A ARCA DA NOE. DIRECTOS XACOBEO’21 VOL. 23
¡Nova entrega de Directos Xacobeo’21, e en Ourense! Lembrade que as actuacións están divididas en capítulos (un por canción). Deste xeito, resulta máis sinxelo tanto acceder a calquera parte da gravación como saber exactamente que tema escoitamos en cada momento con só botarlle unha ollada á barra de progreso. Alén diso, no propio vídeo, aparece un rótulo co título ao comezo de cada tema.
A Arca da Noe
Unha taberna de vila que tamén as fai de local de concertos, así é a arca da capitá Noemí Vázquez, unha muller emprendedora que en 2014 quixo inundar de música Vilar de Santos (A Limia, Ourense) e demostrar que a cultura tamén chega ao rural. Hai xa tempo que acadou con fartura este obxectivo, convertendo A Arca da Noe nun referente dentro do panorama musical galego, mostra disto é o Premio Martín Códax na categoría Organistrum Salas que gañou en 2016. Situada na rúa do Forno, os seus concertos teñen moito de lusofonía, mais non se desbota ningunha outra lingua nin moito menos, porque a intención de Noemí é crear un ambiente agradable e respetuoso no que todo o mundo teña cabida.
Dirección: Rúa do Forno, 13, 32650 Vilar de Santos (Ourense)
Facebook: https://www.facebook.com/ArcaDaNoe/
A Banda de Balbina
Dáse a coñecer en 2008 con “Estomballada”, un tema que lles abriría as portas do panorama musical de par en par. Non tardou en asolagar a radio ou a TVG, converténdose nun fenómeno de masas e, por se fose pouco… que mellor indicador de éxito que formar parte do repertorio das nosas orquestas? As súas letras, mesturadas con ritmos festeiros e a musicalidade da lingua galega, contan historias que son comúns en toda Galicia. Polo de agora publicaron tres álbums, o máis recente Con cebola ou sen cebola (Sonaxe Records, 2019).
Mounqup
Mounqup é o nome artístico de Camille Hédouin, unha artista francesa que chegou ás nosas terras alá polo 2011, concretamente á aldea de Pardavedra (A Bola, Ourense). Agasállanos cun abano de sons, que van desde o jazz, á electrónica e ao folk, e que ela chama «electrónica vocal rural». Sempre armada cos seus sintes e a súa voz, Mounqup consegue crear unha experiencia musical rompedora. Polo de agora publicou dous álbums: Proba de Son (Molho, 2017) e Castro Verdi (Molho, 2018). En 2017 foi galardoada co Premio Musical NARF pola Deputación de Coruña, e no 2018 alzouse co Premio Martín Códax da Música na categoría de electrónica.
Marcelo Dobode
Este artista multidisciplinar presenta Turoqua (2019) ante o mundo, un álbum composto por pedaciños da súa alma, emprendendo así o seu camiño en solitario tras unha traxectoria desbordante de proxectos colectivos. Un disco que marca un punto de inflexión na súa carreira, volve profesar o seu respeto pola tradición musical galega e aproveita para gritar aos catro ventos o seu amor por Pontevedra. Nas súas composicións musicais, Dobode acada unha renovación da música tradicional galega para seguir medrando sobre uns tons e letras máis actuais.
Habelas Hainas
Formouse en 2010, cando catro mulleres con sobrada experiencia no mundo da música de raíz xuntan os seus camiños para crear este proxecto. Arantza Alfaia, Jara Ortiz, Patricia Gamallo e Sandra Tamayo aportan cada unha a súa propia esencia cargando de personalidade os temas que compoñen. O tamboril, o bombo, a darbuka, a gaita, o acordeón ou a pandeireta, entre moitos outros instrumentos, son as armas coas que estas meigas galegas defenden as súas marabillosas letras comprometidas e feministas. Logo de anos tocando ao vivo, Habelas Hainas lánzase ao mercado discográfico con Livres e loucas (2017).