• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

SALA A FUNDACIÓN E PUB GATOS. DIRECTOS XACOBEO’21 VOL. 22

SALA A FUNDACIÓN E PUB GATOS. DIRECTOS XACOBEO’21 VOL. 22
16 OUTUBRO 2021

Unha entrega, dúas salas, un sábado máis de Directos Xacobeo’21. Lembrade que as actuacións están divididas en capítulos (un por canción). Deste xeito, resulta máis sinxelo tanto acceder a calquera parte da gravación como saber exactamente que tema escoitamos en cada momento con só botarlle unha ollada á barra de progreso. Alén diso, no propio vídeo, aparece un rótulo co título ao comezo de cada tema.

 

Sala A Fundación

 

Cafetería, cervecería, boleira e sala de concertos, que máis se pode pedir? Na Fundación sonche ben polifacéticos, non é para menos que en Melide estean encantados de contar cun local como este. Situado na Avenida Toques e Friol, leva anos apostando por amenizar as tardes e veladas dos seus visitantes coas actuacións de artistas da nosa terra, como MadMartin Trio ou Eladio y Los Seres Queridos. Alén das actuacións musicais, tamén acolle outros eventos como exposicións de cadros ou firmas de libros; cunha oferta amplísima, A Fundación trátase dun lugar onde o entretemento, dun xeito ou outro, está asegurado.

Dirección: Av. Toques e Friol, 23 15800 Melide (A Coruña)

Facebook: https://www.facebook.com/AFundacionMelide

 

 

Blues do País

Perfil en galiciantunes

É posible facer blues en galego? Por suposto que sí, e de calidade! Bieitta James e Pepe King son os encargados de estender o soul por todo o territorio galego, transportando a artistas como B.B. King ou Etta James a calquera recuncho de Galicia e reinterpretando clásicos a súa maneira: coa idiosincrasia e a retranca que caracterizan á nosa terra. Dispoñen dunha coidada discografía que comezara no 2014 co LP Bateas no Mississippi e que xa suma dous traballos máis, que se encargan de interpretar nos seus enérxicos directos. Presumen de tocar en calquer sitio porque, para eles, todo lugar é ideal para uns bós blueses!

 

 

 

Pub Gatos

Pasa dos trinta pero mantén a enerxía inicial coa que quería facer despuntar o panorama musical de Melide. O Pub Gatos, gran referente musical da vila e tamén da comarca, ubícase alí onde se atopan a rúa Galicia e a Pardo Bazán. Nel, o rock consegue sobordar polas fiestras, reclamando desde o epicentro de Galicia a todos aqueles que gusten de música afastada do comercial. Cando se entra no Gatos o tempo semella retroceder, cun local do máis clásico, repleto de referencias musicais nas súas paredes. Sen dúbida, unha das mecas galegas do rock que todo fan deste xénero debería visitar xa que, como din, «unha velada no Gatos é difícil de esquecer».

 

Dirección: Rúa Galicia, 15, 15800 Melide (A Coruña)

Facebook: https://www.facebook.com/pubgatos.algobo/

 

 

 

 

Biribirlocke

Biribirlocke nace en 2010, cando un grupo de corzos orixinarios de Ames, cheos de forza, inquedanzas e moito rockn’ roll nas súas veas, deciden adentrarse no seu ecosistema natural, a música. O grupo foi mutando ao longo dos anos ata establecerse a formación actual de quinteto. O seu rock contundente bebe do ska e do punk, e son quen de encaixar no seu rock instrumentos de vento coma o trombón ou o saxo. Xa levan dous discos no seu arsenal: Corzos (2014) e Tentando á sorte (2017). Nestes anos de traxectoria xa lles deu tempo a pisar festivais do talle do Castelo Rock e salas sagradas da música galega como a Capitol, entre outras. O seu lema? Facer festa!

 

 

7 Puertas

A piques de cumprir o seu vixésimo aniversario atópase esta banda de pop rock con orixe en Arteixo. Con tres discos no seu haber, o último que xestaron con título homónimo foi en 2019, as súas letras falan do cotián, o universal, a sociedade ou mesmo o amor. O seu son caracterízase pola sinxeleza, sen demasiados artificios, pero non por iso carente de mestría e ritmo. Tras facerse coñecidos na escena galega, 7 Puertas tamén deu concertos por outros lugares da xeografía española e, con motivo do aniversario que se vén, está en proceso de creación dun cuarto disco.

 

 

Mascada

Hai un par de anos que os cambadeses Gustavo Rey (baixo, voz) e Héctor Oje (batería) comezan o seu proxecto musical. Con tan só dous singles publicados, a súa intensidade demostrou ao público por onde ían ir os tiros de Mascada; cheos de influencias do grunge e o hardrock, apostan por unha acústica natural sen grandes arranxos, desprendendo unha esencia que nos leva a revivir os tempos pasados deste xénero. O grupo é reducido, pero á súa vez completo, xa que o barullo que fai esta parella resulta tremebundo, dispostos a derrubar a quen se poña por diante, como unha manada de bisontes correndo cara a ti!

 

 

 

  noticias