A BANDA DA LOBA: «DE XELA ENCÁNTANOS O SEU ESPÍRITO TRANSGRESOR, O XEITO QUE TIÑA DE ENTENDER A POESÍA E COMO DEBÍA SER LIDA»
Que o seu nome sexa o da bandoleira máis coñecida non é casualidade, senón toda unha declaración de intencións. Andrea Porto (baixo), Estela Rodríguez (violín), Inés Mirás (guitarras), Marcela Porto (percusión) e Xiana Lastra (voz) son A banda da Loba, cinco mulleres que presentan un repertorio propio baseado tanto en letras da súa autoría como en musicalizacións de poetas célebres ou textos de poemarios de escritoras contemporáneas.
O seu estilo ecléctico e heteroxéneo, froito da combinación de rock, pop ou folk, defínese tanto nos seus traballos discográficos como nas súas actuacións en directo, onde o calidoscopio musical do que son autoras brilla con luz propia. Logo de publicar dous discos que crítica e público acolleron cos brazos abertos, A banda da Loba lanza Hasme oír (Seispés Producións Creativas, 2021), EP que homenaxea á escritora, poeta e tradutora Xela Arias —á que se lle dedica o Día das Letras Galegas 2021— a través de catro cancións con poemas de Arias e tres interludios musicais con recitados.
Conta a lenda que «cinco mulleres que decidiron unir as súas traxectorias individuais para dar voz a este novo proxecto». Seica A banda da Loba é exemplo da unión fai a forza? Que vos empurrou a tomar a decisión definitiva?
A banda da Loba: «Realmente o que nos fixo decidirnos a crear A banda da Loba foi o feito de coincidir no tempo e no espazo cinco persoas que entendiamos a música da mesma maneira, que compartiamos os mesmos valores e que gozabamos do tempo que pasabamos xuntas. Tiñamos moito que dicir do mundo que nos rodea e queriamos facelo do mesmo xeito».
A lendaria bandoleira Pepa A Loba dá nome ao voso grupo, que características de Pepa vos «roubaron» o corazón para que fora ela a escollida? Vos identificades con algunha?
ABDL: «O que nos chamou a atención de Pepa foi que unha figura tan revolucionaria practicamente non sexa coñecida na nosa terra. Representa a forza e a insubmisión, asumindo un papel que, se agora sería practicamente imposible para calquera muller, no século XIX o era moito máis. É a Robin Hood galega e criamos que merecía ser máis coñecida e recoñecida, por iso compuxemos o tema de “Pepa”, que aparece no primeiro CD e conta a súa historia.
Tamén buscamos un paralelismo coa nosa carreira na actualidade, onde loitamos por facernos un oco no mundo da música coa esperanza de que ver cinco mulleres nun escenario interpretando as súas cancións deixe de ser algo que chame a atención, como chamaría a atención que unha muller liderase un grupo de bandoleiros e fose temida en toda a contorna».
Para antecedentes (musicais) os vosos, as cinco tedes unha ampla formación musical, aínda que en estilos diversos. Esta traxectoria previa, pode dar como consecuencia que a banda prodigue ese estilo calidoscópico?
ABDL: «Si, por suposto; iso, e tamén que a todas nos gusta a música entendida de xeito universal. Temos as nosas orixes e os nosos referentes pero escoitamos practicamente de todo e nunca nos pechamos a nada (ou case nada [risos])».
Definiades o voso estilo como ecléctico e heteroxéneo como resultado da mestura de rock, pop ou folk. Como é fusionar estes estilos ata facelos funcionar? Arriscariádesvos a ir por outros carreiros?
ABDL: «Por suposto, de feito xa o facemos. A eses que mencionades habería que engadir algúns ritmos latinos ou temas nos que xogamos co dance, o reggae, o ska ou a sonoridade máis country (aínda que pode entenderse como folk). Intentamos non poñer cancelas neste eido para poder facer o que nos pide o corpo en cada caso».
Pouco tempo despois da vosa creación como banda debutades con Bailando as rúas (Seispés Producións Creativas, 2017), que presentaba o voso repertorio como un «calidoscopio musical» co que romper os tópicos e ensinar ao mundo a vosa música, feita integramente por mulleres. Volvendo a vista atrás, diriades que estades a acadar o voso obxectivo?
ABDL: «Cremos que si. Non é que tivésemos un obxectivo moi concreto, tratábase sobre todo de estar conformes co que faciamos e coas mensaxes que transmitiamos. Estamos moi contentas coa aceptación que ten a banda e con como a nosa música cala na sociedade, sobre todo entre a xente nova.
Encántanos soar nos colexios ou nos institutos e tamén transmitir a nosa poesía —a composta por nós e a dos nosos e das nosas poetas— un dos nosos obxectivos principais».
Ao fío, actualmente, como vedes o papel da muller na música?
ABDL: «Cremos que nos últimos tempos está a haber cambios grandes a ese respecto. Sempre houbo mulleres na música, mais agora somos máis e estamos conquistando outros escenarios, outros estilos musicais ou outros instrumentos. É necesario ter referentes e nese senso estase mellorando, aínda que falta moito para que a situación poida dicirse normalizada».
Tamén incluïades poemas musicados, tanto de autores célebres da literatura galega do talle de Celso Emilio Ferreiro ou Manuel María, como contemporáneos como Rosalía Fernández Rial ou Celia Parra. Como adoita ser o proceso compositivo cando a letra non é vosa e, ademais, está concibida como poema?
ABDL: «Pois depende moito de cada letra, no sentido de que os versos clásicos sempre son máis uniformes que os da poesía contemporánea, por exemplo. Cando coñecemos á escritora sempre temos a posibilidade de “destrozarlle” o poema co seu beneplácito [risos]. En cambio cando musicamos autores ou autoras clásicas, preferimos ser o máis fieis posibles ao texto».
En 2018 gañades o premio na categoría de Mellor Música Galega polo tema “Bailando as rúas” no certame de música e poesía galego-portuguesa aRi[t]mar. Que valor persoal tivo para vós acadar este recoñecemento?
ABDL: «Foi fortísimo! Acababamos de aparecer no panorama musical e estabamos nomeadas con figuras xa consagradas. De feito, nin sequera anunciamos moito o tema das votacións nas redes sociais porque o viamos imposible, mais... gañamos! Foi un empurrón moi grande e estamos moi agradecidas a todas as persoas que nos votaron.
Ademais, gañar xunto a Salvador Sobral deulle ao certame dese ano unha maior publicidade, e a nós a posibilidade de coñecelo e de comezar unha moi boa relación con el, que sempre pon a nosa camiseta cando visita Galicia :)».
Logo do éxito acadado co voso debut, como afrontastes o proceso do segundo, tendo en conta as expectativas xeradas?
ABDL: «Con medo [risos]. Non sabiamos moi ben o que ía pasar, mais o concerto de presentación da Capitol foi un dos días máis emocionantes das nosas vidas! Moita xente, superentregada... sempre notamos moito agarimo nos nosos concertos. E así continuou. Sempre que nos subimos ao escenario sentimos ese agarimo e é marabilloso».
O voso anterior traballo, Fábrica de luz (Seispés Producións Creativas, 2019), era unha homenaxe á figura da nai no seu sentido máis amplo, como «causa, raíz u orixe de onde provén algo». Foron, pois, as vosas nais a principal fonte de inspiración á hora de compoñer ou houbo outro que, quen ou onde? Faládenos un pouco da xestación do disco.
ABDL: «Foron todas as nais no sentido que comentades. Foron as escritoras e as artistas que nos abriron camiño, as nosas nais, todo o que nos identifica e nos dá identidade como persoas e, polo tanto, como banda: a lingua, a terra, a memoria...».
Este álbum inclúe a canción “Adondar a lingua”, inspirada no poema homónimo de Celia Parra. De feito, o videoclip do tema foi gravado, editado e dirixido pola propia poeta e mesmo actuáchedes xunto a ela. Como foi a experiencia de desenvolver a idea man a man coa propia autora?
ABDL: «O orixinal é un videopoema, non un poema, que podedes ver no YouTube porque paga a pena. Celia é unha boa amiga coa que xa traballamos no primeiro disco, nese caso musicando algúns dos poemas do seu libro No berce das mareas (Editorial Fervenza, 2009).“Adondar a lingua” foi un traballo moito máis interdisciplinar, por partirmos dun videopoema para construír un poema e de aí unha canción. Unha letra que, para máis, compuxemos entre as cinco! [risos].
Cando Celia soubo o que fixeramos ofreceuse inmediatamente a facer o videoclip, pois ela si que é calidoscópica! E o resultado non nos pode gustar máis».
Estades a presentar un novo, e moi especial, traballo, Hasme oír (2021), EP que homenaxea á escritora, poeta e tradutora Xela Arias, á que se lle dedica o Día das Letras Galegas 2021. A vosa admiración por ela vén de lonxe, o voso tema “Tigres coma cabalos”, incluído en Fábrica de Luz, inspírase no seu libro do mesmo nome. Como nace este proxecto e que representa para vós como grandes admiradoras de Xela?
ABDL: «Nós xa tiñamos pensado seguir musicando poemas de Xela porque é unha autora coa que nos sentimos moi identificadas. Encántanos o seu espírito transgresor, a maneira que tiña de entender a poesía e como debía ser lida, a súa alma rockeira... Que lle dedicasen este ano as Letras Galegas foi o detonante que nos fixo poñernos mans á obra para facerlle agora a nosa propia homenaxe».
O sinxelo adianto, “Intempériome”, foi composto por vós as cinco, a partir dunha combinación de cinco poemas do libro homónimo de Xela Arias. Como foi o proceso? Escolleu cada unha un poema ou a selección dos cinco foi aleatoria?
ABDL: «O traballo de escolma fíxoo Andrea, que é case sempre a ideóloga deste tipo de aventuras nas que nos embarcamos. Despois entre todas aportamos na parte musical e nalgunha adaptación da letra que houbo que facer, aínda que pequena, porque neste EP queriamos respectar os poemas ao máximo».
A canción fala de deixar atrás os prexuízos e os estereotipos e afondar na persoa que queremos ser, retándonos. Que desafíos atopades como mulleres, novas, no mundo da música e como os afrontades?
ABDL: «Os desafíos son os mesmos que na sociedade en xeral. O nivel de esixencia é maior, a visibilidade, menor... Non é algo que aconteza só na música, é o que vivimos desde nenas cada día neste mundo que habitamos. É preciso rachar ese teito de cristal que nos acompaña desde que nacemos.
E como os afrontamos? Con enerxía, tentando non desesperarnos e sendo positivas, porque hai moitas cousas malas pero tamén moitísimas boas e sentímonos moi apoiadas pola xente que nos segue e tamén por grande parte da profesión e da sociedade en xeral».
Hasme oír recolle catro cancións con poemas da escritora e tres interludios musicais con recitados. Que premisa seguistes para a escolla dos poemas? Por que combinar recitado e cancións?
ABDL: «A idea foi facer unha canción por cada poemario de Xela que, por suposto, ten como letra un ou varios poemas dese poemario en cuestión. Os interludios recitados son unha maneira de cohesionar as catro cancións que nos pareceu orixinal, serven como introdución ao que vas escoitar. Pequenas pontes entre unha canción e a seguinte».
O deseño da portada do EP é obra de Raquel Senra de Árbore Azul. Seguiu algunha dirección sinalada por vós ou guiouse pola súa imaxinación? Que significado agocha a colaxe?
ABDL: «Raquel é amiga nosa e coñece ben o noso traballo. Démoslle como orientación simplemente o que queriamos transmitir con este EP, que era basicamente o ser intempestivo e actual de Xela e a súa defensa da lingua e, polo tanto, da nosa identidade».
O EP preséntase nunha tiraxe moi limitada de cedés, pensades que o formato físico é xa só cousa de nostálxicos da música?
ABDL: «Non, de feito a nós séguenos a funcionar moi ben e vendemos moitos nos concertos. O que conseguimos coa venda de cedés é o que utilizamos para gravar os nosos traballos musicais. Facer poucos foi máis unha cuestión de que queriamos facer unha homenaxe especial de pequena tiraxe, que tivese un certo aire “exclusivo”, pero non no mal sentido da palabra, senón que a persoa que o teña sinta ese valor adicional de que o que ten entre as mans non é un entre miles de exemplares.
Ao final quen o queira escoitar sempre o vai ter nas plataformas dixitais, pero non quen queira poder tocalo e gozar do papel. De feito, con esta idea, quixemos que o libreto fose un despregable que por unha das caras leva a ilustración da portada para que quen queira poida empregalo como unha lámina decorativa ou enmarcala».
Non é a primeira vez que tomades de inspiración, e homenaxeades, a unha autora galega recoñecida pola RAG --lembremos aquela “Anagnórise”, canción inspirada na novela homónima de María Victoria Moreno (Letras Galegas 2018)--. Se de vós dependese... a quen lle dedicariades este recoñecemento e por que?
ABDL: «Non cremos que debamos opinar nese sentido, só dicir que o que nos gusta é que se lle dedique a mulleres, posto que en case 60 anos só foron 5 as mulleres homenaxeadas.
Tamén nos parece interesante que se faga con escritoras máis ou menos actuais, cunha poesía máis contemporánea e que son menos coñecidas que os grandes clásicos da literatura galega, como foi o caso de Xela».
Tanxugueiras, Guadi Galego, Margarida Mariño e Xacobe Varela, entre outros, son algunhas das colaboracións que escoitamos na vosa discografía. Que elemento diferenciador diriades que achegan ás vosas composicións?
ABDL: «Cada artista ten o seu xeito de sentir, de entender e de interpretar. Polo tanto, unha canción segundo quen a cante, adquire mil novos matices. Nestes casos, achegan iso e a súa profunda amizade e agarimo polo proxecto».
Xiana, ademais de ser a voz da Banda, es a presidenta de Músicas ao Vivo, asociación galega de músicas e músicos que traballa pola defensa dos dereitos do colectivo. Pandemia mediante, que poderemos esperar nun futuro próximo? Xa se ve a luz ao final do túnel ou aínda queda camiño por diante?
Xiana Lastra: «Parece que empeza a verse unha posible mellora, mais non agora mesmo. Temos que pasar un verán que non pinta mellor que o anterior e agardar a que a vacinación realmente funcione para que cambie a situación, que é tremendamente mala e agónica para o sector.
En calquera caso, hai que facer un chamamento ás institucións e administracións públicas, pois son as únicas que teñen na súa man facer que a situación sexa menos mala do que é».
A volta aos escenarios de xeito regular está a ser complexa aínda con restricións de aforo, máscara, protocolos… Vós tivestes unha cita co público o pasado 9 de maio no Museo do Mar (Vigo) como parte da programación das Letras Galegas 2021. Que sentistes? Como describiriades a experiencia?
ABDL: «O certo é que nos sentimos moi arroupadas polo público e a acollida do novo traballo foi moi boa.
Xusto a este concerto chegabamos con moita ilusión, por ser o proxecto no que traballamos nos últimos meses, porque ultimamente non puidemos subirnos moito aos escenarios, pero tamén porque por fin o podiamos presentar ante a familia de Xela Arias, que desde o comezo nos apoiou e nos deu todas as facilidades para levar a cabo esta nova aventura poética e musical. Foi moi emotivo».
Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendariades? Algún favorito que deberiamos coñecer?
ABDL: «Hai moitos e moitas, non podemos nomealos a todos/as porque non nos collerían aquí.
A Guadi sempre a recomendamos, pois é para nós unha gran referente e amiga. Hoxe queremos dar tamén visibilidade ao traballo de mulleres que o están “petando” e rachando estereotipos en estilos musicais nos que o galego ten habitualmente pouca cabida, como é o caso de High Paw. Non poderiamos pasar por alto recomendar tamén o traballo do noso querido Brais Morán, que fai unha música moi especial e persoal que paga moito a pena escoitar.
E na nosa música tradicional e folk queremos destacar o traballo de dous grupos dunha calidade excepcional como Os d’Abaixo, dos que pensamos que non teñen todo o recoñecemento que merecen, ou de Caldo. Todos e todas compañeiros/as e amigos/as desta banda cos e coas que fixemos colaboracións dalgún xeito».
Se abrísemos as vosas contas persoais de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade – 0% Vergoña.
ABDL: «Xiana debe de ser a única persoa do mundo que non usa o Spoti!…».
Andrea Porto: «Eu sempre digo que son moi mala oínte de música porque son algo anárquica [risos], pero se abro o Spoti e non minto, tería que dicir que ultimamente estiven escoitando o último traballo de Verto, revisitando aos Ataque Escampe, lembrando ben as letras para a presentación do Costuras (2020) de Guadi en Compostela…
Ademais aparécenme nas últimas escoitas artistas como Norah Jones e Amaral, que me acompaña dende hai moitos anos, grupos como Zoo ou Ciudad Jara, que me resultan moi interesantes a diferentes niveis, e algunhas playlists como a de “Intempestiva. Biografía (literaria) de Xela Arias”, coa que se pode acompañar a lectura deste libro de Montse Pena, ou a de “Descúbreas”».
Inés Mirás: Veña vai, as últimas 5 escoitadas do meu Spotify e sen rodeos: “Oceanes” de Clara Peya, “Copycat” de Billie Eilish, “Ben linda” de Mercedes Peón, “Lo malo” de Aitana e Ana Guerra, e “Yellow” de Coldplay».
Estela Rodríguez: «Son a segunda persoa despois de Xiana que tampouco uso Spoti! [risos]».
Marcela Porto: «A verdade é que desde sempre fun unha persoa moi moi dispersa e aleatoria á hora de escoitar música. De pequena gravaba discos que tiñan desde Leilía ou Chouteira, ata o Dúo Dinámico, pasando por Metallica ou Tool e seguindo con Juan Luis Guerra e Bebo Valdés.
Confeso que no meu Spotify podedes atopar de todo: turbofolk —son grupos turcos entón non sei nunca escribir seus nomes [risos]— folk, pachangueo, rock, jazz (Andrea Motis, Miles Davis) latin, música en galego (Guadi, Monoulious DOP...), e tamén moita música clásica (principalmente Mahler e Tchaikovsky). O álbum que ultimamente escoito en bucle é o novo de Rita Payes, Como la piel, e para o coche, nunca falta La Oreja de Van Gogh nin Los Rodríguez».