MÁIS DUN CENTENAR DE CONCERTOS EN 34 ESCENARIOS CON DIRECTOS XACOBEO’21 EN SALAS
No último ano, a expresión «botar de menos» estendeuse a todas e cada unha das facetas da nosa vida; levamos 14 meses, uns 425 días aproximadamente, vivindo de lembranzas. O verán de 2020 inauguraba un lecer nocturno con toque de queda e restricións de capacidade que, como consecuencia, estendíase á actividade limitada e condicionada pola pandemia das salas de música en directo.
E como as botamos de menos! Porque desde hai un ano non vemos o día en que as salas volvan subir o enreixado; o día en que, por fin, podamos desfrutar delas e da súa música en directo, aínda que esta veña con empurróns e caídas de copas alleas (si, ata iso se pode botar de menos). Seguimos a consumir música, indo aos concertos que ían xurdindo con Cancelacións e Aprazamentos como teloneros, pero estrañamos a sensación de ir ás salas de forma regular, de vivir unha actuación en vivo entre esas catro paredes, de comprar entradas ata colgar o cartel de sold out, de bailar ata que o corpo aguante mentres os artistas o dan todo sobre o escenario e os nosos camareiros favoritos nos conviden a outra... Queremos volver vivir as experiencias únicas que nos ofrecen estes locais que, para máis dun, son como unha segunda casa.
Agora, coa incerteza transformada en expectación pola volta á actividade, percorreremos Galicia sala a sala. A partir desta semana comezaremos a publicar os Directos Xacobeo’21 en Salas, un ciclo de concertos que a asociación Clubtura puxo en marcha co patrocinio da Xunta de Galicia entre xullo e outubro de 2020. Así, poderemos desfrutar a través da pantalla —mentres non podamos facelo presencialmente— de máis dun centenar de actuacións en 34 salas espalladas por toda a xeografía galega.
As gravacións, producidas por Clubtura, publicarémolas todos os sábados na canle de YouTube de GalicianTunes tirando partido dunha recente funcionalidade da plataforma: a división en capítulos (un por canción) da barra de tempo. Deste xeito, resultará máis sinxelo tanto acceder a calquera parte da gravación como saber exactamente que tema escoitamos en cada momento con só botarlle unha ollada á barra de tempo. Alén diso, no propio vídeo, aparecerá un rótulo co título ao comezo de cada tema.
Cada semana a publicación das gravacións irá acompañada, ademais, dunha noticia na web con información adicional sobre a sala e os artistas ou grupos protagonistas das mesmas, que será tamén compartida no noso Facebook.
O percorrido terá parada en:
A CORUÑA: Garufa Club · Playa Club · Sala Filomatic · Sala Mardi Gras · Bâbâ Bar (A Coruña); A Posada da Galiza Imaxinaria (Boiro); La Room · Sala Ruido (Ferrol); A Ventana (Laxe); Sala A Fundación · Pub Gatos (Melide); Guión Clube (Pontedeume); y Borriquita de Belém · Casa das Crechas · Sala Moon Music Club · Sala Capitol (Santiago de Compostela).
PONTEVEDRA: Aturuxo (Bueu), Krazzy Kray (Cambados), Sala Rebullón (Mos), Náutico do Grove (O Grove); e El Contrabajo Club · Sala Kominsky · La Fábrica de Chocolate Club · La Iguana Club · La Pecera · Sala Master Club · Radar Estudios · Sinatra Cóctel Bar (Vigo).
OURENSE: Café Teatro Bajo 5 (O Barco de Valdeorras), Café Cultural Auriense · El Pueblo Café Cultural (Ourense); e A Arca da Noe (Vilar de Santos).
LUGO: Clavicémbalo · JagerLounge (Lugo).