• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

5 NOVOS CLIPS NO VIDEOCLIP CLUB

5 novos clips no Videoclip Club
26 MAIO 2016

E por que non acabar cada mes cunha boa sesión de imaxes e música?

Pois aquí tedes o Videoclip Club, unha lista en YouTube que é a cinemateca particular de galiciantunes.com. Unha coidada selección de clips que activará todos os vosos sentidos. Son cancións que acompañan historias e historias que acompañan cancións e onde, máis que nunca, as imaxes valen máis que mil palabras.

O último venres de cada mes, engadimos cinco espectaculares vídeos ao Videclip Club e volos presentamos aquí. Con estes despedimos maio. 

 

Dos semanas. Misterioso Viaje Holanda 

Comenzamos cun vídeo galardoado co Premio Especial do Xurado ao Mellor Videoclip na octava edición do Festival de Cans, escrito e dirixido por Juan Pablo Etcheverry. Un realizador que escribe, dirixe, edita e produce as súas propias curtametraxes de animación, utilizando a técnica do stop motion. Da filmografía de Etcheverry pódense destacar traballos como Minotauromaquia (Nominada nos Premios Goya do 2005 á mellor curtametraxe en animación), De tripas corazón (mellor curta en vídeo no 3º Festival de Cortos FIB e Bronce Award no 25 Festival de Vídeo de Tokio) ou La flor más grande del mundo (nomeada na 22 edición dos Goya na categoría de Mellor Curta de Animación).

 

WildaCró!

Este videoclip foi dirixido por José Araújo, e consta dun conxunto de historias perturbadoras, incómodas e cheas de simboloxía. Galardoado como Mellor Videoclip no Festival Primavera do Cine de Vigo (2014) e selecciónado para o NYC Independent Film Festival 2014, tamén destaca o seu paso polo Salón Internacional de la Luz (Bogotá) e o festival Art All Night (New Yersey). Entre os actores, figura a actriz María Roja, que tamén podemos ver en City of Alexandria de Agoraphobia.

 

ShakeAgoraphobia

Ao igual que a canción, Shake é un clip cheo de enerxía realizado polas propias Agoraphobia coa axuda de Ada Seoane y Noelia López como operadoras de cámara. No vídeo podemos ver as rapazas do grupo axudando o protagonista, interpretado por Estevo González, a descubrir o seu lado máis salvaxe. Un vídeo, editado por Sabela Sampedro, que de certo vos invitará a axitar as vosas cabezas coa melena ao vento.

 

El tiempo futuro. Eladio y Los Seres Queridos

Cada ano a filla de Eladio Santos quere que neve na súa cidade, así que Eladio y Los Seres Queridos decidiron darlle esperanzas e ilusión coa canción El tiempo futuro. O vídeo, dirixido por Alberto Baamonde de Zinqin Audiovisual, converteuse nunha auténtica homenaxe á cidade de Vigo convertida nunha especie de maqueta animada ao combinar a técnica do time lapse co efecto tilt-shift.

 

Puma. Pálida

Amor ou desamor? Esa é a pregunta que nos facemos cando comeza o vídeo que pon imaxes a Puma, canción do álbum The Puma Pum/Q (Pálida, 2014). Realizado por José Garnelo, persoa que ademais se atopa detrás de Pálida, o clip garda unha historia totalmente paralela á música, onde os subtítulos xogan un papel fundamental para non perder o fío. Guillermo Zapata e Antía Figueiras son os actores protagonistas e, ademais, os axudantes de realización.

  noticias