NOVIDADES CORENTUNES. VOL. I
Parabéns! Pasamos a barreira do mes de confinanmento; máis de 30 días entre catro paredes, pero iso non freou aos nosos artistas e grupos, que seguen a enxeñar para compartir por redes sociais o que, polo de agora, non poden facer sobre o escenario.
Seleccionamos algúns dos contidos que nos regalaron durante os últimos días… e que a música non pare! 👯
The Idol - José Carballido Khitara
O guitarrista, líder da agrupación instrumental, aproveita o aillamento para interpretar a guitarra e voz ‘The Idol’, tema orixinal da banda heavy-metal W.A.S.P.
Hymn For The Weekend - Najla Shami
Aínda confinados, a artista galego-palestina convídanos a desfrutar do fin de semana con esta cover en acústico da mítica canción de Coldplay que, seica, soa cada venres como benvida sonora ao finde desde a súa publicación en 2015.
#ToBeCool40enaFunk - Nastasia Zürcher ft. Adrián Saavedra
A artista acompaña esta caseira obra audiovisual cunha bonita mensaxe de alento, compartindo desde a súa casa «quilos de enerxía positiva a través da música» para que cantemos, bailemos e manteñamos o noso bo humor, avanzando neste camiño coa mellor das vibracións.
Comezar de Cero - Guezos
Reinterpretación dun tema orixinal do grupo ourensán, publicado hai un par de anos baixo o título de ‘Despedida’, que, xunto o cambio de nome, lanza «unha mensaxe completamente esperanzadora».
Day 2_Of Quarantine Live - Alex Silva
Sesión en streaming do compositor musical coruñés afincado en Baltimore (EE.UU.) cunha selección de rexistros pasados por un sintetizador de audio e vídeo.
I Festival Online de Artistas Locais ‘Arzúa Queda Na Casa’ - MJ Pérez
Participación da cantautora arzuá na primeira «edición» do festival online organizado polo Departamento de Cultura do Concello de Arzúa.
O Doce Ruí - Uxía
Canción composta para edulcorarlle a Pascua ao seu afillado Ruí, xa que debido á situación actual, Uxía, como madriña, non puido levarlle «un roscón, unha casiña de chiculate caseira […] e outros agasallos». Con vídeo da súa irmá Fefi e arranxos de «mellora de gravación telefónica» do brasilego Sérgio Tannus.
Green Lands - Escola Bellón Maceiras
Versión a acordeón de ‘Green Lands’, orixinal de Dan Ar Braz, interpretada polos alumnos da Escola; a peza foi parte do repertorio concerto da festa de final de curso 18/19 e agora a volven interpretar, telemáticamente, acompañando o acordeón con outros instrumentos, como a harmónica, a gaita ou o xilófono.
Xente - Guadi Galego & Banda Somerxida
Tema incluído en 10.0 (2006), cuarto disco de Berrogüetto, que Guadi Galego recuperaba para o directo de IMMERSION (2019), e agora interpreta coa súa Banda Somerxida, cada un na súa casa desde catro puntos diferentes de España. Seica lle faltan os coros… pero sempre podemos facelos con eles!
Pequeño Vals Madrileño - Barahúnda
Dedicada á xente de Madrid, versión especial de Pequeño Vals Vienés’ de Federico García-Lorca, musicado por Leonard Cohen e que o dúo incluíu no seu último álbum, Múdanse os Ventos (2015).
Coffin Dance - Gabriel Peso Trío
Versión jazz? do vídeo viral dos sepultureiros ghaneses bailanco cun cadaleito sobre os seus ombreiros.
Blood Red Bird - Sangre de Muérdago
Cover en acústico do ‘Blood Red Bird’ de Bill Callahan, interpretada polo ourensán Pablo C. Ursusson, músico, multiinstrumentista e fundador da banda.
Oblivion - Margarida Mariño ft. Abraham Cupeiro
Acordes de contrabaixo e cornetto xúntanse na distancia para interpretar a dúo o ‘Oblivion’ de Astor Piazzola, como banda sonora desa «despedida dun ser querido sen poder achegarte a el».
SanSARS Covidiño-19 - Tiruleque
Para celebrar o primeiro «cumpremes» destes tempos apocalípticos Tiruleque estreaba a adaptación da súa ‘SanSa’, sobre a peza orixinal ‘San Sadurniño’ da Charanga do Cuco de Velle (Ourense), incluída no seu debut discográfico, Tiruleque (2009).
Some Might Say - Moito!
#VersiónTeledirigida de ‘Some Might Say’, de OASIS, adaptada «co pouco que tiñan na casa» e como parte da iniciativa de Viva Suecia «coa finalidade de retar a outros artistas para levar o confinamento de mellor humor».
Non É Posible - Factoría de Subsistencia
Ás 13:13 h do 13 de abril cando, supostamente, quedaban 13 días para que se levantara o estado de alarma, Factoría de Subsistencia estreaba a versión #QuedaNaCasa de ‘Non É Posible’, corte orixinal pertencente ao seu último disco, Amores Fratricidas(2019).