• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

GUIÓN CLUBE. DIRECTOS XACOBEO’21. VOL.16

GUIÓN CLUBE. DIRECTOS XACOBEO’21. VOL.16
28 AGOSTO 2021

¡Nova entrega de Directos Xacobeo’21! Lembrade que as actuacións están divididas en en capítulos (un por canción). Deste xeito, resulta máis sinxelo tanto acceder a calquera parte da gravación como saber exactamente que tema escoitamos en cada momento con só botarlle unha ollada á barra de progreso. Alén diso, no propio vídeo, aparece un rótulo co título ao comezo de cada tema.

 

Guión Clube

A finais de 2019, a parella de novos emprendedores Alejandro López e Sabela Regueira abriron a Guión Club na rúa San Agustín de Pontedeume. Reformaron a sala e comezaron con moita forza a súa andadura cultural, xa que a pesar de levar pouco tempo activa, o cantautor e músico Pancho Varona ou grupos como SuperGlú xa pisaron o seu escenario. Afirman que non se queren ancorar tan só na música, posto que tamén se definen como sala de eventos variados. Un gran referente da comarca do Eume para desfrutar da música, pero tamén un lugar onde festexar o que cadaquén queira!

 

Dirección: Rúa San Agustín, 6, 15600 Pontedeume (A Coruña)

Facebook: https://www.facebook.com/guionclub/

 

 

 

 

Adrián Costa Blues Band

Ser un apaixonado do blues é sinónimo de selo de Adrián Costa. Este músico compostelán é todo un nómada da música: viviu en Madrid, Berlín e mesmo na baía de San Francisco. Trazou unha traxectoria envexable ao longo da súa carreira, a cal comezou á pronta idade de 13 anos. Formou parte de grupos icónicos coma The Red Blues Band ou Los Reyes del K.O., e colaborou con artistas do talle de Mick Taylor ou Buddy Miles. No seu proxecto actual, acompañado da súa guitarra, combina a súa predilección polo blues con notas de punk e soul; o resultado é unha morea de composicións que parecen transportarnos á mesmísima Nova Orleáns.

 

 

 

Kings of the Beach

Perfil en galiciantunes | Entrevista en galiciantunes

Chamándose Kings of the Beach… tiñan que haber nacido un verán! Foi no de 2013, en Vigo, cando Adrián Rodríguez (guitarra, voz), Yago Guirado (baixo, voz) e Samuel Otero (batería) decidiron arrexuntarse para formar unha explosiva mestura de rock, punk, garagee surf. Avogan por ritmos salvaxes, rápidos, que destacan nuns directos divertidos, apoteóticos, cheos de suor e golpes. Curtidos nos escenarios de festivais como O Marisquiño ou o SXSW South by Southwest (Texas), este trío está máis que disposto a reinar no panorama musical actual.

 

 

 

Los Wavy Gravies

Os irmás Lorre teñen máis dun proxecto musical entre mans, xa que desta volta xúntanse co contrabaixista Iván «Koko» Soutiño para formar este grupo de rock ’n’ roll, onde o punk ou mesmo o garage tamén teñen cabida, underground do máis subterráneo! O grupo formouse alá por 2014 e xa sacaron tres álbums, o máis recente o ano pasado, Rufus Is Back in Town (Family Spree Recordings, 2020); de novo, a banda leva a diversión, o baile, o humor e a enerxía por diante de todo. Nos seus concertos poderás atopar versións de grandes bandas, como The Sonics, mais tamén temas propios dos seus discos.

 

 

 

The Bo Derek’s

A receita deste grupo foi xuntar os seguintes ingredientes: Óscar Avendaño (guitarra, voz) e os irmáns Jorge Lorre (baixo, coros) e Rufus “El Guarro” (batería, coros)… vaia tres pés para un banco! Cunha ampla traxectoria dos seus integrantes no rock ’n’ roll en castelán, o grupo xúntase para debatirse entre o old school rock ’n’ roll e, como eles din, o pub rock, cunhas letras que tratan desde historias de noites de esmorga ata críticas contra a artificialidade das redes sociais. Polo de agora, levan un LP, 10 (Family Spree Recordings, 2019), e un EP, Al carajo! (Family Spree Recordings, 2020), nos cales berran: rockn'roll en castelán para divertirse, beber e bailar!

 

 

 

  noticias