ITH: «EN ‘FREAR O MOMENTO’ TIRAMOS CARA A UN ESTILO MÁIS SEMELLANTE, TODOS PILOTAMOS NUN MESMO SENTIDO»
Entre lenda e historia, o Ith que coñeciamos era fillo de Breogán, príncipe celta que, desde a Torre de Hércules, divisou a costa esmeralda de Irlanda; desde hai máis de 15 anos, hai outro Ith en Galicia, un que percorre o país coa premisa de «facer rock galego en galego». Composto por Lucía (voz), Gonzalo (baixo), Miguel e Toxo (guitarras), e Rama (batería), Ith soa a rock galego, pero con sonoridades innovadoras que achegan cada un deles.
Dous anos pasaron desde a publicación do seu último álbum, dous anos durante os que a banda de Xanceda (A Coruña) traballou na súa creatividade, esa mesma que reflicten en Frear o momento (2020), o seu novo traballo discográfico; oito historias orixinais que collen nunha libraría, que ben merecen ser contadas e, sobre todo, escoitadas!
Ith é, ademais da voz de Lucía, o baixo de Gonzalo, as guitarras de Miguel e Toxo, e as baterías de Rama. Como nace o grupo?
Miguel: «O grupo nace polo 1997, cando tres rapaces de entre 14 e 16 anos —Pablo Boga, Manuel Lamas e Hilario Rodeiro— pretenden iniciar a andaina de facer rock en galego. Aos poucos meses incorpórome eu, e desde aquela fóronse sucedendo algúns cambios ata formarse a banda actual».
Por que Ith, fillo de Breogán, e non outro membro da familia galaica? Seica Mil leva boa parte da fama entre bandas e grupos galegos…
Miguel: «Todo parte da propia lenda de Ith. No seu momento Hilario contóunola ao resto da banda, propón o nome e, nese intre, tivemos a sensación de que o nome viña como anel ao dedo».
Comezastes facendo versións de Los Suaves, Guns N’ Roses ou Hendrix, que vos empurrou a escribir as vosas propias letras e músicas?
Miguel: «Non exactamente! Desde os inicios, a idea do grupo era facer temas propios, o que si é certo é que nos directos intercalabamos versións dos grupos que se mencionan».
Ao fío, á hora de compoñer, quen, ou que, inspira a Ith?
Lucía: «No caso das letras, inspírannos as [nosas] propias historias e as que nos contan ou vemos, mesmo se nós non somos as protagonistas. Eu sempre digo que unha escribe sobre o que sabe, o que lle ocorre ou o que lle sucede ás demais».
Gonzalo: «Para a música, ás veces alguén trae unha idea, un riff, unha secuencia de acordes, e outras veces sae directamente de improvisacións nos ensaios».
A vosa música está guiada por influencias varias, rock, heavy ou pop, que achegades cada un/ha de vós e conflúen nun potente pop-rock. Algún referente en particular?
Lucía: «Algunha xente ten atopado simetrías entre as nosas cancións e as de The Hellacopters; pode ser! Con todo, non é un grupo referente porque non é o que máis escoitamos, polo que entendemos que é unha mera coincidencia. Por destacar referentes que conxuguen posta en escena máis voz, podería citar a Delila Paz (The Last Internationale) e a Mart (Estirpe)».
Gonzalo: «Sería imposible citar, cando menos no meu caso, todas as influencias, son infinidade de grupos e estilos, metal, grunge, blues...».
Toxo: «Influencias... moitas e variadas. Con todo, dáme a impresión que neste último traballo tiramos cara a un estilo máis semellante; creo que todos pilotamos cara a un mesmo sentido. Á hora de tocar un tema vibramos todos na mesma movida, e por iso os temas a min sóanme mellor. Para facer soar un tema, adoptamos todos un xeito de tocar e cantar que para min fai que os temas funcionen. Dito doutra maneira: cando estamos heavies, estamos todos heavies, cando estamos máis popis, estamos todos popis; cando estamos máis alternativos, todos alternativos».
Co «rock galego en galego» por bandeira, e no corazón, como definiriades o panorama de rock galego en galego actual?
Miguel: «Á marxe do momento que estamos a vivir derivado da COVID-19, o rock en galego non está na mellor hora. Teño a sensación de que o público e o mercado demanda máis outros estilos, en galego tamén, e iso paréceme moi ilusionante. Isto contrasta coa aparición cada pouco de grupos de rock en galego boísimos».
Gonzalo: «Como sempre di Xurxo Souto: “Galicia é unha terra de artistas!”».
Despois de dous anos, vides de presentar Frear o momento (2020), un traballo que despedía un ano, digamos, difícil de esquecer. De que xeito afectou a situación ao desenvolvemento e publicación do disco?
Miguel: «Afectou de tantas formas que a día de hoxe aínda non poderiamos dicir de cantas, porque seguimos a ver como nos seguen a afectar. Sobre todo na parte organizativa, cos confinamentos perimetrais víronse moi reducidas as posibilidades de quedar e, como grupo que somos, para a maioría das cousas que facemos precisamos de todos nós».
Toxo: «A min sorprendeume como demos resolto a situación de disco novo, videoclip novo, temas novos para gravar, etc.».
Composto por oito cortes, o álbum amosa a creatividade da que bebestes neses dous anos de silencio discográfico, pero mantendo ese rock que vos caracteriza. Como foi o proceso creativo?
Lucía: «O proceso creativo partiu dalgúns temas que xa tiñamos antes da incorporación de Rama, o novo batería. Arranxámolos ao gusto da nova formación mentres fomos compoñendo outros novos, que foron incorporados ao disco. O que non cambiou foi o xeito de compoñer: os temas cócense nos ensaios, froito da mestura das ideas que van xurdindo in situ».
Lucía, respecto ás letras, hai algún nexo entre as cancións? Cando compós, que adoita ir primeiro, a letra ou a música?
Lucía: «Cando escribo non é que tente crear unha canción como continuación doutra; simplemente escribo por necesidade. A todo lugar levo un minicaderno e un bolígrafo e, se me esquezo e me vén a inspiración, uso as notas do móbil ou mesmo a gravadora.
Eu simplemente fago textos que vou gardando no meu cartafol e, unha vez que xorde algunha idea musical tento ver que textos dos que teño poden pegar máis con esa música que estamos empezando a facer. E aí é cando procuro crear algunha melodía co que teño, o cal non quere dicir que sempre cadre, moitas veces debo facer cambios co fin de que letra e música poidan conxugar cun mínimo de xeito».
Para Frear o momento volvestes contar con Arturo Vaquero aos mandos, gravando entre as catro paredes de Abrigueiro Estudios (Friol, Lugo). Como é traballar xunto a el?
Miguel: «Pois é perfecto! Cando estás a traballar con alguén e o entendemento é óptimo, os resultados que queremos chegan dun xeito doado e natural».
Lucía: «Eu con Arturo sempre gravei moi cómoda. Un profesional defínese non só polo que sabe ou polo que sabe facer, tamén ten que saber estar, e Arturo ten esa combinación. Ademais, el é músico e comprende ben o que sucede cando estás a gravar; sabe equilibrar moi ben os tempos de gravación, de descanso, de escoita, de re-escoita, etc.».
Aínda que, desta vez, decidistes asumir vós a produción musical. Como foi a experiencia? Repetiredes?
Miguel: «Eu aínda estou analizando o conto, pero do que si estou seguro é que desta volta me gustou que fose así».
Toxo: «Eu totalmente, gústame que o grupo intente soar como cre que debe soar».
Co título do disco como referencia… cando freariades vós o momento?
Miguel: «Xusto antes das decisións complicadas para despois reiniciar».
Lucía: «Nunca! Frear o momento é xusto o que non hai que facer, sempre hai que avanzar! Precisamente unha das cancións tamén se titula así, e fala diso, de camiñar cara a adiante, malia que ás veces desexases frear o momento. Se non estás no sitio que che corresponde, debes seguir buscándoo, nunca conformarte, porque o prezo que se pode chegar a pagar por iso, desde o punto de vista emocional, pode ser moi caro».
Entre o voso debut, discográfico, Forte (2015), e Frear o momento (2020), pasaron cinco anos, que semellanzas ou diferenzas diriades que hai entre os dous?
Miguel: «Ao meu parecer, a diferenza principal é o feito de decidir nós sobre absolutamente todo o disco».
Lucía: «Desde o punto de vista musical, Forte fíxose co que había, co que se compuxo no ano 2014, mentres que para Frear o momento puidemos escoller os temas entre unha lista de composicións que tiñamos. Ademais, Forte responde a un rock and roll máis clásico, en cambio, Frear o momento deixa ver outras influencias musicais nas nosas cancións».
Toxo: «Para min neste disco imos todos na mesma dirección».
Botando a vista atrás, hai máis de dúas décadas que vos subistes por vez primeira a un escenario. Que lle diriades a aqueles mozos de entón? Algún consello para os que están agora a dar os seus primeiros pasos na música?
Miguel: «Eu morrerei incapacitado para dar consellos!!!».
Gonzalo: «Ante todo, pásao ben! Se ti desfrutas enriba do escenario, o máis seguro é que o público tamén o faga».
Xa estamos en 2021, pero a volta aos escenarios de xeito «regular» está a ser complexa aínda con restricións de aforo, máscara, protocolos…? Como o estades a levar? Que poderemos esperar dun directo de Ith?
Miguel: «É frustrante, aprazáronse datas que despois se acabaron cancelando. Ás veces chámannos para unha actuación que despois hai que aprazar ou cancelar, e iso fai que teñamos que preparar directos para despois non facelos».
Lucía: «Persoalmente lévoo mal. Para min os directos son o motor de estar nun grupo; das outras facetas, como compoñer, ensaiar ou gravar, desfruto menos. Cantar en directo é o que realmente me enche. Cando en decembro demos os concertos da rede da Agadic, que se adiaran varias veces, pensei tolear! Foi un subidón e unha alegría impresionante».
Gonzalo: Nun directo de Ith vas ver cinco persoas pasándoo pipa e deixando a pel no escenario... en canto se poidan facer concertos con “normalidade”, claro».
Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendariades? Algún favorito que deberiamos coñecer?
Miguel: «Eu recomendo unicamente facer un exercicio de investigación, a ver que hai por aí, teño a certeza de que se atopan cousas marabillosas».
Lucía: «Non me canso de recomendar a Carmen Dor e a Rubén Fernández. Déronme clase de voz e, alén de teren unha experiencia destacable, unha formación sólida e fundamentada, e de ser grandes didácticos, as propostas musicais que achegan á nosa cultura sempre traen consigo un alento novo, renovador e inspirador. Son, ademais, persoas moi honestas tanto persoal como artisticamente, algo que sen dúbida cómpre destacar».
Rama: «MJ Pérez».
Se abrísemos as vosas contas persoais de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade – 0% Vergoña.
Miguel: «Jacob Bryant agora mesmo e, de aquí a un pouco, case calquera cousa».
Lucía: «Pouco uso Spotify, pero o que teño en favoritos é unha lista de cancións que percorren a historia do jazz, Las Vulpes (si!), Garbage, Estirpe, e varias listas cos temas dos set lists das míticas jam sessions que ten organizado Jacky (J de Joker) en Compostela, e nas que teño participado algúns anos».
Gonzalo: «No meu resumo de Spotify de 2020 puña que escoitei 270 grupos distintos... literalmente podería soar calquera cousa».
Toxo: «Eu apenas escoito música, o que teña no CD do coche; esta tempada cádralle a Ochodiecinueve, un grupo de amigos de Teixeiro».
Rama: «Foals, Muse, Kasabian, e Red Hot [Chili Peppers]».