• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

RADIO ZAPA!: «‘DEMASIADO’ FOI TODO O VIVIDO, ‘DEMASIADO’ É TODO O QUE TEMOS PARA CONTAR»

RADIO ZAPA!: «‘DEMASIADO’ FOI TODO O VIVIDO, ‘DEMASIADO’ É TODO O QUE TEMOS PARA CONTAR»
2 MAIO 2022

Un estalido de letras incisivas, fuzz e intensas atmosferas instrumentais. Unha procura de sons densos, desde o rock dos 70 ata o stoner actual. Composto por Martín Zapata (guitarra, voz), Suso Pereiro (baixo, coros) e Fran Facal (batería, coros), Radio Zapa! é un power trío de rock psicodélico formado a finais de 2015 en Compostela. Un par de anos despois da súa creación debutaban con Igual es diferente (2017), un EP de amor, de arte e de denuncia ao mercantilismo do cotián que presentaron en directos cheos de enerxía e densidade, trazo identificativo da súa posta en escena.

Un primeiro premio nun concurso, un maxisingle e unha pandemia despois, Radio Zapa! volve ao grande con Demasiado... (RequeSound Records, 2022), o seu novo disco —e primeiro longo!— dispoñible tanto nas principais como en vinilo, unicamente en vinilo. Oito cortes de rock, stoner, psicodelia... e bailes ao borde do abismo.

 

 

Martín, Suso e Fran están detrás da guitarra, baixo e batería de Radio Zapa! Cal é o xermolo do grupo e como foi, iso, xerminando ata a formación actual? Porque seica houbo un cambio no banco!

Martín Zapata: «Comezamos en 2016; orixinalmente eramos Fran, Jaco e máis eu, Zapa. Co tempo, e por falta de tempo, Jaco tivo que deixar a banda e comezamos a procura do baixista ideal. Pasou Luis, que non funcionou, e agora estamos con Suso, que se atopou con todo o tema pandémico e, como benvida, foi algo duro para el».

 

E, a nivel individual, como lembrades os vosos inicios no mundo da música? Foi unha disciplina que sempre vos chamou a atención?

Zapa: «Fillo de audiófilo e adicto á música... foi bastante natural rematar rodeado de cables».

 

Por certo, que nacestes como Zapa! así, a secas e con exclamación. A que se debe o rebranding?

Zapa: «Si! O xerme do proxecto foron as miñas cancións e nunha conversa co bo de Fran NARF, que tamén andaba a argallar unha nova formación, acordamos chamar a ambas “polo seu nome”. A súa non chegou a ver a luz e a nosa arrancou co nome de Zapa!; a exclamación responde á pretensión de facer unha onomatopea dela.

O cambio foi por unha chamada dunha banda de Logroño chamada Los Zapa, que viñan de sufrir problemas co nome e rogáronnos mudalo. Somos boa xente [risos] 😊».

 

 

Na plataforma atopámosvos baixo a etiqueta de rock e psicodelia, estilos cunha sombra bastante alongada, non? A que soa Radio Zapa!?

Zapa: «Probablemente sexa unha esaxeración dun trazo identificativo. Escapamos moito dos guetos de estilo, pero precisamos sentirnos ceibos á hora de afrontar a cultura rock na que cremos profundamente. A psicodelia, o stoner, o fuzz... todo iso forma parte da nosa bandeira creativa».

 

Pasando de estilos a influencias, a quen sinalariades neste aspecto? Algún artista ou grupo que teñades de referencia á hora de facer música?

Zapa: «Estades falando cuns carrozas [risos]! Inevitablemente, as influencias son múltiples e dispares. Respectamos moito a cultura rock e barallamos infinidade de referencias, desde os clásicos ás “novidades”, como Earthless, The Black Keys ou DeWolff.

Admiramos a Cró!, Guerrera, e xente que fixo cousas moi interesantes no noso país. Estamos rodeados de talento e dunha industria que mexa por riba del».

 

Lemos que estades aquí pola música que vos gusta e as emocións que vos levaron a querela… e por que vos quedades?

Zapa: «Non sabemos facer outra cousa que faga que este respirar continuo se poida chamar vida. Exercer de ti mesmo é o primeiro dos instintos. Hai que seguir!».

 

 

Un par de anos despois da vosa creación publicades Igual es diferente (2017), un EP de cinco cortes de furia transformada en celebración catártica. Que vos empurrou a debutar no mercado discográfico?

Zapa: «O concepto de mercado discográfico aínda non entra dentro das nosas conversas... Trátase de inmortalizar cancións, poñelas guapas e levalas á festa. Quen queira que as colla e as viva».

 

Amor, arte e a contaminación do mercantilismo son algúns dos temas tratados nesta primeira referencia. Na actualidade, que papel credes que xoga a música á hora de reivindicar ou difundir mensaxes de denuncia, crítica social…?

Zapa: «Penso que deixou de ter a efectividade e mordacidade dos tempos que nos viron medrar hai unha chea de anos. Antes, o impulso era máis ceibo e salvaxe. Los filtros que situaban unha peza na túa orella eran moito máis inocentes e despreocupados. Agora, ata o máis parvo fala de duración das cancións, de mecanismos para acadar a subvención e de como petalo ata o infinito... Non vin en Quintín Cabrera ou Cicatriz semellante preocupación».

 

 

O verán do voso debut gañades o #SonidosMans, concurso de bandas organizado polos Estudios Mans (A Coruña), que vos lanzou ao escenario do festival Revenidas. Que supuxo esta experiencia na vosa traxectoria?

Zapa: «Ter a posibilidade de tocar nese escenario que, aínda estando a 60 km, está realmente lonxe, foi incrible. Ter que someterse a unha votación recadadora de datos persoais, ter que pasar o filtro dunha fundación como Mans ou aceptar o lugar no que estamos na industria, non é o máis agradable do mundo... pero desfrutámolo moito e, debaixo de todo iso, as persoas. Iso é o grande, a xente do festi e de Mans... Temos amigos da alma por aí».

 

 

Un ano despois, sorprendiades co sinxelo “La Cantinela”, que máis tarde formaría parte do maxisingle El hit/La cantinela (2019), no que engadides sintetizadores que amplían o voso horizonte sonoro. De que xeito comezades a experimentar con eles, a engarzalos entre os acordes dos instrumentos cos que xa viñades traballando?

Zapa: «Foi unha achega que nos proporcionou Chus Silva como produtor da banda nese momento. Fliparíame que a vida dese o xiro preciso para volver xuntarnos con Chus! Un tipo honesto dos pes á cabeza e un namorado disto. Escoitade Aparato!».

 

 

Estades a presentar Demasiado… (RequeSound Records, 2022), o voso novo disco e primeiro longo que chega logo de tres anos de silencio discográfico… e unha pandemia de por medio. Afectou dalgún xeito o momento de incerteza no que xurdiu? É dicir, escoitariamos o mesmo disco se fose creado pre-COVID-19?

Zapa: «Para nada! Un encerro dá para moito; para escoitar moitas cousas novas, para empaparse de enerxías e vivencias que te transforman. A vida e a morte sacudiron as letras do disco. Hai cancións que teñen unha raíz latente que traen eses momentos ao peito cada vez que as tocamos. Durísimo, pero houbo que atravesar esa nube negra e xa estamos aquí».

 

Demasiado… que? Que significado agocha o título, tan rotundo e (algo) desesperanzador ao mesmo tempo?

Zapa: «Era a palabra perfecta para describir o traballo. “Demasiado” é o que escoitas cando fas unha canción instrumental de oito minutos, cando lle pos volume ao ampli, cando te expresas con liberdade, cando levantas a voz. Cando es ti neste mundo limitado pola liberdade dos mercados que fan sociedade por nós. Demasiado tamén foi todo o vivido... demasiado é todo o que temos para contar».

 

 

O LP foi gravado practicamente ao vivo polo recoñecido Iago Pico (Tanxugueiras) en Pouland Studios (Ames). Por que este xeito de gravación? Como foi a experiencia de traballar xunto a Pico?

Zapa: «Con todo o respecto, eu son dos que pensa que Iago é bastante bastante bastante máis que a súa experiencia con Tanxugueiras... De feito, todo o que fixo para chegar aí merece ser recoñecido; non foi un descubrimento para nós. Iago é un profesional moi serio e con moitas garantías, así que todo o mundo o quere ter preto.

Gravamos tirando moito do directo pola necesidade de mirarnos á cara cando interpretamos, seguímonos entre nós e improvisamos bastante».

 

O que nos vosos traballos anteriores era un coqueteo coa psicodelia, neste traballo é unha consolidación absoluta. Esta delimitación do voso son foi intencionada ou diriades que foi algo que xurdiu, unha evolución natural?

Zapa: «Consistiu en irse liberando de estruturas, vencer algunhas batallas e expresarse coa liberdade estética do “todo dáme igual”».

 

A día de hoxe, diriades que a psicodelia chega para quedarse en Radio Zapa!? Porque se temos que coller esa psicodélica portada como sinal…

Zapa: «Nunca se sabe... Igual ponse de moda como as camisas de cadros hai uns anos e temos que cambiar [risos]».

 

 

Ao longo dos oito cortes que compoñen Demasiado... escoitamos como «riffs, pratillazos e suor» tinguen letras en castelán… e en galego! Como foi o proceso creativo? O de escribir tamén en galego vai ser algo habitual a partir de agora?

Zapa: «Agardo que si! Admiro á xente que controla aquilo do que falan os seus textos e a lingua que esgrimen nas súas producións. Eu escribo o que sinto, como o sinto, sen moito máis; procuro que rime e que a miña nai non sinta vergoña, nada máis!

Son galego, fillo do tipo máis castizo que aquí viviu, pero galego, e levo a lingua na miña boca cada vez máis e mellor. E claro que sairá en máis cancións... e o castrapo, no que destaco profundamente».

 

Á hora de compoñer os temas que recolle o longo, onde procurou Radio Zapa! a inspiración?

Zapa: «Non temos problemas de inspiración como para ter que ir buscala. Loitamos por unha visión e expresividade o máis ceibas posibles».

 

 

Cabe destacar “Esquimotaje”, única peza instrumental de case seis minutos de duración. Que fixo que esta peza non precisase de letra en comparación coas demais? Por norma xeral, dádeslle a mesma importancia á música e ás letras (50%-50%)?

Zapa: «Tiñámoslle ganas a unha instrumental! Escoitamos moita máis instrumentalidade da que plasmamos nos discos e nos directos. As letras teñen un lugar especial; están feitas con moito cariño e respecto. Gústannos, falamos delas... Todas teñen unha historia detrás».

 

Todos os temas que recolle o longo son de composición propia agás “O que non se sabe”, orixinal de Fran Pérez, NARF, que escoitaramos no seu segundo traballo, Tótem (Falcatruada, 2007). Que ten de especial para vós esta peza para incluíla neste repertorio?

Zapa: «Era a miña peza favorita de Fran. Pedinlle os acordes e díxome que non os sabía. Escribiuma nun papel que nunca chegou ás miñas mans. Levamos tocando este tema anos e pensamos que era bo momento para facela. Queremos escapar de homenaxes públicas ou dirixidas.

Tiñamos relación persoal con Fran. Facal tocou moitas veces con el e eramos colegas. Pedímoslle permiso a súa irmá María para que todo fose sinxelo e cómodo. Ela foi un encanto, captou a pretensión da versión e animounos a tirar para diante con ela».

 

 

Demasiado… é, ademais, a primeira referencia publicada polo selo RequeSound Records. Como é traballar xunto a eles?

Zapa: «RequeSound Records é unha familia namorada da música. Custearon a edición a través dunha prevenda a modo de colecta e sentímonos parte dunha familia moi grande. É unha experiencia brutal».

 

Ao fío, ademais de estar dispoñible nas principais plataformas dixitais, o longo edítase tamén en vinilo, unicamente en vinilo. Co consumo dixital de música en constante aumento, por que seguir a apostar polo formato físico?

Zapa: «Porque nós facemos música para amantes da música, xente que lle quere dedicar un rato a escoitar un disco e mergullar a súa alma nel. O vinilo é o formato que representa esas emocións».

 

A principios de abril celebrabades a Festa da Chuvia en Rianxo e este venres, 6 de maio, visitades o Pub Gatos (Melide). Logo de tanto tempo (anos!), como está a ser a volta aos escenarios? Que podemos agardar dun directo de Radio Zapa!?

Zapa: «Unha explosión, un pracer enorme volver a sentir todo iso. Agardamos que toda a xente que vive da industria sufrise o menos posible, porque pouco se fala, pero a nivel técnicos de son, luces, escenario, etc... foi un estrago».

 

Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendariades? Algún favorito que deberiamos coñecer?

Zapa: «O outro día flipamos vendo a Boroa en Rianxo. Mimá esa ghaiteira... é unha pasada!».

 

Se abrísemos as vosas contas persoais de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña

Zapa: «O tema non é o que entra polas orellas, senón o que agroma dentro. Nese proceso de gustar ou non gustar xogamos todas, quen soa e quen escoita. Non vos coñezo a todos e non sei que vos ides a encontrar, pero pola nosa banda, moita honestidade e respecto pola música. E un bo cuco de fuzz».

 

  noticias