• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

ARRANCAN OS III PREMIOS MARTÍN CÓDAX DA MÚSICA

Arrancan os III Premios Martín Códax da Música
18 FEBREIRO 2016

Organizados por Músicos ao Vivo, chega a terceira edición dos Premios Martín Códax da Música e faino con novidades.

A máis notable é o cambio de datas. Esta edición será en abril en lugar de decembro, entre outras razóns, para aproximarse no tempo a outros certames do calendario cultural que se celebran en primavera como os María Casares ou os Mestre Mateo, pero tamén para que os premiados podan aproveitar o tirón dos premios para acadar máis contratacións de cara ao verán. O que non cambia é o lugar. A entrega de premios será o 28 de abril no Pazo da Cultura de Pontevedra, gala na que os gañadores recibirán as famosas estatuíñas de Víctor Lorenzo, “Melómanos”, 20 figuras de 45 cm de alto feitas en madeira de cedro e pintadas a man, que xa triunfaron en edicións anteriores polo seu deseño e orixinalidade.

Outra novidade é o incremento no número de categorías. Engádese unha nova, a de Coros e Música Vocal, que vén a sumarse ás existentes de Pop e Indie; Rock; Blues, Funk e Soul; Metal; Canción de Autor; Hip Hop e Músicas Urbanas; Reggae, Ska e Mestizaxe; Electrónica; Música Clásica e Contemporánea; Jazz e Músicas Improvisadas; Música Tradicional Galega; Folque; Músicas do Mundo; Música Infantil; e Orquestras, Grupos e Músicas de Verbena. Ademais continúan os premios Honorífico, como recoñecemento a toda unha traxectoria musical, e Organistrum, galardóns para a mellor sala, o mellor festival e o mellor espazo de comunicación musical.

O prazo para inscribir proxectos musicais (galegos e vixentes e activos en 2016) xa está aberto e remata o 29 de febreiro. A inscrición é libre e gratuíta e faise a través da web dos premios: www.premiosmartincodaxdamusica.com. Só hai que escoller unha categoría e achegar unha pequena descrición do proxecto e dous audios en mp3.

Despois virán a primeira rolda de votacións (do 1 ao 27 de marzo), a festa dos nomeados (el 7 de abril) e a segunda rolda de votacións (do 8 ao 20 de abril) para chegar á gala de entrega de premios o 28 de abril.

Por certo que as encargadas de presentar esta terceira edición serán as integrantes de A Panadaría, quen combinan a súa faceta de actrices coa de intérpretes musicais. Neste vídeo de presentación dos premios, con humor e orixinalidade, fan soar de maneira insólita copas, botellas, caixas e cortizas de viño, convidando a inscribirse nos premios a todos aqueles “enfermos do século XXI” que leven dentro o virus da canción.

 

  noticias