• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

ÁNGELES DORRIO: «PODER DEDICARME A MÚSICA FOI, SEGUE A SER, UN SOÑO FEITO REALIDADE»

ÁNGELES DORRIO: «PODER DEDICARME A MÚSICA FOI, SEGUE A SER, UN SOÑO FEITO REALIDADE»
7 FEBREIRO 2022

Ángeles Dorrio é unha artista vocacional. Ela xa quería ser cantante desde nena e, hoxe, máis de vinte anos de traxectoria evidencian ese «soño feito realidade». Un cuarto de século no que Dorrio se forxou como vocalista, compositora e docente; primeiro colaborando nos traballos discográficos de diversos artistas (Luar na Lubre, Carmen Rey, McRimas), despois como voz solista feminina do grupo de acid jazz VenueConnection. Na actualidade, a artista coruñesa forma parte do trío Gospel 3, o cuarteto Ejazz, o coro Sisters in the House e, paralelamente, mantén unha carreira en solitario onde o jazz se escoita rodeado de soul, R&B, pop e folk.

Debutaba con Ten Soul(2013), un longo no que Dorrio volcaba as súa ampla variedade de influencias —desde Ray Charles ou Stevie Wonder a Erykah Badu, Whitney Houston ou Rachelle Ferrell— nunha decena temas en inglés, galego e castelán. Agora volve con Selegna (2021), un EP onde voz e talento conflúen á perfección, adaptándose, sen importar o xénero; jazz, soul ou R&B, Ángeles Dorrio amosa un grande dominio técnico á vez que explora a infinidade de matices que a súa cálida voz pode chegar a ofrecer.

 

 

 

Con máis de dúas décadas enriba dos escenarios, como lembras os teus comezos na música? Dirías que foi unha disciplina que sempre che espertou curiosidade ou tiveches algunha «revelación»?

Ángeles Dorrio: «Eu canto desde ben pequeniña. É vocacional. Sempre quixen ser cantante e moitos xogos da miña infancia xiraban en torno á música.

Para min, poder dedicarme a ela foi —segue a ser— un soño feito realidade. Si que é verdade que a primeira vez que vin e escoitei a Whitney Houston na tele (sendo eu rapariga) quedei abraiada e, por que non dicilo, “obsesionada” coa súa voz. Foi a miña primeira gran ídola!».

 

Es parte de varias formacións corais, como Ejazz ou Sisters in the House. Pensas que hai algunha diferencia da Ángeles como parte dun grupo e a Ángeles como solista?

Ángeles: «Pois desfruto ambas facetas, a de cantar a voces e a de solista. Evidentemente, a responsabilidade non é a mesma; no meu proxecto persoal, ademais de cantar, defendo temas propios, o que supón unha implicación emocional moito maior».

 

 

Ejazz foi galardoada nos IV Premios Martín Códax da Música na categoría de Coros e Grupos Vocais, mentres que Sisters in the House foi varias veces finalista nesa mesma categoría. Que significan para ti estes recoñecementos?

Ángeles: «Así é! Ejazz recibimos o galardón dúas veces; lembro sobre todo a primeira vez con moitísimos nervios e ilusión. E, no caso das Sisters, por suposto é unha honra estar aí.

Na miña opinión, o máis importante dos Premios é que celebran e dan visibilidade a toda a música feita en Galicia».

 

Ao fío, na pasada edición formaches parte do octeto vocal que puxo música á gala. Como describirías a experiencia?

Ángeles: «Wow, foi unha experiencia incrible en moitos aspectos; estou tan agradecida! Foi un traballo intenso, arriscado e moi emotivo, para min foi un auténtico premio! Poder cantar na Gala ao vivo e facelo xunto a compañeiras e compañeiros con tanto talento... Á fronte dúas persoas que foron, e son, mestres: Ramón Bermejo e Carmen Rey, que máis se pode pedir! Privilexio e orgullo a partes iguais».

 

 

Musicalmente, cales dirías que son as túas influencias? Tes algunha referencia en particular?

Ángeles: «Pois teño moitas! Na parte vocal, estritamente, sempre falo de tres artistas que me “marcaron” por distintos motivos: Whitney Houston, Rachelle Ferrell e Erykah Badu.

Pero a nivel máis amplo, gusto da música sobre todo dos 90 (acid jazz, R&B, hip hop, neo soul, gospel), aínda que, actualmente, estou sendo máis ecléctica e, máis que estilos ou artistas determinados, escoito cancións».

 

Debutas en solitario con Ten Soul (2013), dez cancións en galego, castelán e inglés que dicías eran un «resumo da túa carreira», xa que foi publicado cando levabas case 20 anos na música. Que che empurrou a materializar todos eses anos por vez primeira nun disco?

Ángeles: «Dada a miña personalidade perfeccionista cústame bastante tomar certas decisións; doulle moitas voltas ás cousas ata que un día o fago [risos]. A maior parte dos temas xa estaban compostos anos antes da súa publicación. Chega un día que me digo: “hai que facelo e punto”. Era unha débeda comigo mesma».

 

 

Ten soul... ten máis que soul; toca jazz, world music, fusión... se falamos de estilos, onde caería o de Ángeles Dorrio?

Ángeles: «Non é doado definir o meu estilo, penso. A xente que me coñece adoita asociarme ao soul e o jazz, pero como ben dis, hai máis ingredientes na receita. Quizais soul folk... non sei!».

 

Entre a decena de cancións que compoñen o disco, destacan as catro dedicadas ás estacións do ano, como unha especie de EP dentro do longo. Por que incluílas no disco en vez de publicalas á parte?

Ángeles: «Pois no tempo de espera de poder, e tomar a decisión de, gravalas, compuxen outros temas e ao final foron dez. Tamén gustábame a idea dun pequeno “disco” dentro doutro».

 

 

 

 

Poñías o broche de ouro ao 2021 con Selegna (2021), unha coidada colección de catro cancións de jazz contemporáneo. Como foi o proceso creativo, tendo en conta os tempos nos que xestou?

Ángeles: «Os tres primeiros temas xa os tiña compostos hai anos; faltaban os arranxos finais. No caso de “La Perla”, a idea xurdiu na pandemia ao atopar unha antiga gravación no móbil».

 

O título do disco, Selegna, é o teu nome ao revés. Que procurabas con este xogo de letras? Porque non sería a primeira vez que un disco comparte título co seu artista!

Ángeles: «Por unha banda, ao ser un disco con temas tan heteroxéneos e persoais ao mesmo tempo, foi complicado atopar un título. Por outra, encántanme os xogos de palabras (xa o fixera con Ten Soul) e Selegna era o nome co que de nena xogaba a me chamar, posto que non estaba conforme co meu [risos]. Para rematar, nestes tempos nos que todo o mundo fala de ter que reinventarse e adaptarse... encaixa totalmente!».

 

 

Adiantábalo con “Terra de muller”, unha crítica á desigualdade apoiada por un coro de mulleres (Sisters in the House) con ecos do folclore galego. Como xurdiu esta mestura de jazz e música tradicional, eses acordes de saxo e piano mesturados con aturuxos?

Ángeles: «Gústame mesturar estilos e tamén tiña moitas ganas de contar coas Sisters dunha maneira orixinal.

Penso que a inspiración máis directa vén do feito de que, nos nosos concertos, incluímos un apartado no que cada sister fai un solo onde desfrutamos da diversidade de estilos e voces das cantantes. Un deles cántao a capela Marica Diz, unha compañeira que vén do tradicional e, a verdade, é que a min me emociona sempre moitísimo».

 

Ao fío, na túa opinión, que papel pensas que xoga a música á hora de denunciar e concienciar sobre as desigualdades sociais?

Ángeles: «Penso que xoga un papel fundamental á hora reflectir, dalgún xeito, a realidade que nos toca vivir».

 

Acariñas o jazz en “Parks”, un canto que reivindica o legado activista de Rosa Parks. Que che fixo escoller esta figura tan recoñecida do movemento polos dereitos civís en Estados Unidos?

Ángeles: «Teño que confesar que a idea orixinal non é miña! O escritor e músico coruñés Quinito Mourelle envioume hai varios anos un pequeno poema ao que lle puxen música, e de aí saíu “Parks”».

 

 

En Selegna escoitamos aínda máis instrumentos que no anterior... e máis colaboracións tamén. En que momento do proceso de composición pensas nos colaboradores? Afectou dalgún xeito elixir eses colaboradores no proceso de composición?

Ángeles: «Efectivamente, Selegna conta con Pablo Añón, Olga Kirk e Sisters in the House. A composición inicial foi anterior á elección dos colaboradores, pero si que os tiven en conta na estrutura final dos temas».

 

Ademais de colaborar no EP e compartir formación con ela, Carmen Rey é a túa mentora. Como resumirías o proceso de ensinanza-aprendizaxe xunto a ela?

Ángeles: «Coñecer a Carmen Rey supuxo un punto de inflexión moi importante na miña vida. Con ela continúo a aprender en cada ensaio, en cada concerto... Son moi afortunada de tela sempre ó meu carón».

 

 

Pecha o disco “La Perla”, versión da clásica habanera para a que recuperaches unha gravación da túa avoa, Dona María Ángeles, á que escoitamos cantar os primeiros versos. De onde vén a idea desta homenaxe sonora non só á túa avoa, senón tamén á cidade de Ferrol?

Ángeles: «Pois na pandemia atopei un MP3 do ano 2015 no móbil; era unha gravación caseira da miña avoa meses antes de falecer. A miña familia materna é ferrolá e sempre foi moi cantareira; facían temas populares nas sobremesas e “La Perla” era un deles. Teño moi fermosos recordos, así que decidín que sería moi emotivo render esa homenaxe a esas raíces.

De feito, eu son ferrolá de nacemento, aínda que me criei no barrio coruñés de Monte Alto».

 

 

Do mesmo xeito que fixeches co teu debut, Selegna tamén está dispoñible en cedé, ademais de nas principais plataformas dixitais. Por que seguir a apostar polo formato físico, tendo en conta o aumento constante do consumo dixital de música?

Ángeles: «Boa pregunta! De feito, estiven a piques de non publicar en formato físico pero, no meu caso, como me custa tanto esforzo dar o paso e materializar o proxecto, necesitaba poder “tocalo” literalmente.

En calquera caso, son consciente da situación actual e editei poucas copias».

 

Compaxinas a túa carreira artística coa docente, como profesora de canto moderno. Como veñen as novas xeracións?

Ángeles: «Na miña opinión, as novas xeracións veñen moi influenciadas pola era dixital e tecnolóxica na que estamos inmersas, como é lóxico.

Como todo, ten unha parte moi boa que é un acceso inmediato a todo tipo de contido, información e ferramentas musicais (que non tiñamos xeracións anteriores). E outra parte non tan boa que é a dificultade para escoller dentro dese “océano” informativo constante e incesante, o que fai que lles poida afectar a súa capacidade de concentración á hora de estudar. Aínda que, por suposto, hai excepcións!».

 

Que poderemos agardar dun directo de Ángeles Dorrio en solitario? Algunha vindeira data que poidas revelar xa?

Ángeles: «Nun directo de Ángeles Dorrio tentamos que, sobre todo, a música en si mesma sexa a protagonista. Vimos de facer a primeira presentación na Sala Garufa Club (A Coruña) e agardamos facer máis polo resto do país».

 

 

Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendarías? Algún favorito que deberiamos coñecer?

Ángeles: «Encántame Udra, un grupo de neo soul galego que recomendo».

 

Se abrísemos a túa conta persoal de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña.

Ángeles: «Vale! Pois agora mesmo artistas tan dispares coma Mariah Carey, Tom Misch, Angie Stone, WÖYZA, Maria Gadú ou Miles Davis».

 

 

 

  noticias