• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

RADAR ESTUDIOS. DIRECTOS XACOBEO’21. VOL.17

RADAR ESTUDIOS. DIRECTOS XACOBEO’21. VOL.17
4 SETEMBRO 2021

¡Novo concerto de Directos Xacobeo’21! Lembrade que as actuacións están divididas en en capítulos (un por canción). Deste xeito, resulta máis sinxelo tanto acceder a calquera parte da gravación como saber exactamente que tema escoitamos en cada momento con só botarlle unha ollada á barra de progreso. Alén diso, no propio vídeo, aparece un rótulo co título ao comezo de cada tema.

 

Radar Estudios

Poderíamos falar de Radar Estudios como unha especie de «transformer musical», xa que, máis alá de ser unha sala de concertos e eventos, tamén é bar e estudio de grabación; un todo en un en toda regra. Atópase situado en pleno centro de Vigo, concretamente na zona de Churruca, onde se respira a historia musical, vivida e por vivir, da cidade. O local naceu a principios dos anos 80 coma Ruralex, un auténtico templo da movida, mais foi evolucionado ata convertirse o que hoxe en día é. O seu estudio de gravación conta cun equipo vintage que data dos anos 70, época dourada do son analóxico que os máis melómanos saberán desfrutar. O seu ambiente retro industrial resulta ideal para degustar as primeiras copas da noite mentres se escoita música do máis ecléctica de diversos DJs.

 

Dirección: Calle Iglesias Esponda, 30, 36201 Vigo (Pontevedra)

Web: https://radarestudios.com/

 

 

 

 

Felipe Villar Trío

Perfil en galiciantunes

O guitarrista vigués Felipe Villar formouse con mestres como Abe Rábade ou Paco Charlín, polo que non é de estrañar o seu virtuosismo acariciando as cordas. O seu amor polo jazz revélase tras transitar os camiños do blues e do funk, e tras unha traxectoria musical impecable, formando parte de múltiples grupos, decide centrar a súa paixón por este estilo creando o seu proxecto persoal. En Felipe Villar Trío acompáñano José Manuel Díaz (contrabaixo) e Max Gómez (batería), con quen publicou xa dous discos: Home (FreeCode Jazz Records, 2014) e Outro (FreeCode Jazz Records, 2015).

 

 

 

Nicolás Pastoriza

É un dos decanos e referentes da movida viguesa dende finais dos 80, que pertenceu a bandas como La Marabunta ou, posteriormente, Ectoplasma. Logo desta etapa entre grupos, decide iniciar a súa carreira en solitario en 2009, lanzando os seus primeiros proxectos musicais persoais, inspirados en películas, prensa e mesmo nos fenómenos paranormais, descubrindo o extraordinario nun costumismo que reflicte nunhas letras cheas de enxeño. Pasan os anos e o músico vigués vaise achegando ao naíf e ao popartesanal, deixando múltiples colaboracións con outros artistas, xiras e varios discos de selo propio polo camiño; no último deles, Aliens & Cowboys (2019), Pastoriza canta aos refuxiados.

 

 

 

Dixie Town

Parecen sacados do outro lado do charco, con todo son de aquí, da ría. Os vigueses Isaac Campos (teclados), Lucas Fernández (batería), Oscar Fontán (baixo) e Pepe Fernández (guitarra, voz) preséntanse baixo a mestura do blues máis duro co mítico rock dos 70 e con letras en inglés. Contan cunha ampla bagaxe nos escenarios, desde o seu comezo no 2007, e o seu último traballo, Same Old Story (Gaztelupeko Hotsak, 2015) valeulles os eloxios da crítica e da prensa.

 

 

 

The Hendersons

Este cuarteto vigués funciona coma tributo á banda rock máis famosa de todos os tempos, The Beatles. Aitor Moon (guitarra rítmica, voz), Alberto Lopo (primeira guitarra, voz), Chus Dasilva (baixo, voz) e Paco Fernández Araujo (batería, voz), contan cunha ampla bagaxe musical que se reflicte na súa mestría á hora de interpretar os éxitos da banda británica. Mergulláronse como un yellow submarine ata o máis profundo do seu repertorio, desvelando eses sons míticos da formación que son coma tesouros, logrando un reto moi difícil. O seu respecto e admiración quedan patentes en cada acorde e impregnan cada verso con eles. All you need is love… e The Hendersons!

 

 

 

  noticias