EL PUEBLO CAFÉ CULTURAL. DIRECTOS XACOBEO’21, VOL. 1
Agora si, inauguramos sección! Cada sábado publicaremos os Directos Xacobeo’21 en Salas, o ciclo de concertos que a asociación Clubtura puxo en marcha co patrocinio da Xunta de Galicia entre xullo e outubro de 2020. Así, poderemos desfrutar a través da pantalla —mentres non podamos facelo presencialmente— de máis dunha centena de actuacións en 34 salas repartidas por toda a xeografía galega.
As gravacións, producidas por Clubtura, se publicarán todos os sábados na canle de YouTube de GalicianTunes tirando partido dunha recente funcionalidade da plataforma: a división en capítulos (un por canción). Deste xeito, resultará máis sinxelo tanto acceder a calquera parte da gravación como saber exactamente que tema escoitamos en cada momento con só botarlle unha ollada á barra de progreso. Alén diso, no propio vídeo, aparecerá un rótulo co título ao comezo de cada tema.
EL PUEBLO CAFÉ CULTURAL
El Pueblo Café Cultural nace en 2014 co obxectivo de ser un espazo de divulgación da cultura en todas as súas formas. A fama dos seus propietarios lles precede, e a súa vocación é ben coñecida na cidade das Burgas, xa que antes de abrir este negocio formaban parte do colectivo de acción cultural Discos Porno. O local, cargado de encanto e situado na rúa Hernán Cortés (Ourense), non pecha as portas a ningún estilo musical. Nel tamén poderemos atoparnos con mostras de teatro, espectáculos de danza ou exposicións fotográficas e de pintura. Desde os seus adentros El Pueblo berra e reclama «Cultura para todas!», sen pelos na lingua.
Dirección: Rúa Hernán Cortés, 26, 32005 (Ourense)
Facebook: https://www.facebook.com/elpueblocafecultural
MOURA
Perfil en galiciantunes | Entrevista en galiciantunes
Banda coruñesa de recente despegue na pista da escena musical galega, xa que lanzan o seu primer disco, Moura (Spinda Records, 2020), en abril do pasado ano. O grupo, formado por Diego Veiga (guitarra, harmónica, voz), Fernando Vilaboi (hammond e sintes), Hugo Santeiro (guitarra), Luis Casanova (batería) e Pedro Alberte (baixo), lanza unha proposta musical de rock progresivo, psicodelia e folk galego, afondando na máis arcaica tradición celta, creando uns espectaculares directos cheos de frenesí propios dun aquelarre.
PAULIÑA
Perfil en galiciantunes | Entrevista en galiciantunes
Natural de Cambados, Paula Chaves comezou a súa carreira colaborando con figuras do rock como Vituco Neira ou Rebeliom do Inframundo, ata que decidiu rodearse dunha excelente banda composta por Francisco Montoto (teclados), Iago Jorge (batería), Julián Gullón (guitarra), Lolo Arincón (baixo) e Santi Cerviño (harmónica). Na súa música gusta de mesturar sons country, rock e blues, letras íntimas e dunha fermosa profundidade que, combinadas cos seus demoledores directos, fixeron que as críticas de público e medios se rendisen ante a súa música. No seu último traballo, A Malfalada (Xonix Records, 2020), atopámonos cunha Pauliña demoledora e visceral que non deixa indiferente.
SU GARRIDO POMBO
A cantante, música e compositora viguesa ten xa unha extensa traxectoria musical, que comeza alá polo ano 99 co grupo folk Lembranzas Galegas. Desde entón ten actuado xa e en Irlanda, México, Portugal, Francia… Su Garrido Pombo para o mundo. A pesar deste longo percorrido, non é ata o ano 2018 cando publica o seu primer disco en solitario, Quedo a vivir aquí (2018), co que acada o Premio Martín Códax da Música na categoría de Canción de Autora en 2019. As súas inquedanzas musicais a levan a experimentar e flutuar entre diversos xéneros como o folk, jazz, bossa e latino, entre outros. Su é tamén a voz de Son Trío.
ANDHREA & THE BLACK CATS
A andaina da banda comezou en Compostela, arredor do 2012 e, hoxe en día, conta con cinco compoñentes: Aitor García (batería), Andrea Verdú (voz), Benjamín Vázquez (guitarra), Lolo Martínez (tuba) e Ramón Figueira (harmónicas). Dedícanse a honrar a lendarios clásicos do blues dos anos 20 e algúns dos 60, facendo versións, aínda que anos máis tarde sacan o seu primeiro tema de composición propia, “Don’t Wait for Me”. En 2015, a súa traxectoria vese impulsada máis alá das terras galegas ao gañar o VI Concurso da Societat de Blues de Barcelona. Polo camiño levan xa dous discos, un homónimo e, o último, New Roads (2016).