• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

BÂBÂ BAR. DIRECTOS XACOBEO’21. VOL.18

BÂBÂ BAR. DIRECTOS XACOBEO’21. VOL.18
11 SETEMBRO 2021

Primeira fin de semana do novo curso… e novo Directos Xacobeo’21! Lembrade que as actuacións están divididas en en capítulos (un por canción). Deste xeito, resulta máis sinxelo tanto acceder a calquera parte da gravación como saber exactamente que tema escoitamos en cada momento con só botarlle unha ollada á barra de progreso. Alén diso, no propio vídeo, aparece un rótulo co título ao comezo de cada tema.

 

Bâbâ Bar

En xuño do 2010, Cristina Toba lanzábase á aventura e decidía poñer en marcha o seu sono. Así naceu o Bâbâ Bar, un acolledor local emblemático de A Coruña que «exportaba cultura». No seu interior resoaba a música ao vivo e as risas que provocaban os monólogos, das súas paredes colgaban todo tipo de exposicións… e todo á luz das velas e acompañado da mellor gastronomía, con menús degustación adaptados a cada momento. A principios de novembro do 2020, o Bâbâ Bar pechaba as súas portas por mor da complicada situación de pandemia. Sen embargo, Cristina, a súa fundadora, non está disposta a que o Bâbâ desapareza sen máis, xa que prepara un libro no cal quere relembrar os dez anos de traballo nos que foron unha parte activa da identidade da cidade. O seu corazón segue a latir por e coa cultura.

 

 

Pier & Cedrón 

O compositor Robert Pier, tamén guitarra en man, e o violinista Javier Cedrón, ambos cunha ampla traxectoria musical, forman este dúo de calidade encargado de ofrecer actuacións cargadas de enerxía e optimismo. Decidiron unirse para interpretar pezas que van desde o jazz, ata a rumba flamenca, acariciando sonoridades funk e mesmo do pop rock. O seu é facer un todo nun en canto ao musical, ademais de invitar á reflexión dos espectadores a través das súas letras, deixando tamén espazo para a diversión. Unha combinación que so dous virtuosos e apaixonados da música coma eles poderían acadar.

 


 

 

LeSuiteBand

Esta agrupación musical coruñesa leva desde 2007 deleitando ao seu público con versións do mellor repertorio da historia da música pop. A súa experiencia, dedicación e profesionalidade fan deles unha aposta segura para todo tipo de eventos e actuacións, tanto é así que xa levan máis de 800 concertos. O seu compromiso coa arte que aman vai alén da interpretación, tamén contan cunha pequena escola onde ofertan clases de canto, piano, batería, etc, compartindo a música en máis dun sentido!

 


 

 

La Chata Soul

O grupo créase en Vigo en 2016, mais so un deles é dun municipio galego, o resto dos seus membros veñen de distintos recunchos do globo. As súas diversas orixes dotan dun abano colorista á súa música, a cal combinada co estilo soul e funk que interpretan resulta toda unha experiencia musical. Glen Gibb (saxo), Ify Agunyego (voz), Roberto Marqués (guitarra), Txelu Barreira (baixo) e Walter Pelayo (batería), son os encargados de contaxiar a funk attitude” polas salas e auditorios galegos. Este grupo de versións do mellor funk, soul e blues, encárgase de interpretar temas de James Brown e o mesmísimo Charles Bradley, entre outros.

 


 

 

Bakin' Blues Band

Comezaron facendo unhas jams nalgúns garitos da Costa da Morte, alá polo 2008, mais o proxecto musical foi crecendo e crecendo. Ale Casquero (piano), David “Tato” Vázquez (guitarra), Fran Sanz (baixo), Javier Turnes (guitarra, voz) e Lucas Ferrández (batería) son os integrantes principais desta banda compostelá de formato variable, xa que non dubidan en sumar membros se a ocasión o require. Levan máis dunha década impregnando cada recuncho de Galicia e de Portugal co seu acoustic & electric blues, un son que configura atmosferas relaxadas e positivas, xa o din eles o blues é «unha sensación antes que un estilo».

 


 

 

  noticias