NOVOS LANZAMENTOS. ABRIL 2016
Campeones del mundo. Novedades Carminha
Para gañar un combate de boxeo, non sempre hai que meter un golpe directo, e iso é o que fixeron os mozos de Novedades Carminha no seu cuarto asalto, Campeones del mundo. Este traballo chega ao punto máis experimental do trío mesturando estilos como hip-hop ou o funk dos 70. Ademais, eles mesmos defíneno como algo sexy e fresco, no que reformulan a súa liña musical por completo. Cancións como Lento, Que dios reparta fuerte o Todo bajo el sol rompen cos canons do estilo ao que nos tiña afeitos Novedades Carminha.
Unha excursión electrónica única con pop repleto de harmonías, ritmos trepidantes e sons relucentes. Adieu or Die é o terceiro traballo de Isabel Fernández, baixo o signo de Aries, un proxecto de artesanía pop: “Fíxeno todo eu soa. Cada son é meu, cada sintetizador, cada melodía, cada ritmo”. Neste disco, publicado por K Records (encargado da distribución en EE.UU. e Canadá) e La Castanya (que fará o propio en Europa), Aries fai “unha viaxe interior no que unha persoa se desintegra, mentres o mundo se desintegra tamén a seu redor”. Adieu or Die é un disco brillante que combina pop e psicodelia con soltura e frescor. Eclipse total foi o primeiro single, unha fantasía caleidoscópica chea de cor e formas dixitais surrealistas.
O buxo é un arbusto de crecemento lento, pero cunha madeira flexible e moi duradeira. E así é Buxeiro un grupo que vai medrando e volvéndose forte coma esa madeira. A cabeza visible do trío é Álvaro Trillo, un batería de sólida formación jazzística habitual colaborador de Ataque Escampe, Dios Ke Te Crew, Xoán Curiel ou A Magnifique Band dos Homes sen Medo. de buxo (2016, Inquedanzas Sonoras) é o primeiro traballo de Buxeiro, gravado como parte do premio Galicia Creativa na sección de Jazz da Fundación SGAE.
Luciérnagas. Interpretaciones del Leve Sentir (IDLS)
Sons de guitarras, da natureza ou voces son a materia prima de Luciérnagas, o novo álbum de Interpretaciones del Leve Sentir (IDLS), combindas en forma de música electrónica e ambient. O disco é a banda sonora do documental homónimo da realizadora Rebeca Núñez. Esta reportaxe interactiva rende homenaxe as persoas que se viron inmersas no conflito bélico de El Salvador durante os anos 1970-1992. Simón Rodríguez soubo reflectir coa súa música ese escintileo que existe nun pobo capaz de levantarse e loitar por un futuro mellor.
Coa mesma forza de sempre Malkeda lanzou o seu terceiro álbum en abril, Cumulonimbo. Financiado a través de crowdfunding, está producido por Ángel Paz e conta coa colaboración de grandes amigos como Loko23 (vocalista de Delahoja), Alberto Cereijo (Los Suaves) ou o pentacampeón do mundo de triatlón, Javi Gómez Noya, entre outros. Doce cancións coa habitual esencia de Malkeda pero máis maduras; un estilo que vai dende o máis rítmico ao máis duro, como as influencias de cada un dos compoñentes del grupo.
Que mellor forma que facer un percorrido pola poesía galega que co novo disco de Gelria, Cantos de poeta. Rosalía de Castro, Manuel María, Uxío Novoneyra e Chus Pato son algúns dos poetas galegos recollidos neste marabilloso traballo. O propósito do trío era incluír a aqueles escritores máis clásicos da cultura de Galicia para así constituír unha antoloxía poética. Este libro-disco está composto por catorce cancións, algunhas interpretadas coa axuda de varios músicos destacados do panorama musical galego. Ademais, os temas están dispoñibles en catro idiomas: galego, castelán, inglés e portugués, o que permite que a nosa cultura atravese fronteiras.
Rubén Artabe volve cunha identidade cargada da súa propia esencia que quere resumir de dúas formas: firmando unicamente como Artabe e co seu novo disco Punto cero. Estes dous elementos marcan unha busca de renovación e un xiro na carreira do cantante. Os temas deste novo álbum veñen cargados cun son máis eléctrico e elaborado, onde as texturas e as cores van collendo presenza. Cada canción achégase ao pop, ao rock e mesmo á música hipnótica, psicodélica e ambiental. Aínda así, o espírito de Rubén Artabe segue presente nas composicións máis orgánicas que, por momentos, nos traen ecos de álbumes anteriores do artista.