NEBRA: «A NOSA MÚSICA É MÁIS EVOCADORA QUE NARRATIVA»
Crean sobre estruturas das cantigas tradicionais das cantareiras, engaden ecos de electrónica, baixo e percusión; é nese momento cando se afastan do concepto tradicional de cantiga, tinguíndoa de sonoridades máis frías e escuras, místicas e evocadoras. Son NEBRA, un proxecto musical nacido durante o confinamento e composto por Sara Pérez Cruz (Sara Nebra), Ángel Boquete (baixo) e Ro Muñoz (batería), que canta a cuestións de interese social, como os incendios forestais, o feminismo ou a saúde mental.
Logo de publicar un par de demos e musicalizar o Danza da lúa en Santiago de Lorca, o trío lanza o seu primeiro disco, Sereas (2022); unha carta de presentación composta por nove cortes que recollen «un pouco de todo iso que consideran é o que lles representa».
© Iván Mouronte
NEBRA sodes Sara Pérez (voz), Ángel Boquete (baixo) e Ro Muñoz (batería). Como nace este proxecto musical conxunto nun momento (o da pandemia) no que o mundo estaba paralizado?
Sara Pérez: «Como tiña máis tempo e non se podía saír da casa, comecei a experimentar e a compoñer partindo de melodías tradicionais e folk. Eran temas, ou ideas, nos que gravei principalmente harmonías vocais con fondos de sintetizador e percusión tradicional que tiña pola casa. Ángel introduciu liñas de baixo nesas composicións porque buscaba un contraste sonoro, xa que o seu estilo é máis de metal ou stoner. Traballamos con catro temas; dous deles tradicionais e outros dous que se converteron en “Meigallo” e “Xoias d’auga”».
Logo sumouse Ro, que achegou a súa experiencia á hora de armar as estruturas das cancións, e unha percusión máis contemporánea que tamén traballa con harmonías.
Ángel Boquete: «Eu sumeime simplemente para axudar a Sara a gravar na casa, a que traballase neses temas que vin que lle estaban motivando moito. Aos poucos fun metendo algunha liña de baixo onde ela o vía necesario… e aí foi cando me convenceu de que era un proxecto que quizais tiña máis percorrido que gravar na casa. É fillo dese momento, porque se non fose polo confinamento non creo que tivésemos tanto tempo e paciencia como a que tivemos!».
Sara, o teu nome artístico é Sara Nebra... canto hai de Sara en NEBRA?
Sara: «Supoño que bastante; posiblemente este sexa o proxecto que máis me representa de todos nos que estiven. Pero aínda sigo na procura do meu son e para min é moi importante ter a mente aberta. De todos os xeitos, aínda que NEBRA teña moito de min, tamén ten moito de Ro e de Ángel; sen eles non sería o que é».
Cales foron, e como lembrades, os vosos inicios no mundo da música?
Ángel: «Eu comecei tocar o baixo con 16 anos nun grupo de metal chamado Maldia, co que tiven a sorte de tocar por bares, salas e festivais de toda Galicia durante case dez anos».
Sara: «No meu caso, cando era nena asistía a clase de baile tradicional, canto e pandeireta nas extraescolares do colexio de Paradai; tamén cantaba na Escolanía do Orfeón Lucense, colectivo ao que sigo moi vinculada. Na adolescencia formei parte de varias asociacións de música tradicional e, posteriormente, en bandas de rock locais».
Ro Muñoz: «Comecei tocando cos discos que me gustaban no garaxe da casa dos meus pais e despois con grupos locais, como FHA, Zootropo ou Groovefathers».
© Iván Mouronte
Que bagaxe, musicalmente falando, achega cada un de vós ao conformar o grupo? Diriades que foi o gusto pola experimentación o que vos levou a crear a banda?
Sara: «Eu non diría que foi a experimentación o fío condutor, senón que cada un de nós achegaba algo que complementaba ao resto. Para min, está claro que é o proxecto máis diferente no que estiven, pero considero que hai referentes que xa traballan este tipo de contrastes moito antes que nós».
Ángel: «Penso que Sara achega a parte máis clásica ou tradicional, coas súas melodías vocais; mentres que, no meu caso, contribúo ese son máis escuro, máis próximo ao rock ou metal, porque ao final é a linguaxe musical na que estou cómodo. Ro é quen achega a tinguidura máis fresca e electrónica que equilibra todo iso».
Ro: «O aprendido na miña carreira musical e o meu gusto polo tratamento electrónico da batería e da percusión, adaptado a composición de Sara neste caso».
Como curiosidade, e respecto ao nome do grupo, por que «nebra» e non «néboa»?
Sara: «Custoume un tempo decidir o nome; quería algo relacionado coa natureza e con Lugo especialmente. O termo “nebra” gústame máis pola súa sonoridade e Uxío Novoneyra ten uns versos sobre Lugo nos que emprega esa palabra».
Nótase un certo aire medieval nas vosas composicións, pero tamén hai unha base tradicional galega, electrónica, stoner... En que estilo encaixa NEBRA?
Ro: «World music».
Sara: «Non che sabería dicir! O importante é que che diga algo ao escoitalo. Gústame o que comentas do aire medieval porque son fanática da música medieval, como a obra de Hildegard von Bingen; é unha sonoridade que resoa comigo; encántame a música coral sacra».
Ángel: «É o problema que temos cando subimos os temas ás plataformas dixitais! Penso que estamos a empregar as etiquetas de “rock alternativo” e “canto popular” [risos], pero non sabería dicirche exactamente un estilo».
A vosa fusión de estilos é orixinal e transgresora; tedes algunha referencia á que miredes especialmente á hora de facer música?
Sara: «No momento no que comecei traballar neste proxecto escoitaba moito a Malicorne, a Myrkur e tamén a Hedningarna. Outro referente que teño constantemente é Alice in Chains e outros grupos dos noventa. Tamén Opeth».
Ángel: «A min gústame especialmente o son de Justin Chancellor (Tool) e Tim Commerford (Rage Against The Machine). Seguramente moito do que fago e da sonoridade que busco se deba a eles».
Ro: «A propia bagaxe musical persoal».
Botando un ollo á canle de YouTube de Sara, escoitamos unha cover da versión de Sara Vaughan do clásico do jazz “Misty”. Gustaríavos experimentar co jazz, ou outros xéneros, nun futuro próximo?
Sara: «Para min é importante formarme a nivel vocal e non ter prexuízos cos xéneros musicais, así que non rexeito esa idea, aínda que neste momento non o considero».
Ángel: «Non con NEBRA, pero a min si que me gustaría traballar nalgún momento cun estilo similar ao de Anderson Paak».
Ro: «O que mande Sara, pero coido que a fusión do que veña non vai ser un problema, senón un extra».
Debutades en pleno confinamento con “Xoias d’auga”, un tema arranxado por Daniel Díaz Rodríguez, compositor ribadense coñecido polas súas bandas sonoras. Como chegastes ata el e que procurabades coa colaboración?
Ángel: «Dani é un bo amigo noso co que compartimos gustos musicais e referentes. Sempre nos gustou moito a súa visión e o seu traballo e, con “Xoias d’auga”, xurdiu a oportunidade de colaborar. Creo que lle deu ao tema un aire mesmo cinematográfico, moi diferente á versión que gravamos no disco e que tocamos ao vivo».
En maio do ano pasado lanzastes Danza da lúa en Santiago (2021) como resultado da vosa participación no Proxecto Lorca, iniciativa promovida pola Deputación de Lugo e a USC co gallo do centenario das viaxes do poeta por Galicia. Que vos transmitiu esta poesía para seleccionala? Como afrontastes a súa musicalización?
Sara: «Son uns versos extremadamente musicais, cunha cadencia que xa me parecía cantada. Ao ler a poesía veume a melodía nese mesmo intre, e soamente tiven que engadir os acordes; foi a canción que compuxen máis rápido».
Ángel: «Totalmente! Con Danza foi todo moi rápido, Sara chegou con esa idea para o proxecto que coordinou Pomba Luxilde e, no meu caso, tiven claro que pedía un baixo pesado, con distorsión».
Ao fío, que destacariades deste proceso en comparación con compoñer unha canción desde cero, isto é, música e letra?
Sara: «A maior diferencia é que, cando compoño letra e música, xeralmente comezo cunha melodía, e a voz e a letra veñen xusto despois».
O mes pasado debutabades con Sereas (2022), un primeiro álbum que considerades a vosa carta de presentación. Que vos empurrou a lanzarvos ao mercado discográfico?
Ángel: «Na miña opinión, era o paso natural se queriamos ver medrar este proxecto, poder amosarllo á xente. Cando comezamos a intentar movernos, conseguir máis concertos, era moi moi complicado explicar o que faciamos, a que soabamos. Necesitabamos gravar e ter unha carta de presentación precisa».
© Iván Mouronte
O LP está gravado nunha única toma no Clavicémbalo (Lugo) por Iván Reija, quen tamén fixo a masterización. Por que escollestes este formato de gravación ao vivo?
Ángel: «Con NEBRA tivemos a sorte de conseguir arrancar e comezar a tocar ao vivo mesmo antes de ter rematado un setlist completo; na miña opinión, é un proxecto que naceu para o directo. Cando comezamos a falar da gravación, os tres estabamos de acordo en que queriamos que soase exactamente como o directo, e tamén foi un xeito de experimentar unha gravación diferente».
Ro: «O disco soa como soa o grupo en directo, non hai trampa. Penso que é o máis honesto de facer e, neste estilo tan electrónico, penso que é mesmo máis importante».
Sara: «Ademais, estamos moi ledos de gravar no Clavi, que é a casa de todos os músicos de Lugo. Graciñas, Alberto e Reija!».
As pezas collen prestadas estruturas das cantigas tradicionais das cantareiras para logo ser bañadas por sons actuais con ondas de electrónica. Como traballades estes elementos, en abstracto tan contrapostos, ata acadar o equilibrio? Ten algo que ver con adaptar a tradición aos tempos?
Ro: «O estilo do grupo é a fusión, dentro deste concepto todo cabe, e o equilibrio vén do gusto».
Sara: «Nin Ángel nin eu tocamos a guitarra, polo que o punto de partida foi outro; no caso de Ro, seguramente foi unha decisión máis consciente. De todos os xeitos, ao final a tradición é a base de todo, polo que penso que moitos músicos, consciente ou inconscientemente, inspirámonos nesa raíz».
Cal é a vosa opinión sobre esta tendencia tan en alza de combinar tradición e vangarda?
Ángel: «A min paréceme un concepto moi positivo. Penso que é a maneira de avanzar e conseguir novos sons. Tamén de poñer en valor e darlle un novo contexto á nosa música».
Sara: «A música do pobo é o reflexo da súa cultura e identidade. É moi importante dar visibilidade a iso e, probablemente, artistas como Tanxugueiras, Mercedes Peón, ou Xisco Feijóo dan esa visibilidade a un público que, se cadra, non chegaría doutro xeito».
As letras cantan a temas actuais, como os incendios forestais, o feminismo ou a saúde mental. Á hora de compoñer, como foi o proceso creativo? Para vós, teñen o mesmo peso as letras que a música nas vosas creacións?
Sara: «Para min, non. As letras son importantes, son unha mensaxe que está aí, pero penso que a nosa música é máis evocadora que narrativa, como me dixo Dani, do que falamos antes. Para min a música é unha linguaxe en si mesma, as letras son unha capa máis».
Ángel: «Estou totalmente de acordo. Eu crecín con música inglesa e americana e, ao principio, apenas sabía de que trataban as cancións que escoitaba; agora valóroo máis, pero para min ten máis importancia a melodía da voz».
En Sereas incluídes “Meigallo” e “Xoias d’auga”, que xa lanzarades como sinxelos, pero agora escóitanse cun son máis definido. Que cambios destacariades nas reinterpretacións destas pezas? Diriades que é un reflexo da vosa evolución tamén como grupo?
Ángel: «No caso de “Meigallo”, a versión anterior que temos subida é unha demo no noso Bandcamp é un bosquexo inicial que logo evolucionou moito cando comezamos a ensaiar con Ro, ao incorporar el máis capas.
Con “Xoias d’auga” foi unha decisión que tomamos de non disparar bases en directo, polo que tivemos que facer un arranxo distinto no que o pad de Ro cobra importancia».
Para a parte estética do álbum contastes coa obra 3D de Boris Edrosa, fotógrafo e artista lucense. Como foi o proceso creativo? Relaciónanse dalgún xeito as imaxes cos temas?
Sara: «Boris ten un imaxinario moi rico, así que desde o primeiro momento tivo total liberdade. Pasámoslle os temas en bruto, gravados co móbil no local de ensaio, e el creou esas imaxes tan potentes que penso que representan o noso son completamente. Estamos moi contentos co seu traballo».
Ao fío do deseño gráfico, por que a cor violeta? Que representa?
Sara: «A violeta é unha cor con connotacións de misterio e exotismo que encaixaban coa música. Ademais é unha das miñas cores favoritas, de sempre».
© Iván Mouronte
Seguindo coa parte artística, as fotografías máis recentes do grupo teñen un certo aire místico que, curiosamente, contrasta co surrealismo do deseño gráfico que envolve o álbum. É unha contraposición intencionada?
Ángel: «Si, exacto. Con Iván Mouronte é o mesmo caso que con Boris; son artistas nos que confiamos, cos que desfrutamos do seu traballo e que, por riba, son de Lugo. A idea que transmiten estas fotografías está relacionada coa parte máis tradicional do grupo, mentres que as imaxes de Boris afondan no concepto máis frío e duro».
En xeral, apostades por un concepto visual moi coidado: as cores, as imaxes, as portadas, a web... Canto de importante é traballar este aspecto no mundo da música?
Sara: «Para min, moitísimo. É outra capa de información máis que representa e define o que queremos contar. Eu sempre miro os videoclips e portadas dos artistas que me gustan e doulle relevancia».
Sara, ti es profesora de canto na Escola de Música Fábrica de Sons (Lugo). Como veñen as novas xeracións?
Sara: «Penso que veñen ben! Despois da pandemia parece que están cos ánimos baixos, pero son resolutivos e moi creativos. Teñen unha cultura visual máis ampla que outras xeracións. Aprendo moito deles».
Vides de anunciar a vosa participación no FaCeLa Fest 2022, do 12 ao 14 de maio en Lugo. Que poderemos agardar dun directo de NEBRA?
Ángel: «Penso que conseguimos crear unha atmosfera diferente, un directo que pode desfrutar xente de idades moi distintas».
Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendariades? Algún favorito que deberiamos coñecer?
Ángel: «Vou varrer para a casa e recomendar a Sigilu, un grupo lucense que ten un dos discos que máis desfrutei nestes anos e cos que agora teño a sorte de colaborar».
Sara: «Recomendo a Barbarian Prophecies, pola súa longa traxectoria. E tamén, no outro extremo musical, a Pilocha, unha pioneira. Recomendaría moitos máis xa que temos sorte de ter tantos artistas como hai en Galicia neste momento».
Se abrísemos as vosas contas persoais de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña.
Ángel: «Vulfpeck, All Them Witches, Idles, Steven Wilson e Wealman son os primeiros que aparecen na miña conta».
Sara: «No meu caso, Lindy-Fay Hella, Faith No More, Lole y Manuel e Rosalía».
Ro: «100% música infantil!».