• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

PABLO VILA: «"IMPRESCINDIBLES" É UN TRABALLO QUE, ADEMAIS DE HOMENAXE Á POESÍA, TAMÉN E EXPRESIÓN DA GUITARRA»

PABLO VILA: «"IMPRESCINDIBLES" É UN TRABALLO QUE, ADEMAIS DE HOMENAXE Á POESÍA, TAMÉN E EXPRESIÓN DA GUITARRA»
3 AGOSTO 2020

Cimentada en artistas estatais como Carlos Goñi (Revólver), Quique González ou Leiva, e internacionais do talle de Bruce Springsteen, Jackson Browne ou The Black Crowes, a carreira en solitario de Pablo Vila está escrita a tinta e guitarra. Guitarrista, cantautor e poeta vigués,  estreábase con Noches Largas (2018), un álbum do máis persoal composto por dez cortes entre medios tempos, rock ‘n’ roll e cancións de autor pop-rock. Vila «canta as cancións que escribe e escribe os versos que vive», en letras agudas e sinceras, cargadas de ironía, coas que transmite a súa versión crítica e vitalista de temas sociais e humanos nuns directos enriquecidos, con máis ritmo e un son en evolución constante.

En permanente estado de creación, Pablo Vila publicaba un novo traballo discográfico, Imprescindibles (2020), unha homenaxe sonora aos poetas das súas noites máis longas, un puñado dos seus poemas máis significativos ao son da guitarra española.

 

 

Descubrimos que aos 9 anos xa compoñías os teus primeiros versos e, aos 11, tocabas as primeiras cordas dunha guitarra. Foi sempre este o teu instrumento de referencia? Lembras o teu primeiro contacto coa música?

Pablo Vila: «Desde que recordo, de neno sempre sentín fascinación e inclinación pola guitarra. A primeira lembranza que teño dela é na escola, nunha tarde na que un compañeiro do meu curso veu tocar a guitarra á aula; véndoo alí, diante de nós, pensei: ‘eu tamén quero tocar’. Pero non foi ata o curso seguinte cando comecei a recibir clases de guitarra, como actividade extraescolar, despois de insistir unha e outra vez ao meu pai para que me mercase unha guitarra.

Dous anos despois fun a un concerto que me cambiou a vida. Paco de Lucía actuou co seu sexteto no teatro García Barbón de Vigo e saín de alí abraiado; pasei a miña adolescencia querendo ser Paco de Lucía».

 

Los Jekyll, Ídem, The Lyriums e Salitre son algúns dos grupos dos que formaches parte durante os teus inicios enriba dos escenarios. Como ves agora toda esa época? Que che empurrou a dar o salto en solitario?

Pablo: «Pois véxoa con moito agarimo e distancia; foron experiencias magníficas que me axudaron a medrar como persoa e músico; non cambiaría nada do que vivín con elas. Foi un percorrido intenso por diferentes estilos de moda: garage, rock and roll, rock, psicodelia, cover… ata chegar á creación propia.

O de dar o salto en solitario foi pola xente que me escoitaba e coñecía as miñas cancións, e porque precisaba amosar a miña faceta como compositor e cantautor, xa que na maioría destes grupos nos que me formei eu era o guitarrista, malia que sempre fixen cancións, desde pequeno».

 

Preséntaste cun «escribo os versos que vivo», e, tendo en conta que a música serve para contar, e cantar, historias, propias ou alleas, canto de autobiográfico hai no teu primeiro traballo, Noches Largas (2018)?

Pablo: «Pois neste caso a resposta é sinxela, totalmente autobiográfico. Nas cancións que están por vir, en novos traballos, xa hai mestura, pero Noches Largas é un feixe de cancións, algunhas de cando tiña 15 anos, que relatan con intensidade, e un chisco de ironía, experiencias vividas e emocións sen máis, con toda a crueza, espontaneidade e, ás veces, amargura, de moitos anos de vivencias e composicións. É un álbum de expresión íntima e persoal, pero de temática universal, por canto que son experiencias que a todos, en maior ou menor medida, nos teñen marcado».

 

 

Ao escoitar as túas letras, podemos intuír un pouco de onde vén a túa inspiración, pero cales dirías ti que son os teus referentes musicais? En quen, ou que, se inspira Pablo Vila?

Pablo: «A min sempre atrapoume o son do rock, ou rock and roll, dos 60, 70, 80… Jackson Browne, Tom Petty, os Stones, os Beatles, Springsteen, The Band… e tantos outros. Aínda que nunca podo esquecer a música en castelán, creo que grazas a Revólver, Los Rodríguez, Quique González, Leiva… son o cantautor que son sen esquecer, xamais, ao meu pai como guitarrista e músico: Paco de Lucía».

 

Imprescindibles é o teu último traballo, para o que escolliches seis autores para musicar algúns dos seus poemas. Cal foi a razón de escoller eses poetas e esas pezas? Sentes predilección especial por algún deles?

Pablo: «Imprescindibles é un traballo no que, ademais de render unha homenaxe a eses poetas, o que quería era darlles tamén as grazas. Todos eles son parte ‘imprescindible’ da miña vida, acompáñanme sempre; léoos a miúdo, inspíranme constantemente.

A elección dos textos… escollín os que, dentro do meu gusto, máis representaban, ao meu xuízo, o espírito das súas almas en consonancia coa miña sensibilidade. E non, non hai ningún por enriba dos outros, a vinculación con eles é de absoluta admiración e gratitude».

 

 

Aínda que Lorca escribiu seis poemas en galego, en ‘La seguiriya’ decidiches traducir e interpretar en galego as coplas de ‘La guitarra’ (do Poema de la siguiriya gitana), para repetilas despois na súa lingua orixinal, o castelán. Cal foi a razón? E por que precisamente traducir unha seguiriya, que é un dos palos do flamenco?

Pablo: «Decidín traducir o poema polo motivo que contades e na miña procura por querer plasmar o que podería sentir na súa alma, o que a Lorca podería gustarlle escoitar. Lorca sentía unha atracción especial polo galego que plasmou de forma xenial en seis poemas cheos da súa expresividade e emoción; decidín poñer o texto nos dous idiomas como forma de achegarme máis a el.

Elixín este poema, fermoso, directo e emotivo, porque llo dedica á guitarra, ao meu instrumento; e, porque como dixen antes, manteño unha vinculación especial co flamenco —neste caso unha seguiriya— desde neno. Aínda que este tema nada ten que ver, no que incumbe á métrica e á música, cunha seguiriya.

Imprescindibles é un traballo que, ademais de homenaxe á poesía, tamén é expresión da guitarra. Quería que fosen cancións nas que a guitarra fose protagonista, e buscar, dalgún xeito, certa sonoridade flamenca.

A única excepción pode ser o tema dedicado a Rosalía de Castro, con versos de Follas Novas, no seu galego orixinal, no que trato de recrear o ambiente de illamento e nostalxia no que floreceu a súa sorprendente creatividade narrativa, chea de imaxes e expresión tan orixinais e actuais que ben podería dicirse que foron escritas durante o noso confinamento».

 

 

Á hora de compoñer, a experiencia de poñerlle música a outras letras é máis ou menos complicado que crear a melodía para as túas propias?

Pablo: «Asomarse a poñer música aos textos doutros, e neste caso de grandes xenios, é unha tarefa máis delicada e complexa que expresar o que un xa ten nas entrañas e mastiga por dentro. Ao final é levar as emocións que eses poetas sentiron e plasmaron aos teus fondos, ao teu xeito de ver a vida; conectar a súa alma coa túa, e tratar de ser o máis veraz que se poida ser».

 

En solitario sempre optas por un formato en acústico e, entre as túas referencias rock e blues atopamos a Bruce Springsteen, Eric Clapton ou Los Rodríguez. Arriscaríaste cun proxecto máis rockeiro e eléctrico?

Pablo: «Si, de feito, están por vir novidades, entre elas a formación eléctrica e rockeira. É un proxecto que xa está en marcha, pero foi detido en seco pola COVID-19, xa que gran parte dos traballos de gravación se estaban a realizar en Madrid. Agora o estamos a retomar, con moito atraso e incerteza, pero a mesma ilusión... e ata aquí podo falar, pronto saberedes máis!

Aínda así, xamais deixarei de actuar en solitario. A realidade que ten un concerto no que estás ti só, coa túa voz e a túa guitarra fronte ao público, é algo moi fermoso e especial, aí as cancións están espidas de calquera aderezo e a conexión coas emocións é directa».

 

 

Ademais destes dous traballos discográficos, tes dous libros publicados: Os fillos da memoria (2019) e Albores (2017); como se retroalimentan as dúas facetas, literaria e musical?

Pablo: «Ambas van da man. Eu fago cancións, como antes citaches: ‘canto as cancións que escribo e escribo os versos que vivo’. As cancións veñen e van, podo compoñer dúas cancións seguidas ou estar tempo sen facelo, mais a poesía e a literatura están cada día en min. ‘Yo no soy poeta, yo soy mis poemas’ son uns versos de Albores, o primeiro poemario que publiquei, e creo que responden moi ben á pregunta».

 

Durante o confinamento debido ao estado de emerxencia sanitaria, a nivel persoal, que papel xogou a música?

Pablo: «Estivo presente cada día. A música e a poesía son formas de expresarse, mais tamén de evadirse e, no meu caso, están sempre ao meu carón.

Coa suspensión da gravación das novas cancións en Madrid e a cancelación dos concertos previstos todo parecía presaxiar un período moi deprimente... pero algo o cambiou. Tiña un concerto o día 23 de abril en Salamanca, no Museo Ángel Mateos – Museo del Hormigón, que non se puido facer. Nel ía presentar Imprescindibles e, ao non poder realizarse, xurdiu o proxecto cultural A Verso Armado no que cada mes, máis ou menos, logramos publicar nas redes un traballo audiovisual, condicionado e en evolución constante debido ás limitacións do confinamento, con cada unha das cancións que ía cantar no directo. Neste ciclo mestúranse poesía, música e cancións coas imaxes do edificio e pezas do museo. Para iso puidemos contar coa colaboración doutros músicos e co recitador Carlos H. Comendador.

Así que durante o confinamento a música non parou! Cambiamos o espectáculo en directo polo dixital, tratando de adaptarnos o mellor posible conforme ás circunstancias e os medios. O ciclo rematará en setembro, cando espero poder ir ao museo a facer o concerto».

 

 

Agora, xa estreada e de cheo na nova normalidade, como estás a afrontar a volta aos escenarios nun futuro próximo?

Pablo: «Con cautela e expectación; agardo poder volver en setembro a efectuar ese concerto, e outros que vaian saíndo, retomar a gravación das novas cancións en Madrid e, sempre, sen deixar de preparar outros proxectos».

 

Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendarías? Algún favorito que deberiamos coñecer?

Pablo: «Hai xente xenial no panorama galego, pero se me pides que nomee algún, diríache dous nomes, aínda que poderían ser moitos máis: Xoel López e Eladio Santos [EYLSQ]».

 

Se abrísemos a túa conta de Spotify, que escoitariamos? 100 % Sinceridade – 0 % Vergoña.

Pablo: «Estarían os nomeados antes como Revólver ou Quique e Leiva... Jackson Browne, Tom Waits, Led Zeppelin... Paco de Lucía, Vicente Amigo, Manuel de Falla... Verdi, Puccini... Jorge Drexler, Serrat... gústame de todo!».

 

 

  noticias