MALDITO MURPHY: «"HORIZONTES" CHÁMASE ASÍ POR MOITAS COUSAS, UNHA DELAS É ESE HORIZONTE SONORO QUE CRUZAMOS»
Saltaron á escena cun impecable pop rock de letras traballadas e acordes que se nutrían de rock americano, con ritmos country, chiscos ao blues e estruturas pop. Maldito Murphy leva poñendo banda sonora ao equilibrio entre pesimismo e positivismo desde a súa creación en 2015, con cancións que encheron un álbum debut e a súa posterior reedición, e directos que atestaron salas locais e estatais.
Composta na actualidade por Juan Castro (voz, guitarra), Sebas Yepes (baixo), Aarón Starsailor (batería) e Román Tabares (guitarra), o grupo vén de lanzar un novo traballo discográfico, Horizontes (2021). Gravado nos Estudios Moon River con Fernando Macaya como produtor, o longo supón un punto de inflexión para a banda; un salto evolutivo tanto a nivel compositivo como sonoro onde escoitamos a un Maldito Murphy máis ecléctico, a medio camiño entre o pop melódico e o pop alternativo.
En 2015, Juan Castro (voz, guitarra) presenta o seu Maldito Murphy en varias salas de Vigo; un proxecto que foi crecendo e mudando ata acadar a formación actual, xunto a Sebas Yepes (baixo), Aarón Starsailor (batería) e Román Tabares (guitarra). Como foi este «crecemento», desde os inicios ata a actualidade? Juan, cando comezaches, tiñas en mente chegar ata aquí... como banda e non en solitario?
Juan Castro: «Nunca se me pasou pola cabeza ir en solitario; dáme máis respecto. Ter o respaldo dunha banda e forxar un son como tal penso que é mellor. Imaxínome que todo ten a súa parte mala e a súa parte boa».
A título persoal, lembrades o voso primeiro contacto coa música? E cun instrumento?
Juan: «En casa dos meus pais sempre se escoitou moita música. O meu pai tiña un equipo con tocadiscos que aínda hoxe conservo. Sempre me gustou a música moitísimo.
O meu primeiro contacto cun instrumento foi unha guitarra española que tiña o meu irmán pequeno, que ía a clase de guitarra de actividade extraescolar, e eu axencieima e empecei a aprender acordes dun caderno que tiña».
Aaron Starsailor: «Na miña familia hai varios músicos; o meu avó tocaba o tambor nunha banda municipal e o meu pai segue a exercer como batería profesional en diferentes proxectos. Como vos podedes imaxinar crecín sentado nunha batería, concretamente unha Simmons electrónica que lembro desde que teño uso de razón. A miña pobre nai leva toda a vida usando tapóns!».
Tan só un ano despois da vosa creación, entrastes en Radar Estudios (Vigo) para gravar, primeiro un sinxelo e despois o voso disco debut, No éramos tan ciegos (2017), xunto a Pablo Iglesias. Como foi esta primeira toma de contacto, sobre todo cun produtor como Pablo (Killer Barbies, Los Piratas, Kannon)?
Juan: «Pois foi unha experiencia nova, un pouco á deriva, sen ter as cousas moi claras ou preparadas. Aí Pablo Iglesias axudounos moito, o seu peso no disco foi moi importante.
Traballar con Pablo foi moi fácil, polo menos para nós; conxeniamos moi ben e, de feito, quedou unha amizade».
Aaron: «O certo é que eu entrei na banda xusto nos derradeiros compases da gravación á que eu acheguei percusión, xa que as baterías foron gravadas polo anterior batera, Philips Yepes. Pero si podo dicir, por ese disco e despois de participar na reedición, que Radar e Pablo son un estándar de calidade en Galicia, e que traballar con el é súper sinxelo».
Este primeiro disco é galardoado como Mellor Disco Autoeditado 2017 nos Premios Maketón Maeloc de Los 40 Vigo. Que significou para vós este recoñecemento, tendo en conta de que era o voso debut?
Juan: «Unha inmensa alegría. Cando gravamos o disco nin sequera pensabamos en premios, nin estar nomeados, nin nada diso; era un disco de toma de contacto e mira… parece que ao xurado lle gustou! Foi unha alegría e, sobre todo, unha motivación para seguir a traballar e aprender a facer as cousas cada vez mellor».
Aaron: «Pouco máis podo dicir! Foi unha sorpresa e un empurrón de moral; este tipo de premios fan que as bandas emerxentes nos enchamos de ilusión para seguir na loita».
As cancións directas, de retrousos pegadizos, e unha impecable mestura de pop-rock con tinguiduras country, fixo que No éramos tan ciegos fose aclamado por público e crítica. Esperabades tal acollida?
Juan: «Non, como dicía, era o primeiro disco e estabamos a aprender a facer moitas cousas. Non tiñamos grandes pretensións, só darnos a coñecer con ese disco; era nosa carta de presentación».
Aaron: «Un sempre é o seu peor crítico e, a verdade, ese primeiro disco superou as nosas expectativas. Lembro o artigo de Javier Escorzo en Rock Estatal... Foi incrible poder ler unha crítica dese calibre. Estamos súpercontentos co noso debut, a verdade que nos trouxo moitas alegrías».
Entre concerto e concerto, decidides reeditar este traballo en vinilo, No éramos tan ciegos 2.0 (2018), con 5 cancións do primeiro disco e 4 novas. Por que? Por que lanzar unha reedición en vez de, por exemplo, publicar un novo EP con esas 4 cancións? Foi unha cuestión de loxística, de nostalxia...?
Juan: «Foi unha cuestión de que nos quedara a espiña de non editar o disco en vinilo, así que nos pareceu boa idea facer unha reedición en vinilo e meter catro temas novos».
Aaron: «Ao fío do que comenta Juan, para min era importantísimo, xa que por fin tiña a oportunidade de gravar cos meus compañeiros de batalla, [algo así como] unha forma de xerar unha pequena transición sonora con esas cancións novas. Foi un luxazo traballar con eles no estudio e poder gravar ese pedazo de vinilo».
En 2019 dades unha xira de media centena de concertos por toda a xeografía española; horas e horas de manta, estrada e furgoneta. Hai algunha lección, ou anécdota, coa que puiderades resumir esta xira?
Juan: «Nunha xira tan longa cométense acertos e erros. Vas aprendendo, sobre todo dos erros, para non volver cometelos en xiras posteriores; aprendes a facer as cousas. Estou seguro de que moitos deses erros non van pasar na xira do novo disco. Estará todo máis pensado e estudado. Aquela xira foi un pouco botarse á estrada á toa...».
Aaron: «As xiras serven para moitas cousas e, sobre todo, para coñecer a outros artistas, coñecer á túa banda, e a ti mesmo. Ten momentos duros que che poñen en xaque e de como se xestionen emocionalmente dependerá o crecemento do grupo, como familia e proxecto. Para min foi unha experiencia que me cambiou a vida».
A finais do novembro pasado publicabades o voso novo traballo discográfico, Horizontes (2021). Canto de accidentada foi a gravación? Porque estabades gravando nos Estudios Moon River (Santander) cando unha COVID-19 salvaxe apareceu...
Juan: «Metémonos no estudo o venres 6 de marzo e o domingo 8 volvemos a Vigo; era unha toma de contacto co estudio e con Fernando Macaya. A fin de semana seguinte confináronnos... así que, evidentemente, parouse todo.
Aaron: «Somos Maldito Murphy sempre ten que pasar algo... [risos]. Estamos afeitos e xa nos fixemos fortes!».
Como afectou esta parada obrigatoria ao desenvolvemento do disco? É dicir, soaría igual e o repertorio sería o mesmo se a gravación seguise o seu curso orixinal?
Juan: «Afectou nalgúns aspectos. Eu no confinamento traballei un pouco máis nas letras, e falabamos por teléfono e videochamada dalgún arranxo novo que se nos ocorría. Penso que ao disco lle veu ben a parada, quedou moito máis redondo e máis pensado.
No confinamento tamén escribín “Nubes negras”, que fala daqueles días encerrados, e finalmente coouse no disco».
Aaron: «A espera fíxose eterna e, ben, xa todos imaxinades o que supón a incerteza de non saber cando vai saír un disco, nin sequera cando o vas a poder terminar. Pero Juan fixo un gran traballo, aproveitando o tempo compoñendo novas cancións, e nunca paramos de puír conceptos. Este disco non sería se todo isto non pasase... e afortunadamente aquí esta!».
Adiantabades Horizontes con “Los latidos del tiempo”, un canto á fugacidade do tempo que xa reflectía un salto evolutivo, tanto a nivel compositivo como sonoro. Agora que xa o temos completo, credes neste disco como un punto de inflexión na vosa traxectoria?
Juan: «Si, estamos moi orgullosos do disco que fixemos; cremos moito nel e nas súas posibilidades e, de feito, está a funcionar moi ben en Spotify, por exemplo. Honestamente... está cheo de boas cancións».
Aaron: «Horizontes chámase así por moitas cousas, pero una delas é precisamente ese horizonte sonoro que cruzamos. Creo que o noso son madurou e fomos máis libres e corremos máis riscos á hora de gravar. O noso produtor tamén deixou unha pegada importante nese cambio. A xente que o escoite sorprenderase polo variado e fácil de escoitar que é».
Horizontes soa máis ecléctico, a medio camiño entre o pop melódico e o rock alternativo, e máis afastado do country e a americana. Como foi a evolución ata delimitar este son?
Juan: «Son épocas. Eu empápome moito da música que escoito e, cando escribín estas cancións, xa non estaba nesa onda tan country americana. Son un cu inquieto e non podía, nin quería, que fixésemos outro disco igual.
Igual dentro de tres anos volvemos gravar un disco máis country outra vez; depende das influencias dese momento e o que nos apeteza facer».
Aaron: «Como di Juan, saber evolucionar é importante; que cada disco teña o seu puntiño diferenciador é algo que creo que os oíntes valoran».
Falando de sons, estilos, xéneros... onde caería o voso, como definiriades o voso estilo?
Juan: «Pois, polo que comentaba na pregunta anterior, definiríanos como un grupo moi ecléctico; non temos un estilo definido e un claro exemplo é este novo disco, onde te podes atopar varios xéneros en 11 cancións».
Aaron: Agora mesmo é difícil poñer unha etiqueta a Maldito Murphy [risas]».
O álbum ábreo “Todos mis males”, tema para o que contastes co voso «moi admirado» Mikel Erentxun. Como xurdiu a colaboración e como describiriades a experiencia?
Juan: «No estudio comentámoslle a [Fernando] Macaya que o retrouso desta canción era como moi mikeliano. Dixémoslle, sen ningún tipo de pretensión porque nos parecía un imposible, que tiña que cantala el e contestounos que, se queriamos, llo comentaba. Xa che digo, dixémoslle que si, que llo dixese, pero pensando entre risas... porque pensabamos que era imposible e que medio nos estaba vacilando.
Pero o destino fixo que mes e medio máis tarde, máis ou menos, fósemos teloneros de Mikel en Vigo; Macaya viña con el, xa que toca na banda de Mikel, e aí nos camerinos e a cea de despois do concerto empezouse a xestar todo. Empezamos a crer que había moitas posibilidades, xa que Mikel dixo que si que o facía, que tiña que atopar un oco porque el comezaba gravar o seu novo disco. Aí empezamos a pensar que iamos ter a Mikel no disco, aínda que aínda nos faltaba o permiso de Warner para que o deixase cantar, pero non houbo ningún problema; ao contrario, desde Warner axudáronnos e foron moi amables en todo o proceso».
Lemos que a minimalista “La chica salvaje” está inspirada na cidade de Granada. E o resto do álbum? Que, ou quen, inspira a Maldito Murphy?
Juan: «O groso do disco está escrito na xira de 2019, a que comentabamos antes, así que fala bastante de viaxes, de estar lonxe de casa, da túa xente; tamén fala do paso do tempo, sempre con ese desencanto romántico que as envolve».
Á hora de compoñer, tedes algunha influencia á que admiredes en particular? Como é o proceso creativo?
Juan: «Influencias moitas, como xa comentei. E o proceso creativo... pois eu escribo as cancións (música e letra) e as maqueto na miña casa xa con algúns arranxos. Métolle todos os instrumentos e pásollas para que teñan unha idea de como me imaxinaba a canción cando a escribín.
Despois cada un achega as súas ideas, as súas liñas, e as cancións ás veces toman outro camiño máis interesante; outras vemos que o mellor camiño era o que estaba marcado... en fin».
Aaron: «Todo parte de Juan, que ten unha visión moi ampla e moi clara do que busca; logo cada un vai achegando o seu estilo, pequenos detalles e algún arranxo. No meu caso, Juan compón unha liña básica de batería a modo de maqueta que logo eu amplío e achego os redrobres, que pratos uso, etc.».
Despois dun ano, en setembro volvestes subir a un escenario; e non a un calquera, ao do Auditorio Mar de Vigo como parte do festival Terraceo 2021. Como sentistes esa volta, máis sendo na casa?
Juan: «Foi un día incrible. Saíu todo ao pedir de boca: son, xente, repertorio acertado... e por que non dicilo, nós tocamos moi ben; unha banda ben engraxada para levar moito sen tocar. Foi unha experiencia inesquecible».
Aaron: «Eu case choro e iso que me custa moito! [risos]. Subscribo as palabras de Juan, día inesquecible!».
Ao fío, e xa que nomeamos a cidade que vos viu nacer, como vedes a escena local viguesa?
Juan: «Ben..., creo que esta cidade viviu tempos mellores a nivel musical; deixémolo aí».
Aaron: «Estou de acordo con Juan. Quizais isto non teña que ver coa calidade dos proxectos ou a cantidade, senón co apoio institucional. Non hai promoción cultural que abrangue festivais, concursos, espazos de coworking, circuítos de salas, etc. Noutras cidades máis pequenas e sen a historia musical de Vigo están a traballar moito mellor, e iso empézase a notar nos carteis de festivais a nivel estatal, que inclúen bandas das devanditas cidades».
Que poderemos agardar dun concerto de Maldito Murphy? Algunha vindeira data que poidades revelar?
Juan: «Pois de entrada un repertorio novo, xa que tocaremos o novo disco enteiro, ademais dalgunha canción do primeiro e da reedición... e algunha sorpresa. Pódoche adiantar que o 26 de febreiro facemos o concerto de presentación do disco aquí na casa, en Vigo, na Fábrica de Chocolate».
Canto dano vos fixo Murphy e a súa lei para que non lle dediquedes unha canción... senón o nome do grupo?
Juan: «[Risos] Imaxínate!!».
Aaron: «Perséguenos e tennos teima, pero querémolo igual [risas]».
Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendariades? Algún favorito que deberiamos coñecer?
Juan: «Sempre recomendo a Eladio y Los Seres Queridos, paréceme un grupazo con súpertemas».
Aaron: «Eladio, Moito!, Pablo Lesuit... temos moita calidade galega!».
Se abrísemos as vosas contas persoais de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña.
Juan: «Pois mira, vouna abrir e cóntoche: Bruce Springsteen, Rufus T. Firefly, Mikel Erentxun, The War on Drugs, The Rolling Stones...».
Aaron: «A ver a miña... pois: música clásica, Zahara, Leiva, Rufus [T. Firefly], música dance que uso para facer deporte... aquí hai de todo! [risos]».