CHICHARRÓN: «‘UNHA FOGUEIRA INTACTA’ É UNHA MENSAXE DE AMOR E, POLO TANTO, DE ESPERANZA E VIDA»
Naceu a finais de 2013, das cinzas de Franc3s e Telephones Rouges, cando Alberto Vecino e Alberto Gende decidiron crear unha «banda aberta» onde todo artista sería ben recibido. Naceu antes, sequera, de ser Chicharrón —nome achegado por Gende— «por todo o que quedaba por dicir […] para dicir o que lles queda por dicir». E pasaron anos, membros, cambios, formacións; e Gende xa non está, pero Chicharrón segue con el como membro insubstituíble do grupo, aínda que entre as catro paredes do estudio e sobre o escenario vexamos só a Alberto Vecino, Rubén Domínguez e Mara Pérez.
No seu pop electrizado e emocionante, a delicadeza das voces en galego contrasta coa forza da instrumentación, creando unha experiencia intensa, tanto a nivel emocional como anímico, que doe e emociona a partes iguais durante a escoita. Logo de publicar tres longos e un par de sinxelos, Chicharrón presenta agora Unha fogueira intacta (Ferror Records, 2021), cuarto traballo discográfico que recolle once pezas de ritmos repetitivos e hipnóticos, enérxicos e potentes, que definen o novo son do trío carballés.
Hai oito anos que nace en Carballo como trío, logo pasa a ser quinteto e agora volvedes ser tres no escenario. Por que eses cambios de formación (dalgún xeito aínda seguides colaborando con eles, non?) e como chegades ata a actual?
Alberto Vecino: «A primeira formación de Chicharrón fomos Alberto Gende e máis eu, e xa desde o principio, cando aínda non tiñamos nin nome, falabamos de que debería ser unha banda aberta na que puidésemos ir convidando a artistas que nos molaban para tocar connosco. E, ao final, sinto que o cumprimos; do mesmo xeito que fomos cumprindo outras cousas das que falamos, sobre todo no último disco, e iso é algo do que estou orgullosísimo.
Para min Alberto Gende é o único membro insubstituíble do grupo. O resto nunca poderiamos facer nada sen crer que a el lle molaría».
Mara Pérez: «Para o primeiro disco, que en certo xeito era unha homenaxe a Alberto Gende, Alberto quixo rodearse de persoas que o querían, Diego e Rubén, irmán e bo amigo respectivamente de Alberto Gende. E a partir do segundo LP, Postal, comezou esa idea de Chicharrón como proxecto coral, chegando a ser ata seis compoñentes.
Ao final chegamos a Cancións clínicas e a Unha fogueira intacta como trío, pero coa fiestra aberta para as colaboracións de xente á que admiramos e sendo conscientes de que é o único xeito de seguir adiante dunha maneira sostible no tempo, dada a distancia á que vivimos (Rubén actualmente traballa e reside en Madrid) e ao pouco tempo que nos deixa a nosa rutina».
Pouco tempo despois debutades cun disco homónimo, unha carta de presentación que desbordaba dream pop e folk, acadando ser radiada integramente en Disco Grande de Radio 3 e cunha morea de críticas positivas. Esperabades tal éxito ou colleuvos por sorpresa?
Alberto: «Eu creo que era un disco feito co corazón, e por iso moita xente conectou con el, ou polo menos é o que quero pensar».
Entre este disco e o segundo, Postal (Prenom, 2016), entran á banda baterías e teclados, dándolle un xiro ao son, máis próximo a The Smiths ou The Field Mice; tamén á forma que tiñades de compoñer?
Alberto: «Sempre estivemos a probar cousas, e lembro esa época como a máis convulsa do grupo, pero tamén con moito agarimo».
Mara: «Foi unha época con momentos moi fermosos e moi divertidos, pasámolo ben como grupo, pero é certo que foi un tempo de cambios a nivel persoal e no fondo supoño que xa sabiamos que a continuidade era difícil. Pode que en canto á maneira de compoñer, Postal fose unha especie de preludio tímido do que é agora Unha fogueira intacta, un traballo colectivo e aberto».
E non só cambia o continente, tamén dádeslle a volta ao contido, dunhas letras angustiosas e algo escuras pasades... a celebrar o amor. A que se debeu ese cambio?
Alberto: «O primeiro disco era duro porque acababa de perder a unha das persoas que máis quixen na miña vida, pero acababa dicindo: “durme, mañá será outro día”... e foino. Atopei no meu camiño a unha persoa da que me namorei completamente e escribinlle esa postal de amor».
Tamén pasamos dun pop atormentado en castelán, a un indie pop en galego. Que credes que achega ás vosas creacións cantar na nosa lingua?
Alberto: «Basicamente naturalidade, porque entre nós falamos en galego, e tamén compromiso».
Mara: «Xa dixemos nalgunha ocasión que cantar en galego é unha exercicio de normalidade e de normalización, pero para min ten ese punto reivindicativo tan necesario. As minorías, aquilo que está en desvantaxe, precisa dun reforzo, dunha discriminación positiva que o axude a competir ao mesmo nivel.
Agora hai moitísimos grupos que cantan en galego cunha calidade incrible, pero aínda non soan con regularidade nas radios a nivel estatal. Queda moito por facer!».
O voso estilo tense definido de moitos xeitos, dream pop con toques de folk, indie, música alternativa... como vos autodefiniriades vós?
Alberto: «Para min é simplemente pop».
Mara: «Cada disco é un mundo. Penso que na nosa visión do grupo non está clasificarnos en ningún estilo, senón en facer algo novo que nos mova por dentro, e iso Rubén faino mellor que ninguén!».
Resulta difícil atopar algún grupo cunhas características similares ás vosas, mais de seguro tedes certas influencias musicais. Que grupos ou artistas diriades que inflúen na vosa música?
Alberto: «Teño que recoñecer que a maioría das miñas influencias son literarias e artísticas. Poderíache dicir uns vinte libros que me influenciaron máis para facer Unha fogueira intacta que ningún disco, aínda que se teño que dicirche algún, a quen máis escoitei na tempada que escribín as cancións foron probablemente Nick Cave, Einstürzende Neubauten e PJ Harvey —que me acabo de dar conta de que están bastante conectados entre si [risos]—».
Coqueteades coa poesía no voso sinxelo Na cela (2017), poema de Antía Otero pertencente ao libro O cuarto das abellas (Xerais, 2017), que vós mesmos musicades. Como cambia o proceso compositivo cando a letra non sae do puño de Chicharrón e, ademais, está concibido como poema?
Alberto: «Hai veces que estou a ler algo e vénme unha melodía á cabeza que me fai lelo como se fose unha canción. É como algo máxico e misterioso, e ademais moito máis fácil, porque xa non teño que facer a letra».
É esta mesma peza coa que participades na banda sonora de Ons (Alfonso Zarauza, 2020), película que vén de ser galardoada en 9 categorías, incluída a de mellor longametraxe, nos XIX Premios Mestre Mateo. Por que credes que Zarauza a escolleu como parte da banda sonora do filme e que relación, diriades vós, que pode ter coa película?
Alberto: «Para min, do mesmo xeito que Ons, Na cela céntrase no íntimo, e teñen un punto misterioso que tamén as une. Ademais, ao principio da canción óese chorar ao noso fillo, e iso creo que é algo importante».
Alfonso Zarauza fora tamén o director do videoclip de Contra acantilados (2017), nun formato moi de filme independente: película de 16 mm. Como foi traballar «ás súas ordes»? Como lembrades a gravación dese videoclip?
Alberto: «Alfonso é unha persoa xenial en todos os sentidos, e ese día foi xenial tamén. Lémbroo como un día moi fermoso entre amigos e encántame como quedou o videoclip».
Mara: «Lembro que foi un día do mes de febreiro que gravamos a cabalo entre Razo e Baldaio, no que nos divertimos moitísimo e deunos tempo a entrelazar esa amizade tan sincera. Da man de Alfonso coñecemos a grandes profesionais como Alberte Branco e Elia Robles, e iso é un luxazo.
Ademáis, é curioso, porque eu estaba embarazada de 7 meses, e 7 meses máis tarde gravábamos en Compostela Na cela, cos choros de Xoán coándose na canción, que se escoitan tamén en Ons».
Un ano máis tarde volvédesvos atrever cun LP e presentades en sociedade Cancións clínicas (Prenom, 2018), un disco no que vos achegades a un escurantismo máis electrónico ca nos anteriores. Que vos inspirou para levar a cabo tal catarse emocional e sonora?
Alberto: «Ese disco foi unha pulsión. Escribino nun par de meses en habitacións e baños de hospitais, nos que acompañaba a miña nai, e cando o acabei tiven a necesidade urxente de sacalo fóra. Cando llo dixen a Rubén e a Mara comprendérono e puxémonos a facelo de inmediato, algo que lles agradecerei sempre».
Agora estades a presentar Unha fogueira intacta (Ferror Records, 2021) que continúa a senda do anterior, pero cunha natureza diferente e, quizais, contraditoria. Cales son as diferenzas respecto dos seus predecesores?
Alberto: «Creo que un disco está acabado cando alguén o escoita e dá a súa interpretación e valoración, e que o significado que ten para esa persoa é igual de válido que o que ten para min, e que mesmo moitas veces cámbiao.
Algo así me pasou con Unha fogueira intacta; despois de ler críticas e facer algunhas entrevistas e reflexionar sobre iso, agora véxoo sinxelamente como unha mensaxe de amor e, polo tanto, de esperanza e vida, que alguén nos manda desde un lugar misterioso. E non quero que pareza nada hippie, pero creo firmemente que só educando no amor poderemos construír un mundo mellor, un mundo feminista, ecoloxista e máis libre, e acabar dunha vez co capitalismo e co fascismo, que son precisamente o contrario ao amor. Ninguén que sinta amor podería votar a Vox, por exemplo».
Mara: «Para min este disco foi feito desde unha perspectiva distinta aos demais; os anteriores naceron para expresar uns sentimentos determinados derivados dunhas vivencias ou acontecementos persoais concretos. Pero pode que Unha fogueira intacta sexa un disco que se inspira no futuro, con todo o que [este] implica: esperanza, medo, misterio...».
Primeiro foi “Ondeando” e, máis tarde, “Highway to Heaven”, dous videoclips que nos deixaban intuír o que estaba por vir. Neste último volvedes utilizar a poesía como base, musicando un poema de Yolanda Castaño, na interpretación de Kike J. Díaz no libro de cómic poético O puño e a letra. Por que ese poema concreto? Tamén as ilustracións de Kike inspiraron a composición?
Alberto: «Sempre nos interesou moito a relación entre disciplinas, así que facer un videoclip dunha canción de cómic dun poema foi moi guay para nós».
Agás ese “Highway to Heaven”, as letras son obra de Alberto. Onde procuras a inspiración? Tes un quen, ou un que, que che «facilite» o labor?
Alberto: «Ás veces, de súpeto, vén á miña cabeza unha frase que queda gravada, e entón empézoa a converter en canción. Normalmente xorde despois de ler ou ver unha película ou un cadro, pero outras veces nunha conversación intranscendente con alguén. Realmente resúltame imposible explicalo mellor dunha maneira intelixente.
A diferenza nas letras deste disco con todo o que fixen [anteriormente] é que en certa maneira esta inspiración foi buscada; digamos que fixen unha especie de traballo de documentación».
Volvedes experimentar co son que, desta volta, roza o industrial con efectos sonoros que, xunto con liñas de percusión e baixo omnipresentes, crean atmosferas asfixiantes e, ao mesmo tempo, engaiolantes... como unha metáfora do que estamos a vivir?
Alberto: «Si, eu creo que Rubén conseguiu crear a paisaxe sonora que necesitaban as cancións, e que, sen dúbida, a realidade que estamos a vivir foi unha fonte de inspiración para el».
Unha fogueira intacta é un disco colaborativo, con Cibrán Tenreiro, Sara Iglesias, Víctor Vacaloura, Leo Sousa e Rosalía Fernández Rial, entre outros. Como foi coordinar tal equipo e que achegaron ao disco?
Alberto: «Foi unha bendita tolemia! Realmente foi moi difícil, pero pagou a pena porque cada persoa cambiou a canción na que participou, engadindo posibilidades que nós non poderiamos ver».
Gravastes con Ibán Pérez no Estudio Terraforma (O Hío) e non é a primeira vez. Como Selvática, Travesti Afgano, Pantis, Peña, Dois, Atrás Tigre... proxectos diferentes pero que teñen en común unha creatividade rebordante. Que credes que ten de especial ese estudio e Ibán Pérez? Como é gravar alí e con el?
Alberto: «Eu pasei moi pouco tempo alí, pero podo dicir que é un sitio no que sempre me sinto moi a gusto, e iso é importantísimo».
A portada do LP é obra do fotógrafo Pablo Mella. Disque unha imaxe vale máis que mil palabras, neste caso, que busca transmitirnos? Ese punto de luz garda relación coa situación actual?
Alberto: «Despois de acabar de escribir o disco, e antes de compartilo con ninguén, a miña primeira sensación foi que estaba nun lugar misterioso pero cheo de esperanza. Cando Pablo me ensinou esta foto tiven a mesma sensación, así que souben que esa debería ser a portada, o primeiro que ves do disco».
O álbum pecha a triloxía que abría Postal e continuaba Cancións clínicas, cal e o fío, musical ou conceptual, que une os tres traballos e por que é este o derradeiro?
Alberto: «Para min a triloxía fórmana os tres primeiros discos, nos que se crea o rostro de Chicharrón. Despois de Cancións clínicas si sentín que era un final, que ese rostro xa estaba terminado e que nos miraba, así que o seguinte disco debería falar do que había detrás desa mirada para comprender o futuro cara a onde miraba; un preludio en todos os sentidos da palabra».
Ardería unha fogueira diferente, tanto a nivel repertorio e son, de compoñerse e producirse en tempos pre-COVID-19?
Alberto: «As letras están escritas antes da pandemia, pero moita xente díxome que describía moi ben a situación actual, algo que me parece moi guay. Tamén no anterior disco repetimos nunha canción “de máscaras de noite súbita”, e acabouse cumprindo. Encántanme as casualidades».
A palabra «chicharrón», aínda que foneticamente é bastante xeitosa, o significado... a ver, non deixa de ser graxa de porco fritida, por que o nome?
Alberto: «O nome do grupo púxoo Alberto Gende unha noite no Cósmic Club de Carballo. A min ao principio teño que recoñecer que non me gustou moito, pero agora véxoo como un agasallo que me fixo e que me lembra a el, e por iso paréceme o mellor nome do mundo.
E si, eu tamén creo que o elixiu máis por fonética que pola comida, porque Alberto non era moi carnívoro, ou se cadra polo significado de darlle chicharrón a alguén, porque nesa época estaba a ver unha serie de bandas latinas. Nunca o saberemos».
A volta aos escenarios de xeito regular está a ser complexa aínda con restricións de aforo, máscara, protocolos… Como o estades a levar?
Alberto: «Eu só podo dicir que estou desexando tocar este disco e que espero facelo nas mellores condicións posibles, pero hai que adaptarse ás medidas polo ben de todas».
Mara: «A pesar de todas as limitacións, sóbranos ilusión e ganas de compartir ao vivo as novas cancións e de que a xente as baile (no asento se non queda outra), as berre e as desfrute tanto como nós!».
Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendariades? Algún favorito que deberiamos coñecer?
Alberto: «Eu recomendo a Petardo, que non é moi coñecido pero mola moito e é de Carballo».
Se abrísemos as vosas contas persoais de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade – 0% Vergoña.
Alberto: «Eu procuro usar o Spotify para escoitar cousas novas, e estes días estou a tope con Dry Cleaning, que me están molando moito».
Mara: «No meu Spotify están todas as novidades galegas que foron saíndo ultimamente, Tulip, Garza, Grande Amore…, máis Sufjan Stevens e C. Tangana».