instrumentos. Actualmente ando experimentando co laúde árabe, o cal é unha porta cara outra dimensión en termos de linguaxe musical para min».
Adiantabamos que, logo de formar parte de bandas como Os Cempés, Riobó e TRIM, ademáis de ter colaborado con Anxo Lorenzo, Xabier Díaz, Budiño, Luis Peixoto ou Julio Pereira, Fernando Barroso decide que as súas cordas voen soas coa publicación de do seu primeiro traballo en solitario, Intropía (2016); unha decisión que o artista tardou en tomar «por medo ou algo, ou porque as circunstancias non ían deixando moito tempo a iso. Para comezar tiven que deixar algunhas cousas atrás, o cal foi un proceso lento e meditado, despois tiven que aprender todo de novo e como inicio de toda a historia quixen facer un disco cargado de todas as ideas que viñan rondando a cabeza. Así que acabei por facer Intropía, disco extenso con moitos colaboradores e instrumentos, e para contrarrestar, gravei o Silence Lovers Club (2018) un ano despois, a dúo con Margarida Mariño, disco que xa viña encarado a presentar a miña música ao vivo. Nesas andamos e seguimos medrando con Xograr (2020)».
Composto por 17 pezas orixinais, Intropía (2016) é o resultado dun ano e medio de reflexión, composición e produción, onde escoitamos adufes, pandeiretas, tixolas, batería, violín, gaitas, trompetas, acordeóns, low whistles, arpa céltica, bombo, bendhir, tambor e djembé, entre outros.Mesturadoxunto a Tomás Ageitos en A Ponte (Santiago de Compostela) e masterizado por Dr. Chou, o álbum presenta unha nova sonoridade no ámbito do folk sinfónico froito da combinación de máis de 30 instrumentos distintos. Pouco máis dunha hora de música na que o compositor describe as súas vivencias, a súa evolución interior e deixa patente as súas influencias da fusión folk-world music «a base de múltiples referencias e mestres do cotían. Podería dar ducias de nomes, desde artistas lendarios ata compañeiros de traballo. Obviamente escoito cordistas, pero aprendes moito tamén do punto de vista que teñen músicos desde outros instrumentos ou xéneros musicais completamente diferentes». En ‘Driving Vigo Night’, Fernando Barroso percorre Vigo en 3:43 minutos, en coche, co solpor sobre as Illas Cíes incluido. Con Alfonso Merino e Iago M. Souto detrás das cámaras, e facendo da cidade o escenario principal, o músico ferrolán atravesa Vigo desde O Castro ata Bouzas deténdose a tocar en sitios míticos, como o solo de guitarra que escoitamos xunto ao DinoSeto ou o duelo de guitarras eléctricas entre Barroso e Miguel de Dios na Praza do Rei.
Un par de anos despois, Fernando Barroso sorprendía con Silence Lovers Club (2018), álbum no que a súa mandolina estivo acompañada polos acordes de cello da música e compositora viguesa Margarida Mariño: «cando fixen a música deste disco preparei arranxos para cello pensando se Margarida podería participar e acompañarme nesta historia. Afortunadamente dixo que si e desde o primeiro ensaio, que lembro perfectamente, aquilo xa soaba ben». Unha ducia de pezas gravadas en e para o directo con acordes swing, jazz primitivo, aires persas e tradición galega que, fan gala, aínda agora, «despois de máis de dous anos tocando xuntos [da] compenetración musical e unha relación que nos permite ofrecer e disfrutar de concertos moi bonitos».
«Pasará o entroido e lanzaremos Xograr, despois, a primavera...» deste xeito adiantaba Fernando Barroso a publicación do seu novo traballo discográfico, Xograr (2020), o seu terceiro longo. Unha pequena homenaxe á figura do artista no tempo composta por, nada máis e nada menos, que 18 pezas nas que Barroso reflexiona, acorde a acorde, acerca do «propio papel do creador na nosa sociedade» co que, afirma, se sente identificado: «somo xograres; estamos destinados a correr a sorte daquelas mesmas personaxes históricas. Os nosos impulsos creativos vannos obrigar a dedicarnos sempre a isto e a loitar polo espazo no que ofrecer os nosos traballos. Os músicos actuais ofrecen singles e vídeos nas redes sociais, o produto ten que ser fresco, espontáneo e inmediato para captar a atención de canta máis xente. Xa non somos os compositores do século XVIII, nin os músicos de metade do século XX, estamos en constante evolución e o tempo que nos toca é o desta inmediatez. Pero no medio de todo iso, sempre aparecen cousas que perduran». Composicións elegantes e inquedas dentro da súa particular forma de ver o folk, entre o clasicismo e a world music, que resultan dun proceso compositivo «ás veces por inercia, outras por auto-obriga», confesa Barroso, «o que si sucede é que cando levo algún tempo sentado a intentalo, comezan xurdir cousas coas que disfruto realmente, e iso é un estímulo tan grande, que sempre me leva a repetir. Pode parecer unha cousa banal, pero unha das maiores sortes que temos os músicos creadores é que de repente hai persoas que non coñeces, que están a escoitar esa peza nova, música que pouco tempo atrás aínda non existía. E iso é absolutamente reconfortante».
«Foi un traballo extenso, pero disfrutei moito do proceso, de ir vendo como os músicos daban vida aos temas; foi un pracer traballar tanto con eles como con Tomás Ageitos na gravación e mesturas, e Chou no mastering». Gravado en formato banda xunto cos músicos Álvaro Trillo (batería), Margarida Mariño (cello) e Sofía Neide (contrabaixo), para Xograr o multinstrumentista ferrolán contou con colaboracións de «Hugo Guezeta de SonDaRúa, Adufeiras de Salitre, Sebastião Antunes e o Grupo de Cordas da Secção de Fado da Académica de Coimbra. Son catro tipos de artista moi diferentes entre si, o cal axuda a reforzar a idea central do disco, que é a homenaxe á figura do artista». Unha idea que sale reforzada da preparación previa (un ano!) da música para o cuarteto por parte de Barroso: «a combinación de cello, contrabaixo e batería xunto coa mandolina parecía do máis interesante. De feito, a combinación das referencias clásicas de Margarida e Sofía coas referencias jazzísticas de Álvaro facían disto algo moi apetecible. Quería que o resultado soase acústico e natural, pero moderno ao mesmo tempo. Así foi, en agosto de 2019 comezamos a gravación e a finais de ano tiñamos xa o disco preparado para lanzar esta primavera. A sonoridade é auténtica e orixinal, diso estou moi contento».
Barroso leva as súas cordas alén das nosas fronteiras, triunfando en Inglaterra, Escocia, Estados Unidos, Canadá, Suíza, Francia, Arxentina e Portugal, entre outros, percorrendo escenarios coa súa fusión de folk con música tradicional e world music, unha mestura que, tanto público como crítica, acolle cos brazos abertos: «teño tido a sorte de traballar con artistas interesantes e de crear os meus propios proxectos nestes anos atrás. As nosas experiencias en Europa e América foron sempre interesantes, xa só polo feito de viaxar a coñecer outras índoles e culturas. Musicalmente, as propostas que veñen de Galiza ou, no meu caso, tamén en colaboración con músicos de Portugal ou Irlanda, sempre foron ben recibidas».
Polo de agora, e ante o actual estado de emerxencia sanitaria provocada polo COVID-19, as cordas de Barroso quedan na casa «con moita calma e paciencia e intentando comprender e asimilar como serán os vindeiros tempos […] decidín non traballar moito neste confinamento, dedicar este tempo a quen máis o precisa, e simplemente ir presentando puntualmente nas redes as cousas da promo de Xograr que quedaron cortadas na primeira semana. Chegan tempos complicados, a cultura agora mesmo está sobreactuando, asustada polo abismo que chega e intentando rebelarse contra un problema que xa viña de atrás, e que esta pandemia so fixo poñer moi de manifesto. Ollo, que non somos heroes, corremos o risco de sobrevalorar moito o que facemos, e a cultura ten o seu valor fundamental na sociedade, pero igual que o ten un panadeiro. A verdade, valoro a todos os compañeiros que están facendo os seus concertos polas redes; é unha maneira de seguir conectado co mundo, nesta situación de illamento. O que temos agora é que saber trasladar o problema a quen teña o poder de ampararnos para que os autónomos e profesionais do sector non suframos perdas irreparables. Pode que pase moito tempo ata que se poida facer música ao vivo con normalidade».
Amosando un grande aprecio á música do país, Fernando Barroso suxire que escoitemos a Xabier Díaz, «non precisa que o recomende, pero aparte de amigo, ten a miña admiración como artista polo mérito de consolidar un proxecto cunha sonoridade uniforme ao longo de tres discos», a Margarida Mariño «que vén de presentar as súas primeiras músicas no mundo discográfico con Cello&Electronics (2020)», a SonDaRúa, «gústame o fenómeno do rap en galego e [eles] veñen de lanzar o seu novo single ‘Eterno Combate’» e, por último, «botádelle unha orella aos traballos de Caldo e de Oîma; música deliciosa». Ademais, Barroso non só nos contou que atoparíamos na súa conta de Spotify… describíunola! «Tres discos e seis singles, cousas que me gustan máis e outras que hoxe non faría. Xograr é o meu mellor disco, no sentido de ser un traballo que procura unha uniformidade de son cara ao futuro. Silence Lovers Club, máis que un disco foi un estudo de mandolina moi ben acompañado por Margarida; é un traballo moi cru pero que nos deixou algunhas pequenas perlas das que disfrutamos moito de tocar. Intropía é un álbum para os amantes da world music e new age para quen guste de cordas, de percusións, de instrumentos acústicos de todo tipo. Unha argamasa con cousas alegres e moitas paisaxes sonoras».