• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

11+1 DO FENÓMENO TANXUGUEIRAS

11+1 DO FENÓMENO TANXUGUEIRAS
18 FEBREIRO 2022

Antes e durante o Benidorm Fest, o concurso do que sairía o vindeiro representante de España en Eurovisión, xa se sabía que Terra e Tanxugueiras eran unha das propostas favoritas para gañar. Despois do Benidorm Fest, ademais de evidencia que si, si que hai fronteiras, quedou claro —un 70% claro— que Tanxugueiras gañara… o agarimo do público. 

Miles de mensaxes de apoio compartidos en redes sociais e medios de comunicación, e outros tantos de visualizacións, materializáronse na tanxuguerización dun público que non entende de fronteiras, nacionais e internacionais. Parte dese apoio e orgullo compárteno con covers da canción, cantadas e instrumentais, ou coreografías nas que participan pequenos e maiores. Seleccionamos 11 (+1) probas audiovisuais de ellos para amosar que para elas, para as Tanxugueiras, non hai fronteiras.

 

 

Se a canción orixinal xa mesturaba ritmos tradicionais con outros máis urbanos, as versións que xurdiron a partir da mesma tocan ska, rock, metal, acústica… e a pandeireta «transfórmase» en batería, guitarra, caixón ou unha trompeta mesmo!

 

Terra, La Pegatina

 

Terra [Drum Cover], Elías Fernández

 

Terra á guitarra, Brais Morán

 

 

Tanxugueiras fai música sen fronteiras… e sen franxa de idade. Terra e Figa puxeron a bailar a pequenos e adolescentes, a «cantala» en lingua de signos ou facer unha versión coral mini da que, quizais, poida saír algún que outro representante para Eurovisión Junior.

 

Terra, IES Auga da Laxe (Gondomar, Pontevedra)

 

Terra en LSE, CEIP Quiroga Palacios (Santiago de Compostela)

 

Figa, IES Adormideras (A Coruña)

 

Figa, Coro do CEIP de Caión (A Laracha)

 

 

O baile de Aida xunto a Fran Sieira e Artur Puga —na ponte da canción e xusto antes do aturuxo de Olaia— causou tal sensación que, por exemplo,ata Maximus, a mascota do Club de Baloncesto Breogán (Lugo), tivo que recreala xunto a dous xogadores do seu equipo. A Eurovisión non irá… pero Terra xa se coou nunha clase de zumba e nunha de baile galego!

 

Terra, AC Troula do Ortegal (Ortigueira)

 

Zumba Terra, Sala 5 Fitness & Bienestar (Viveiro)

 

Terra, «nin fronteiras, nin brúxula», Maximus Breo do Club Baloncesto Breogán (Lugo)

 

 

Eurofan inglesa reacciona a Terra ao vivo, Anoushka Berberian

Anoushka Berberian é unha Eurofan chipriota-armenia de Londres, que vive en Detroit (Míchigan, EE.UU.), e á que o «ai-la-ra-la-la» das nosas Tanxus a deixou encandeada. Confesa que as súas dúas candidaturas eran Ay Mama e Terra, pero que quedaba con esta última por ser, en conxunto, «chamativa, única e memorable».

 

 

 

 

O +1 non podía ser outro que esta versión en galego da gañadora-para-o-xurado-profesional Slo Mo, que a escritora viguesa Ledicia Costas adaptou unhas horas despois da Gala Final do Benidorm Fest, e á que Iago Gordillo (Diariodeverano) puxo música. O galego non se escoitará en Turín o vindeiro 14 de maio, pero este Quítalle gas para a verbena do pobo unha noite de agosto calquera… nin tan mal.

 

SloMo á galega, adaptación de Ledicia Costas ft. Iago Gordillo (Diariodeverano)

 

  noticias