PLAYA CLUB & REBULLÓN. DIRECTOS XACOBEO ’21. VOL.28
Unha entrega, dúas salas, un sábado máis (o penúltimo xa!) de Directos Xacobeo’21. Lembrade que as actuacións están divididas en capítulos (un por canción). Deste xeito, resulta máis sinxelo tanto acceder a calquera parte da gravación como saber exactamente que tema escoitamos en cada momento con só botarlle unha ollada á barra de progreso. Alén diso, no propio vídeo, aparece un rótulo co título ao comezo de cada tema.
PLAYA CLUB
Ademais de ter unhas vistas envexables ao mesmísimo pé da praia de Riazor, trátase dunha das salas de concertos máis lonxevas de Galicia e tamén unha das máis históricas do país, xa que naceu alá a finais dos anos cincuenta. A maiores, conta cun completo equipo técnico de son, iluminación e, mesmo de DJ, ofertando a mellor experiencia tanto para os músicos que van levar a súa arte coma ao público que vai desfrutalo. Realizaron algunhas reformas en 2019, as que lle permitiron recuperar a estética das súas orixes, pero adaptándoa aos novos tempos sen perder a esencia. Respecto ao musical, predominan os concertos pop e rock, ademais da introdución da música emerxente e de calidade, dando apoio a talentos locais, máis alá dos nacionais e internacionais.
Dirección: Andén de Riazor s/n, 15011 A Coruña (A Coruña)
Web: https://playaclub.club/
PRESUMIDO
Perfil en galiciantunes | Entrevista en galiciantunes
Nacho Dafonte e Tarci Ávila presentan en 2013 “Ahora Mejor” e desde entón, como se dun vaticinio se tratara, non pararon de rebentar o panorama musical. O dúo vigués presentou unha longa cola de traballos durante a súa traxectoria, todos eles en forma de synth pop 2.0. Un chisco de retro dos 80, máis a exploración de diversos territorios musicais propios de artistas como Depeche Mode ou Daft Punk, levounos a atopar un estilo propio e innovador. Nos seus concertos gustaban de combinar a súa música con xogos de luces e proxeccións, creando unha experiencia totalmente inmersiva.
MAD MARTIN TRIO
Este power trío compostelán liderado por Martin Esturao leva dando caña desde 2014, cando presentan It Was a Very Good Year, un tema propio do rock and roll máis clásico que nos adiantaba cal sería a esencia deste grupo, o cal completan Guillermo González (baixo) e Manuel Brey (batería). Tras a publicación do EP Seven Lucky Shots (Molusco Discos, 2014), un selo sueco chamaos para gravar alí o que sería o seu primeiro LP, Time To Go Mad (Vintjärn Records, 2015). Desde aquela, a súa vida foi un non stop de concertos por Europa e toda a xeografía española, cautivando aos espectadores co seu espírito primixenio e gran enerxía no escenario.
TRUE MOUNTAINS
Este proxecto nace en 2013 como unha forma de desafogo para os seus cofundadores, Iván Pérez (voz, guitarra) e Nacho Martín (voz, baixo), ao que máis adiante uniríase Marco Paraños (voz, batería), pasando de dúo a todo un power trío. As súas composicións acústicas presentan arranxos minimalistas e un espírito positivista, o que é toda unha revolución… xa que estamos a falar dun grupo punk. Xa publicaron dous discos en acústico e un EP, e viñan presentando un novo traballo, Electroshocking (2020), o primeiro integramente en formato eléctrico e cunha mistura de estilos musicais. Música como desafogo, vehículo de terapia con escrituras, e música desde o corazón… parental advisory, positive content!
SALA REBULLÓN
Esta sala de Tameiga (Mos) facía en maio catro anos de existencia, catro anos que estiveron cheos de programación e das actuacións de grandes grupos e artistas musicais. Ubicada na avenida do Rebullón, a sala tamén acolle outro tipo de espectáculos máis alá do musical, posto que está perfectamente acondicionada para organizar outros eventos culturais coma obras de teatro, monólogos e mesmo proxeccións de películas. Un lugar cheo de vitalidade e ocio que os veciños de Tameiga agradecen ter, xa que supón actividade e visitas de fóra para a parroquia.
Dirección: Avda. do Rebullón 23, 36416 Tameiga (Pontevedra)
Facebook: https://www.facebook.com/salarebullon/
STONED AT POMPEII
Desde a cidade olívica chegan para facernos estremecer co seu rock duro, Adolfo FH (guitarra, voz), Antón F. Piru (baixo), Cristian García (batería) e Paul Rodga (guitarra). Polo de agora, xa tocaron nalgúns escenarios internacionais e mesmo «sagrados», onde actuaron grupos lendarios como Led Zeppelin o Pink Floyd, ou en festivais do talle do Resurrection Fest. Á hora de nomear a banda inspiráronse na película documental de Pink Floyd, Live at Pompeii (1972), pero decidiron darlle un xiro máis contundente. Así son eles e as súas letras, cargadas de toques de rock psicodélico, metal, post punk… todo isto en inglés, buscando favorecer á súa proxección internacional.