• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

SANTI ARAÚJO: «TODAS AS MIÑAS CANCIÓNS NACEN CUNHA GUITARRA NAS MANS»

SANTI ARAÚJO: «TODAS AS MIÑAS CANCIÓNS NACEN CUNHA GUITARRA NAS MANS»
6 XUÑO 2022

Medrou como artista entre varios grupos e, logo da disolución do seu derradeiro proxecto, Santi Araújo intentou escapar das súas propias cancións, pero elas atoparon por onde saír. E saíron dúas ao día logo durante semanas enteiras; infinidade de acordes e palabras que chegaban despois de cinco anos sen compoñer. Sobre elas, construíu Catedral (Ernie Records, 2018), o seu EP debut en solitario que el mesmo presentaba como un «cancioneiro de dor exposta». Ademais do seu «refuxio» sonoro, Catedral é unha viaxe introspectiva e reflexiva que baila, de xeito elegante, entre a canción de autor, o folk rock e o pop.

No seu último traballo discográfico, Suelta Ø Muerde (Ernie Records, 2022), Araújo dá un paso máis e eleva esa sofisticación tan característica a unha nova categoría. Composto por 11 cortes, o longo explora a dualidade desde a súa dobre portada e títulos duais ata os seus cambios de ritmo, pasando polos sentimentos atopados nas letras.

 

 

Foto © Santi González

 

Gas Panic!, Trem Fantasma, Circular ou La Familia foron algunhas das bandas nas que che escoitamos medrar como artista desde os 18 anos. E antes, como foron os teus comezos no mundo da música? Que lembranzas gardas daqueles tempos en grupo?

Santi Araújo: «A verdade é que parece outra vida xa. Gardo moito cariño por todas esas persoas coas que aprendín cando aínda era un rapaz. Moitas horas de ensaio, de bocadillos de viaxes en furgoneta por Galicia (maiormente)...».

 

Como comentabamos, fuches o vocalista de La Familia, grupo co que sacaches Esto es normal (2011). Os temas deste disco foron un comezo na autoexploración a través da música, un camiño que continuaches en solitario anos máis tarde. Que che empurrou a comezar a túa carreira en solitario? Pensas que queda algo daquel Santi de La Familia en Santi Araújo?

Santi Araújo: «Supoño que o que fago agora ten moito que ver co que comecei a facer en La Familia. Como ben dicides, esas foron as miñas primeiras cancións de autoexploración, un camiño no que me sentía máis cómodo en solitario».

 

O teu son orgánico e puro chama a atención nun mundo ultraprocesado, non só no aspecto musical, aínda que tamén: abuso do autotune, de electrónica en xeral… Escapas un pouco desta realidade cando compós?

Santi Araújo: «Escapo, consciente ou inconscientemente, xa que todas as miñas cancións nacen cunha guitarra nas mans (nun 95% das veces unha guitarra clásica/española)».

 

Foto © Santi González

 

Alternativa, pop, indie, acústica... Actualmente, que estilo pensas ti que mellor define a túa música?

Santi Araújo: «Entendo que sexan necesarias, pero non me gustan as etiquetas na música».

 

E as túas influencias? Quen dirías que ten, ou tivo, especial impacto no teu xeito de facer música?

Santi Araújo: «Buf... Moita xente. Isto é tan difícil de responder como o das etiquetas! Penso que me inflúe todo o que levo escoitando desde que son pequeno; desde Emilio Aragón, Oasis, pasando por João Gilberto, Frank Ocean, Daniel Rossen, Mac Miller, NARF, Jessica Pratt, Richard Swift, Arthur Russell... A lista é infinita, por sorte».

 

 

 

Debutas en solitario con Catedral (Ernie Records, 2018), un EP que daquela se presentaba como «cancioneiro de dor exposta». Este traballo saíu dun proceso de catarse na túa vida logo dun tempo sen compoñer, momento no que as cancións che axudaron a saír do fondo. Sobre que «pedras» construíches esta catedral sonora? E cales tiveches que derrubar?

Santi Araújo: «Máis que “derrubar” as “pedras”, a miña intención foi crear unha “catedral” na que refuxiarme dentro. Cantar o que necesitaba cantar e ver o que se sentía ao escoitar o eco rebotando».

 

 

Despois deses cinco anos sen compoñer, dirías, pois, que esta «catedral» supuxo un refuxio para ti?

Santi Araújo: «Xusto o que respondín na anterior... Bingo!».

 

 

 

Este EP de cinco temas xa definía a sofisticación como o teu selo persoal; agora presentas un álbum, Suelta Ø Muerde (Ernie Records, 2022), onde esa esencia se eleva a unha nova categoría. Había ganas dun traballo máis longo? Algunha canción deste último que xa rondase a túa cabeza cando se publicou Catedral?

Santi Araújo: «Non, son cancións dunha época posterior».

 

Ambos traballos veñen apoiados pola discográfica galega Ernie Records, con quen xa traballaras con La Familia. Como é traballar con eles?

Santi Araújo: «Como ben sabedes, coñezo a Josiño (Ernie) desde a época de La Familia. Ambos pasamos por etapas moi diferentes; son moitos anos. Ademais do apoio incondicional que teño por parte da discográfica, o máis importante para min é que confío plenamente nel».

 

Foto © Santi González

 

Este novo traballo discográfico chega logo de catro anos... e unha pandemia. Como foi o proceso creativo? De que xeito afectou a pandemia, e todo o que ela supuxo, ao desenvolvemento do álbum?

Santi Araújo: «Moito. A base do disco (voz, guitarra, baixo, percusión e piano) gravouse en Madrid cando se empezaban a escoitar as primeiras noticias preocupantes desde China.

Curiosamente, tiñamos reservado o estudio do Náutico de San Vicente do Mar para o día que se decretou o estado de alarma, así que todos os arranxos e coros tiveron que esperar moitos meses. Quero pensar que ese tempo tamén nos axudou a ter certa distancia, a poder gravar os arranxos e planealos con máis calma».

 

Desde a súa dobre portada, ata os cambios de ritmo ou os sentimentos atopados nas letras, este traballo explora a dualidade. Como xurdiu a idea de traballar sobre este concepto?

Santi Araújo: «Ao rematar o disco, cando me din de conta que había tanta dualidade nas letras como na música».

 

 

Comentas que poñer títulos aos temas non é unha tarefa fácil. Paradoxalmente, os títulos dos 11 temas que compoñen Suelta Ø Muerde son, en realidade, 22, exactamente o dobre dos que «precisabas». Que sacas en limpo deste pequeno reto persoal?

Santi Araújo: «A alegría de ver o traballo acabado. Hai veces, no medio do proceso, nas que dubido do resultado, de que poida chegar a materializarse; esa é a parte máis emocionante, supoño».

 

Para estes 22 títulos duais que propós precisamos unhas pequenas directrices, como deben lerse?

Santi Araújo: «Diante dun espello, cunha candea na man, repetíndoos tres veces».

 

Foto © Santi González 

 

A data de lanzamento deste disco, 22/2/22, foi escollida seguindo este mesmo concepto de dualidade ou porque era visualmente atractiva?

Santi Araújo: «Dualidade elevada á máxima potencia».

 

É habitual escoitarte facer segundas voces que acompañan á principal en moitos dos temas, enchéndoos de forza e harmonías. Que cres que achegan á sonoridade das cancións? Tes facilidade para arranxalas ou, igual que os títulos, requiren un «esforzo extra»?

Santi Araújo: «Penso que esa é, exactamente, unha das partes nas que me sinto máis cómodo e que máis me gustan á hora de gravar un disco e arranxalo».

 

 

Nun dos temas do disco, “Que Mal Me Sienta / Quedar Contigo”, escoitámoste cantando xunto a Anni B Sweet; en “Miña Rula / Non Teñas Medo” con Leonor Watling. Como xurdiron estas colaboracións e que procurabas ao incluír voces femininas?

Santi Araújo: «Desde un primeiro momento tiven ganas de contar con voces femininas, e Anni e Leonor foron dos primeiros nomes que me viñeron á cabeza. Tiven a inmensa sorte de que me dixesen que si».

 

A letra de “Que Mal Me Sienta / Quedar Contigo” ironiza sobre unha serie de cousas que «sentan mal», como non tomar viño ou ter espertos os sentidos, pero non nos queda claro se quedar con esa persoa tamén senta mal... xa que estamos, pódesnos sacar da dúbida?

Santi Araújo: «Creo que esa é, precisamente, unha letra bastante explícita... ata aquí podo ler».

 

En “Miña Rula / Non Teñas Medo” podemos escoitarte cantar por primeira vez en galego, empregando frases cargadas de idiosincrasia e referencias á xeografía da terra. Por que a escolla da nosa lingua e neste tema en concreto?

Santi Araújo: «Non foi unha decisión consciente. Esa é unha das poucas cancións que lembro como e cando naceu. Xa desde o primeiro momento que comecei a xogar coa idea apareceu o galego; supoño que era a dozura e nostalxia que necesitaba esta especie de arrolo».

 

 

Ademais de participar no videoclip de “Miña Rula / Non Teñas Medo”, Xoel López parece ser unha persoa con certa relevancia na túa carreira musical. Como nace a relación con el? Hai algunha influencia máis súa en Santi Araújo, alén do aspecto musical?

Santi Araújo: «Xoel é un referente a moitos niveis, seguro que me influencia de moitos xeitos. Eu levo seguindo a súa carreira desde os inicios de DELUXE, mesmo desde a Elephant Band. Para min foi un orgullo e, sobre todo, poucas veces me rin tanto como nesa rodaxe».

 

Á hora de compoñer, ás veces os temas aparecen no momento menos esperado e, polo que sabemos, así pasou con “Miña Rula / Non Teñas Medo”, canción que «saíu do subconsciente». De onde xurdiu a inspiración para este tema? Canto xoga a experiencia á hora de confiar e tirar destas ideas inesperadas?

Santi Araújo: «Era xusto o que comentaba un par de preguntas máis arriba; esta é das poucas cancións que teño na que o subconsciente xogou un papel importante desde o inicio. Ironicamente, custa confiar e apostar por esas ideas inocentes, primixenias, delicadas... O normal para min é pensar: “se saíu así todo de repente é que debe ser algo que non paga a pena”. Afortunadamente, esta vez confiei».

 

Foto © Santi González 

 

Seguindo coa composición, como foron nacendo as cancións de Suelta Ø Muerde? Que, ou quen, as inspirou? Viñeron primeiro as palabras ou chegaron antes os acordes?

Santi Araújo: «A música primeiro. Sempre».

 

As letras que protagonizan as túas cancións falan do cotián, pero á vez veñen cargadas de significado e sentimento. É este o segredo para que conecten tanto co teu público ou hai algo máis?

Santi Araújo: «Á hora de facer cancións non teño intencións ou plans definidos; para min é máis ben unha procura».

 

Algunha vez comentaches a importancia do autobiográfico cando escribes e fas música, como se non houbese para ti outro xeito de facelo. Probablemente, o proceso de abrirse tanto ao compoñer non sexa sempre fácil, dirías que sandou máis veces das que enfermou?

Santi Araújo: «Non é fácil, pero para min é natural. Penso que me enfermaría mais cantar de cousas que non sinto, que non vivín ou non me emocionan».

 

Foto © Santi González

 

Polo de agora, os videoclips deste disco, dirixidos polo recoñecido Xaime Miranda, son protagonizados polo branco e o negro e os planos intimistas; semellan fríos e, á vez, próximos. Como se acada ese contraste? É outro exemplo máis desa dualidade da que falabamos antes?

Santi Araújo: «Si. Desde un primeiro momento tiven claro que quería que todo fose en branco e negro, tanto no deseño do disco como nos videoclips. Ademais da función estética, penso que é porque forma parte dunha época que xa vexo, en certo modo, no pasado; como se fose unha película clásica dunha parte da miña vida».

 

O máis recente é “No Hay / Momento Mejor”, gravado en Santa María de Sobrado dos Monxes (A Coruña); catro minutos dunha marabilla acústica a guitarra e voz resoando maxicamente en medio do templo barroco. Ademais da engaiolante sonoridade, que ten de especial ese lugar para convertelo no teu escenario particular?

Santi Araújo: «A primeira vez que fun a Sobrado tardei varios minutos en pechar a boca. É un lugar moi especial; un templo de pedra enorme, sen santos, sen altares, sen retablos. Soñei con cantar alí xa ao saír pola porta».

 

 

Ademais de estar dispoñible nas principais plataformas dixitais, Suelta Ø Muerde preséntase nun coidado formato físico que aposta polo feito a man. Poderías describilo?

Santi Araújo: «Como ten dobre portada, en cada disco “elixo” unha portada pintándoa a man. Dentro leva os agradecementos escritos a man, as letras a man, un fanzine que se transforma nun póster, que tamén está debuxado a man... Neste vídeo creo que se pode ver todo!».

 

 

Todo un artista multidisciplinar! Co consumo dixital de música en constante aumento, por que seguir a apostar polo formato físico e deste xeito tan particular?

Santi Araújo: «Nacín a principios dos anos oitenta, así que eu conservo unha relación moi íntima co obxecto. Gústame ver os meus discos aí, ler os créditos, observar as portadas de cerca, poñelos de principio a fin...

En plataformas dixitais hai tanto, que un pode esquecer facilmente discos que son importantes e que fixeron compañía en determinados momentos transcendentais. Quen entre na miña casa e se mergulle nos meus discos estará entrando en diferentes etapas, presentes, pasadas e mesmo futuras, da miña vida».

 

Vés de tocar na Coruña e o vindeiro mes de xullo tocarás en Santiago de Compostela co gallo das Festas do Apóstolo. Como está a ser a volta aos escenarios e a acollida do disco ao vivo por parte do público?

Santi Araújo: «A verdade é que moi boa. Está a ser unha experiencia que me está vindo moi ben. A maioría dos concertos estounos a facer con dúas guitarras españolas, apostando por un formato máis íntimo, e parece que a xente que me vén ver coincide en que é unha aposta acertada».

 

Que podemos agardar dun directo de Santi Araújo? Algunha outra data xa pechada, ademais da de Santiago, que poidas adiantar?

Santi Araújo: «Teño un par de datas que me fan moita ilusión para os vindeiros meses pero, desgrazadamente, non se poden anunciar aínda!».

 

Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendarías? Algún favorito que deberiamos coñecer?

Santi Araújo: «NARF. Segue a ser descoñecido para moita xente».

 

Se abrísemos a túa conta persoal de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña

Santi Araújo: «Pois veña *abrindo Spotify*. En “Escuchado recientemente” aparecen, por orde: Ennio Morricone, Panda Bear, Kevin Morby, Martinho da Vila, Sondre Lerche, Baden Powell e Björk».

 

 

  noticias