• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

SERTUCHA: «Á HORA DE COMPOÑER SON MELANCÓLICO, PERO SEMPRE CON CERTO OPTIMISMO»

SERTUCHA: «Á HORA DE COMPOÑER SON MELANCÓLICO, PERO SEMPRE CON CERTO OPTIMISMO»
21 FEBREIRO 2022

Soa americana, country, folk rock... e poderiamos estar en calquera garito de Nashville (Tennessee, EE.UU.), pero estamos a 7.000 km, en Estremadura; e quen soa é un coruñés, de raíces vascas, que se acubilla tras o seu apelido. Aritz Sertucha é un veterano no mundo da música: desde a súa primeira banda, The Gift, ata a súa actual, Milana, pasando polo seu proxecto máis persoal, el foi tocando «aquí e alí». En solitario, Sertucha ofrece un son americano orgánico, «sen moitos artificios efectistas», que aperta letras cálidas, melancólicas e intimistas.

Debutaba en febreiro de 2021 con Cuando suba el río (Milanamúsica Records, 2021), un longo de medios tempos optimistas, cortes algo íntimos, outros máis eléctricos e influencias do country e do folk, que fan del un álbum moi dinámico. O seu segundo traballo discográfico, Horizonte (Milanamúsica Records, 2021), chegaba a finais dese mesmo ano como unha colección de seis cancións adaptadas do poemario, homónimo, do escritor vasco Kepa Arbizu.

 

 

Es cantante e compositor da banda estremeña Milana, cantautor en solitario, «soñador, currela, sufridor e activista» dun selo discográfico. Pero como foron os comezos musicais de Aritz Sertucha? Lembras o teu primeiro contacto coa música?

Aritz Sertucha: «Pois foi xa hai bastante tempo! No colexio na Coruña comecei a escribir algúns temas e quedaba cun compañeiro para darlle á guitarra. Máis adiante pasei a formar parte da miña primeira banda, The Gift, onde tocaba o baixo; logo fun facendo aquí e alí, tocando e compoñendo ata formar a banda Milana en 2013... e ata agora».

 

Logo de anos, e dous discos publicados, con Milana, comezabas a camiñar só. Por que? Que che empurrou a comezar o teu proxecto persoal?

Sertucha: «Sempre fun un pouco Xoán Palomo. Adáptome ben ao traballo en equipo, pero tamén hai cousas que me gusta facer pola miña conta, así que ese proxecto persoal sempre estivo aí. En Cuando suba el río hai un tema, “Puedo volver”, que escribín como a principios do 2000... moito antes sequera de coñecer aos membros de Milana!

Por temas de loxística e distancia Milana tivo que frear o ritmo, pero eu xa comezara a facer un camiño polo que sentía a necesidade de seguir, así que dar o paso a Sertucha foi algo natural».

 

 

Country, folk rock, americana... onde cae realmente o estilo de Sertucha?

Sertucha: «Pois un pouco nos que comentas; todos eses xéneros van da man e son os que desde pequeno me foron acompañando, coa peculiaridade de que as letras son en castelán (e en galego, que algunha teño), porque se o fixese en inglés penso que non sería auténtico, non é a miña lingua.

Non cabe dúbida de que a música americana tennos influenciado a moitos dos músicos deste país. De feito, se escoitas ao Juan Pardo dos 70, tiña un bo puñado de cancións country».

 

E, se falamos de influencias, cales dirías que son as túas? Tes algunha referencia en particular?

Sertucha: «Son un namorado do traballo de Stephen Stills, a súa forma de compoñer e de tocar a guitarra é doutro mundo. Ademais, todo o que rodeaba Laurel Canyon (Os Ánxeles, California) fascinoume durante anos; todo o que de alí saíu foi marabilla.

Aquí en España sempre respectei moito o traballo de Enrique Urquijo [Los Secretos]; a súa sensibilidade e facilidade para plasmar letras preciosas e certeiras chamoume moito a atención. Pero, sen dúbida, Lapido marcou moitos dos meus anos escoitando e aprendendo a facer música, polo menos a que a min me gusta facer».

 

 

 

En febreiro de 2021 debutabas como solista con Cuando suba el río (Milanamúsica Records, 2021), un LP de 12 temas que debuxan o teu imaxinario máis persoal e orixinal. Como foi o proceso creativo, tendo en conta na época na que se xestou?

Sertucha: «Pois, precisamente pola época, moi doado. Penso que iso foi algo xeneralizado entre os artistas; o confinamento deunos tempo para compoñer. De feito penso que, en canto a calidade de proxectos editados no país, como este 2021 poucos anos houbo.

Saíron discos marabillosos produto de todo isto —Sonora de Los Eternos, Perros negros de Oscar Avendaño & Reposado, o novo de The Soul Jacket, Maleza de The Kleejos Band— e unha centena de traballos que están, e estarán, entre o mellor dos últimos tempos.

O máis complicado foi organizar as gravacións por todo o que vivimos (confinamentos, peches perimetrais, etc.); fixemos encaixe de palillos, pero todo saíu estupendamente ben».

 

 

As letras son de corte íntimo e intimista, con palabras que semellan abrir (ou pechar?) feridas e, ao mesmo tempo, darlle paso á esperanza. Que, ou quen, as inspirou?

Sertucha: «Normalmente escribo sobre experiencias vividas, non sobre feitos concretos; non de forma autobiográfica, senón desde o punto de vista dos sentimentos que vivín logo dunha ou outra experiencia. Por sorte, aínda que non podo dicir que a vida me vaia mal, paseinas putas en máis dunha ocasión... e de aí sácase material [risos]! Estar sempre nun fío de dúbida é esgotador pero proveitoso.

Ás veces, un libro ou unha peli que me marca tamén me serve para contar algo; isto é o que me pasou con Horizonte».

 

Este achegamento á intimidade, con tinturas acústicas e melancólicas, foi producido pola situación que nos rodeaba (aínda segue a facelo) ou, simplemente, xurdiu de xeito natural?

Sertucha: «Non creo que fose así... penso que á hora de compoñer son melancólico de sempre, pero sempre cunha certa visión optimista do que lles pasa ás personaxes das miñas cancións. Como na canción “La llama del perdedor”, existe esa chama que nos empurra a vivir con dignidade día a día, aínda sabendo que as cousas non van mellorar por arte de maxia e que, posiblemente, toque loitar ata o fin.

Con todo, penso que a pandemia me fixo ser máis positivo. Teño unha familia marabillosa, dúas fillas e unha compañeira que se merecían ter toda a forza e optimismo posible nesa situación; así que si, a pandemia sacou o mellor de min. Ao mesmo tempo, elas tres tamén o fixeron doado; non somos de dramatizar na casa, tiramos da chama do perdedor a base de ben!».

 

 

Escoitamos cancións como “Puedo volver”, “Noroeste” ou “Hogar”... morriña galega con raíces norteamericanas?

Sertucha: «Morriña galega con maiúsculas, sentimento que desenvolvín nos últimos anos e que antes non tiña, pero é un sentimento precioso; faime sentir preto da miña terra e iso gústame moito. “Noroeste” ou “Hogar” falan diso, da volta á terra cunha lembranza de xente que seguramente a día de hoxe, igual que eu, non é xa como teño na mente, pero é a que lembro e como a lembro».

 

Este longo foi gravado, mesturado e masterizado por Hendrik Röver (Los Deltonos), quen tamén colabora nas guitarras, percusión e coros no seu estudio GuitarTown. Como describirías a experiencia de traballar xunto a el, tanto desde o punto de vista da produción como da súa achega como instrumentista?

Sertucha: «Hendrik pode facer o que lle veña en gana e, se falamos deste estilo de música, aínda máis. A súa achega e a dos Míticos GT’s (Goyo Chiquito e Toño López-Baños) foi fundamental.

Traballar alí é unha experiencia; non se perde o tempo, trabállase intensamente, concentrado, e os resultados saen. De feito, en varias listas dos mellores discos do ano están traballos nos que participa, dalgún ou outro xeito, Hendrik e GuitarTown... e iso fala por si só!».

 

 

 

 

Despedías 2021 coa publicación dun novo traballo discográfico, Horizonte (Milanamúsica Records, 2021), con adaptacións de poemas incluídos en Horizonte (Canalla Ediciones, 2020), libro do xornalista e escritor vasco Kepa Arbizu. Como xorde esta idea?

Sertucha: «Dous traballos nun ano, non sei se foi una idea magnífica ou unha auténtica estupidez [risos].

A idea de Horizonte saíu soa; estaba lendo o libro de Kepa coa guitarra na man e decateime de que o seu xeito de facer poesía é moi musical, case rozando a canción. Xurdiron uns retrousos, expúxenlle a idea de traballar no libro... e ata agora. Penso que tanto el como eu estamos moi contentos co resultado, e libro e disco forman un tándem marabilloso».

 

 

Arbizu é recoñecido, ademais, polas súas colaboracións en diferentes publicacións musicais como Mondo Sonoro, Ruta 66 ou El Giradiscos. Como chegaches ata el?

Sertucha: «Coñecíao precisamente como colaborador nestas revistas musicais e o seu libro chegoume por casualidade, xa que eu son moi fan da poesía. En particular, a el coñecino porque me fixo unha entrevista cando saquei Cuando suba el río, así que unha vez roto o xeo non dubidei en escribirlle e mandarlle uns audios co que estaba a facer.

A súa resposta foi incriblemente xenerosa; deume permiso e deixoume modificar o que fose preciso dos seus textos (penso que aquí influíu que el é un grande amante de música!)».

 

Á hora de seleccionar os poemas que servirían de inspiración, que criterio seguiches?

Sertucha: «Escollín os que máis me evocaron algún sentimento, os que máis se identificaron comigo; foi como se eu estivese escribindo esas letras».

 

Como afrontaches a composición sobre textos xa escritos? Porque non só musicaches os poemas, senón que tamén introduciches algunhas variacións sobre o texto orixinal. Tivo Arbizu algún papel neste proceso?

Sertucha: «Kepa participou regalándome os textos para que eu fixese o que quixese. Foi o máis difícil, tardei un tempo en darlles forma. Algúns quedaban moi densos ou perdían a súa identidade, e non quería facer a típica música recitada, quería facer un disco de Sertucha a partir dese poemario.

Non sei se o volvería facer; estou moi satisfeito co resultado porque se pode escoitar sen saber que son poemas; pensarías que son cancións orixinais, pero o proceso foi algo duro».

 

 

O son deste traballo é máis orgánico, sen «floreos», pero con arranxos descritos como preciosistas. Como foi o proceso ata acadar o equilibrio entre son natural e o preciosismo?

Sertucha: «Traballar con Hendrik e cos GT’s é un factor importante. Logo pasa que, cos anos, me estou dando de conta de que menos é máis. Se te pos a rebuscar cousas para meterlle a unha canción, se enredas demasiado, é bastante probable que acabes metendo a pata. Hai que procurar non desviarse demasiado do que queres contar cando estas coa guitarra na habitación.

Pero tamén é certo que podo estar equivocado e todo isto que soe a dar na clave non sexa máis que unha ilusión».

 

Para a gravación volves rodearte de Hendrik Röver (guitarra), Goyo Chiquito (contrabaixo) e Toño López-Baños (batería). Para ti, que fai que estes tres músicos conformen o teu «equipo gañador»?

Sertucha: «Primeiro que os tres son unha familia, funcionan como un bloque. Logo que son incriblemente xenerosos e humildes, e traballan como se ti foses o mellor deles cando a realidade é que estás con tres mestres. Pero o factor máis importante é que con eles tamén botas unhas risas, e así é doado facer cousas».

 

 

O título, Horizonte, é homónimo ao poemario de Arbizu, pero, conceptual ou musicalmente falando, pensas que cruzas, ou cruzaches, algún con este disco?

Sertucha: «Crucei varios; o máis importante foi o de sentirme capaz: capaz de gravar e editar dous discos nun ano, capaz de adaptar textos doutro, capaz de cantar mellor nos meus discos, capaz de poder defender os traballos tanto só como coa banda.

Non é que sexa unha persoa especialmente segura de si mesma, de feito, creo que as cousas as fago máis por cabezón e por compromiso que por seguridade; se decidín facelo, fágoo aínda que dubide todo o intre do resultado. Pero despois de este disco, si podo dicir que gañei algo desa seguridade e, por suposto, sigo a ser un cabezón».

 

 

Dous traballos en menos dun ano (e ano pandémico aínda por riba)... será isto algo habitual ou foi «efecto secundario» da COVID-19?

Sertucha: «O certo é que teño temas e unha banda coa que me sinto moi ben e con gañas de traballar. Igual o dos dous discos nun ano é algo puntual polo excepcional, aínda que non penso que fose pola COVID-19, simplemente xurdiu así.

A idea é defender este ano os dous —xa o ano pasado fixen bastantes bolos, aínda que acústicos, iso si, pola situación— e empezar a traballar nun vindeiro longo con Sertucha como banda».

 

Hai cousa dun ano que nacía Milanamúsica Records, selo discográfico que fundaches xunto a dous dos teus compañeiros de Milana, Isidro Pérez e Jay Martin. Con que obxectivo? Como describirías a escena discográfica actual, tendo en conta o constante aumento da autoedición e do consumo dixital de música?

Sertucha: «Pois MilanaMúsica xurdiu da necesidade de manter vivo o espírito de Milana, pero chegou Alex e sacoume do localismo. Este ano traballamos moito e gustaríanos seguir facéndoo; primeiro porque é algo fascinante e divertido, e segundo, por ver ata onde podemos aguantar. Non hai nin un plan nin un obxectivo!

Penso que non hai escena discográfica; todo se queda nun reduto de xente que estamos a aguantar cos dentes. Mais con todo, hai xente que está a facer cousas incribles para que todo isto siga en pé, como Ferror Records ou Family Spree. Respecto moitísimo todo o que intentan e conseguen facer».

 

Entre os artistas que leva o selo atopamos a Los Eternos e Luis Moro, entre outros; ambos con raíces country e americana. Requisito ou casualidade?

Sertucha: «Non é requisito, en Milana hai cousas ben dispares, como o Gloria de Schizophrenic Spacers ou estes discos que mencionas. Para nós é cuestión de calidade; buscamos dúas cousas: discos feitos con agarimo e cariño e un sentimento de familia. Eu non podo respectar nin querer máis tanto a Luis como a Cudi ou Chewis, e o mesmo pásame co resto de bandas que son familia Milana.

No caso de Sonora, ademais, compartimos con Ferror Records a edición, xa que Los Eternos son tamén parte de esa familia, e foi algo fantástico porque penso que podemos facer máis cousas xuntos. Eu estaría encantado de sentirme un pouco máis da familia Ferror».

 

 

Ao fío, nestes últimos anos nótase un incremento de artistas e bandas que apostan por un son country e americana, estilos non tan comúns neste lado do Atlántico. Na túa opinión, a que pensas que se debe?

Sertucha: «Eu véxoo como algo xeracional. Nun momento dado, a música que chegou a nós foi toda esta música da americana e, ademais, aprendamos a perder o complexo por facela nosa; coidar as letras e non falar de cabalos só porque os americanos falan de cabalos, adaptar as influencias que veñen de fóra ás nosas vivencias, que veñen de dentro».

  

Confiando en que a música ao vivo siga a súa recuperación cara a volta á normalidade (así, a secas), como está a ser a volta aos escenarios e a acollida por parte do público?

Sertucha: «Tiven a sorte de tocar bastante o ano pasado e este ano, coa banda, xa teño varias datas. Penso que a xente está a descubrir algo distinto nos directos do que escoita no disco; se é en acústico, gústame pensar que se sinte parte do show e, coa banda, que desfrutan dun bo concerto de rock. Pero terán que dicilo eles!».

 

Que podemos agardar dun concerto de Sertucha? Algunha vindeira data no «horizonte»?

Sertucha: «Os concertos de Sertucha son concertos de rock. Procuramos facer un show dinámico, onde o íntimo dos temas vaia da man das guitarras eléctricas. Son concertos para estar de pé cantaruxando as cancións mentres se move o corpo.

O certo é que van saíndo datas a pesar do estraño do momento, e por iso teño que estar agradecido. As vindeiras que temos en mente son: 25 febrero na Sala Babel (Alicante) xunto a dúas bandazas que son Select e Lady Tattoo; 11 de marzo na Sala Jagger (Lugo) xunto a Luis Moro e a súa banda; 12 de marzo na Salason (Cangas); 8 de abril na Chat Noir (Badaxoz) e 10 de xuño no Louie Louie (Estepona) xunto a Los Eternos.

E por suposto temos a contratación aberta para máis eventos! É tan doado como poñerse en contacto comigo en redes ou coa páxina de Milanamúsica Records».

 

Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendarías? Algún favorito que deberiamos coñecer?

Sertucha: «Hai moito e moi bo! Para min, Oscar Avendaño quizais sexa agora mesmo o que mellor está, ten como catro ou cinco proxectos diferentes e todos dunha calidade incrible.

Los Eternos son outros que están nunha forma incrible, o seu disco Sonora é mesmo mellor que o anterior, e mira que era difícil! É que hai moita calidade na terra: The Soul Jacket, Luis Moro, Pardo, Mentah...».

 

Se abrísemos a túa conta persoal de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña.

Sertucha: «Non habería grandes sorpresas! Agora estou dándolle moita cera a Elliott Murphy e The Jayhawks, e adoito usar unha desas listas de recomendacións en canto a novidades do folk rock e do country. O certo é que como ferramenta está moi ben iso do streaming, aínda que iso si, cando algo me gusta non tardo nin un día en facerme co formato físico».

 

  noticias