NOVOS LANZAMENTOS. OUTUBRO 2020
Piano Solo_2020 — Abe Rábade
O último de Abe Rábade, polo de agora só dispoñible para escoitar na súa web, presenta catro temas a piano solo, un Fazioli F278 para ser máis precisos. Gravado en Arda Records (Porto) o 27 de setembro, con Carlos Fuchs aos mandos do son, o EP recolle dúas pezas orixinais do pianista galego máis dúas versións, “Humpty Dumpty” de Chick Corea e “Alfonsina y el mar” de Ariel Ramírez & Félix Luna.
Dende o meu balcón — Susana Seivane
Durante o confinamento, a algúns se lles deu por experimentar, por exemplo, na cociña, fronte a un lenzo ou a unha máquina de coser, outros realizaron unha limpeza exhaustiva mentres o resto zampábase series de televisión e aperitivos a partes iguais... logo está Susana Seivane, que argallou un novo disco. Todos os días do estado de alarma, a gaiteira saía ao seu balcón, todos os días ás 20.00 h ela, a súa gaita e «convidados sorpresa» interpretaba cancións populares que transmitían vía Facebook; uns concertos que remataron por converterse en «tradición» e que, como un regreso ás raíces tradicionais, vén de materializar no seu último LP. Dende o meu balcón (2020) recompila 55 temas populares agrupados en 20 suites, de artistas como Ricardo Portela, Herme, Moxenas, Os Morenos de Lavadores, Os Campaneiros, Pepe Romero ou Suso Vaamonde, para as que Seivane sumou a complexidade de empregar gaitas de ata oito tonalidades diferentes.
Vilezas (2020) é o EP presentación de Búfalo Vil o novo proxecto en solitario de Xurxo Esquío (Micropuntos, Esquíos, Gharabullo) que presenta unha amálgama de melodías propias de The Ramones ou The Velvet Underground, a aspereza de Killing Joke ou Eskorbuto, e o toque psicodélico que desprende bandas como 13th Floor Elevators ou Electric Prunes. Gravado no Estudio Ysuspendo (Ouzande), o corto recolle catro temas de composición propia e unha versión de “Sonidos”, orixinal de Surfin’ Bichos; catro cancións que deconstrúen as súas principais influencias para dar forma a un son único, a un rock de variado pelame. A primeira vileza audiovisual é “Tontería”, cun clip igual de DIY que o EP, un canto a manterse sempre fiel a un mesmo, a aprender dos erros e nunca dar un paso atrás, mesmo nas relacións persoais.
Reconstruction — Javier Otero Neira
Se nun martes calquera, «nin te cases nin te embarques», se cadra en 13 o risco se duplica; e en 2020 mellor non falar… Escoitar, debeu pensar Javier Otero Neira e o martes 13 de outubro de 2020 regalounos un novo disco. Reconstruction (Landra Music, 2020), nace da vocación de Otero Neira como músico experimental e polivalente; doce cancións compostas, mesturadas, interpretadas e producidas por el mesmo. Un «salto ao vacío» de pianos e sintetizadores gravados que supoñen, ademais dunha reconstrución introspectiva á que alude o propio título, unha evolución cara ao artista que quere ser. E é que, Javier Otero Neira, logo de facerse oco como pianista clásico, aínda ten moito que dicir.
Producido por Manuel Colmenero, Next Round (2020), é unha colección de cinco temas que bailan entre ritmos hipnóticos e melodías cativadoras, acariñando unha lírica sobre o estado de constante transformación; un traballo onde o synthpop delicado e evocador, salpicado de clarescuros, coquetea co «insinuante e, ao mesmo tempo, inquietante» trip hop. Neste corto, envolto na arte de Gi Batres, Rumia volveu contar con Adrián Seijas e Denís Graña para completar a parte instrumental.
Como unha cálida e inmediata benvida ao océano que se abre ante eles, a banda ferrolá debuta con Ocean Gates (Boomland Records, 2020), longo de oito pistas que van máis alá de ser «cancións de rock». Inspirados tanto por ritmos esotéricos como por realidades urbanas, Ocean Gates ten a capacidade de transformar esas sensacións e atmosferas en pezas hard-rock, coidadas, onde a voz se abre paso entre o choque de instrumentos que golpea e avanza potente; esa instrumentación, insurxente, é a responsable da ampla gama de melodías e dinámicas que escoitamos ao longo do disco. Como un chisco á sinxeleza de tempos pasados, cando os álbums eran como de relatos de viaxe que contaban experiencias, o fluxo narrativo de Ocean Gates vén da súa costa atlántica, terra de tormentas, naufraxios e vellos cultos.
Baixo a produción de Celso Madriñán (Fredi Leis, Silvia Penide, Xoel López) e Quico Bea, Hábitat (2020) é o novo álbum, segundo da discografía de Martín Maez e primeiro integramente en galego; unha colección de seis temas de composición propia onde o actor e cantante canta ao amor e o desamor, pero tamén hai oco para a crítica social, en cortes como “Déixaos falar”, que ben pode ser «reflexo de moitas situacións de bullying nos colexios». Envolto nunha portada ilustrada por Azahara Román, que «parte do sentimento e do corazón dos galegos», o disco presenta dúas colaboracións moi especiais, a de Julia Rodrígues en “Eu non quero” e a de Rocío Salgado en “Impulso”. Foron elas, xunto a Juan Alonso (baixo), Cristian Navarro (guitarra) e Miriam Cortizo (batería), quen arrouparon a Martín Maez no concerto presentación na Sala Ártika (Vigo), primeiro dunha xira onde se aposta por un «directo potente nun concerto dinámico, con moito ritmo e moita forza».
The Speedbombs — The Speedbombs
A rapidez das súas ondas sonoras expándese desde Sanxenxo, unhas cun rollo a bandas como Turbonegro, Bad Religion ou Social Distortion. Chino (voz), Fer (batería), Marqui (baixo), e Albi e Pablo (guitarras) están á fronte de The Speedbombs, banda de punk-rock con pouco máis dun ano de vida que vén de lanzar o seu primeiro disco, homónimo, a principios de outubro. Composto dunha ducia de trallazos, The Speedbombs (Turbolume Records, 2020) está dispoñible tanto en plataformas dixitais como en formato físico, envolto en deseño gráfico de Juan Juste.
O coruñés David Miranda está detrás de DEVALO, un concepto que creceu e evolucionou ata converterse no proxecto musical que é hoxe, e que materializa no seu primeiro traballo discográfico. A finais do mes de setembro, DEVALO debutaba con Noites Contadas (Ferror Records, 2020), álbum gravado en Gales con chiscos á súa Galicia natal, que recolle unha ducia de cancións que destilan nostalxia e introspección bañadas por un pop altamente emocional. Ecos de synth-pop sensacional, reminiscencias ao noise e sons que beben do dream-pop e o shoegazing, o longo presenta composicións capaces de construír imaxes nocturnas de nostalxia, perda e crise de identidade; unha viaxe temporal que alude ao renacemento, entre unha visión de futuro e unha volta ás orixes.
Todo isto e moito máis na nosa lista de Singles 2020 que podes seguir en Spotify e que se actualiza constantemente para manterte ao día de todas as novidades dos artistas e grupos da plataforma.