• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

TRES POSIBILIDADES PARA GRUPOS E SOLISTAS DE PARTICIPAR NO WOMEX 16 SANTIAGO DE COMPOSTELA

Tres posibilidades para grupos e solistas de participar no Womex 16 Santiago de Compostela
23 FEBREIRO 2016

Despois do grande éxito da edición de 2014, a World Music Expo, a máis importante feira internacional das músicas do mundo, volve a Santiago de Compostela en 2016 do 19 ao 23 de outubro.

Para os solitas e grupos hai tres posibilidades de participar cun requirimento común: inscribir a súa candidatura antes do 15 de abril a través da plataforma en liña do Womex, womex-apply.com, cun desconto nas tarifas que aplica a organización se o fan antes do 18 de marzo.

Cales son estas tres posibilidades?

1. Selección oficial. Cando se peche o prazo un xurado internacional, os chamados Sete Samurais, confeccionarán a selección oficial de entre todas as propostas inscritas chegadas de todo o mundo. O galego Vítor Belho, de Nordesía, forma parte deste comité de showcases xunto a Alexandra Archetti Stølen (Arxentina/Noruega), Oliver Carruthers (Reino Unido), Riza Okcu (Turquía) e Jun-Lin Yeoh (Malasia). Os Sete Samurais complétanse cos encargados da selección das conferencias: Consuelo Arbelaez (Colombia /Italia) e Jens Cording (Alemaña).

2. Atlantic Connections. Outra comisión designada polo Womex, encargarase de confeccionar o cartel para o Atlantic Connections, que é o nome que levará (como en 2014) o escenario local, facendo unha selección entre os proxectos inscritos da península Ibérica e América Latina.

3. Focus GalicianTunes. Das propostas galegas inscritas sairán os nomes dos grupos e artistas que participarán na segunda edición do Focus GalicianTunes, unha iniciativa da Agadic que busca atraer a Galicia, inmediatamente antes da feira, a unha selecta representación dos programadores, managers e axentes acreditados. O adianto da súa viaxe a Santiago permitiralles coñecer diferentes puntos da nosa Comunidade, asistir a foros profesionais, visitar espazos culturais, gozar da nosa gastronomía e presenciar unha serie de showcases especialmente deseñados para a ocasión e protagonizados en exclusiva por músicos galegos.
Na primeira edición de Focus GalicianTunes, previa ao Womex 14, participaron 27 xestores en representación de destacados festivais, ciruítos e espazos culturais de 16 países dos catro continentes, que poideron asisitir a 12 concertos nalgúns casos abertos tamén ao público.

En Womex 16 GalicianTunes contará, unha edición máis, cun espazo propio no recinto feiral que se instalará no Museo Centro Gaiás e que porá tamén a disposición das empresas galegas inscritas. Pero a industria musical deberá esperar ata abril, mes no que a organización agarda abrir o prazo para que se rexistren.

E mentras chega esta nova edición en Santiago de Compostela, velaquí un repaso ao que foi a edición de 2014.

 

  noticias