APARATO: «UNHA VEZ QUE SE FAN, AS CANCIÓNS ACABAN TENDO VIDA PROPIA»
O amor, a felicidade, a dor, a sorpresa, o desexo, o medo... son sentimentos e sensacións para os que Aparato, como máquina, non está programado. Pero Chus Silva (produción musical) e María Caramés (voz, theremin) «humanízano» coa súa electrónica; dan vida a este Aparato a través de cortes synth pop, melódicos, con estruturas popeiras e ecos de trip-hop, house ou techno.
Logo de adiantalo hai case dous anos con aquel “Who Will Save Me?”, Aparato lanza agora o seu primeiro disco, Storm & Illusion (2022), un traballo onde o dúo axusta o bias da súa platina para crear o campo magnético ideal en sete cortes... e en casete!
Aparato é Chus Silva (produción musical) e María Caramés (voz, theremin). Como xorde o darlle vida a este «aparato» musical?
Aparato: «Realmente Aparato xa existía antes de que nós o creásemos, simplemente trouxémolo a este lado da existencia. Aparato é un fantástico erro».
Por que Aparato? E o logo de aire oitenteiro, =[ ]=, que representa?
Aparato: «Aparato como nome propio representa o material, a máquina, o instrumento, a interface. E, por outra banda, o humano, o código, a linguaxe, o sentimento. O logo, mola, eh?!».
Ao conformar o dúo ambos viñades xa con táboas feitas: Chus como DJ e técnico de son, e María como parte de agrupacións como Clan Moriarty ou o Coro da Ra. Logo de anos de carreira, de que xeito influíu esta experiencia previa á hora de abordar este novo proxecto?
Aparato: «Forma parte do proceso vital: todos os coñecementos de dúas vidas que rozan os 50 anos compiladas neste proxecto.
Ter experiencia previa na música fai que saibas o que queres e o que non con algo máis de claridade. Os dous vivimos o rock ‘n’ roll e agora necesitamos experimentar a música desde outra perspectiva... quizais máis moderna? Como diría Rimbaud, hai que ser absolutamente moderno».
María, afirmas que te moves por palpitacións; alén da túa experiencia no mundo da música, fixeches cousas tan diferentes como levar o Bar Medusa, vivir da fotografía moitos anos en Barcelona ou coller as rendas da pastelería Lambona. Foi Aparato un deses impulsos? Que lle recomendarías aos novos artistas tan inquedos coma ti?
María Caramés: «Non sei se recomendaría aos novos artistas que sigan o mesmo camiño que eu; eu diríalles que se centren nunha faceta en concreto, vén sendo máis produtivo. Pero para min resulta inevitable tocar moitos paus. É algo espontáneo e sen premeditar. Rapaces, non o fagan na súa casa!».
Mercado da Estrela. Foto © AigiBoga
E ti Chus, levas polo menos dez anos no mundo da música electrónica. Tamén es dos que se deixan levar por impulsos?
Chus: «Quero pensar que son dono dos meus actos, pero supoño que non son máis que minúsculas porcións de materia vibrando ao compás doutras forzas que, por moito que me empeñe, non son quen de comprender».
Aparato é un dúo: María pon a voz e o theremin mentres Chus pon as bases. Todo é electrónica, un xénero máis complexo do que moitos cren, xa que as posibilidades sonoras son case infinitas. Como descubristes o apaixonante mundo da electrónica? Que vos impactou del?
María: «A miña primeira conexión co mundo da electrónica, cos sintetizadores máis concretamente, foi coa serie Fama con só 10 anos; na serie, un dos personaxes ten un Moog One. Chamoume tantísimo a atención que fun a tenda Audio e preguntei se tiñan aparatos como eses... Por suposto, nos oitenta en Compos, nin estaban nin se esperaban, así que quedei coas ganas ata hai ben pouco».
Chus: «Aínda lembro a primeira vez que escoitei nunha casete o “Pump Up The Jam” de Technotronic. Debía ter como 13 anos... Era como música feita por extraterrestres. Entender como se fai esa música é a miña obsesión desde aquela!».
A electrónica como xénero musical é bastante amplo, amplísimo. Como definiriades vós o estilo de Aparato?
Aparato: «Nós vémonos dentro do synth pop, porque somos moi melódicos e as estruturas das nosas creacións son moi do pop. Despois, se cadra, ímonos máis ao trip-hop, ao house, ao techno...
Moita da xente que non son seguidores da electrónica e que nos escoitan por primeira vez sorpréndense e nos din: “esta electrónica si que mola”. Así que estamos por dicir que somos o grupo de electrónica para xente que non lle gusta a electrónica».
Mercado da Estrela. Foto © AigiBoga
María, lemos que a moita xente lle produce curiosidade o theremin... e nós non imos ser menos. Como descobres este instrumento e como é crear e interpretar con el?
María: «O instrumento descubrino hai moitos anos por medio do meu irmán, que tamén é músico. Cando mo ensinou me pareceu alucinante, pero totalmente fóra do meu alcance, ata que Chus chegou cun como agasallo ao ensaio de Aparato, así de sorpresa total. Foi un amor a primeira vista que vai medrando co tempo; as posibilidades que ten son case infinitas».
Unha das primeiras gravacións que podemos escoitar de Aparato é Inquebrantable (2020), un tema que forma parte da BSO de Lilith (Rafael de Ramón Herrera, 2020), un proxecto de promoción da inclusividade de mulleres con diversidades funcionais intelectuais. Como foi poñerlle música ás imaxes? Traballastes sobre o guión ou tivestes completa liberdade?
Aparato: «Foi unha proposta que nos fixo Rafa. Contounos en que parámetros se quería mover, e miramos referencias; tanto el como nós estabamos nun momento moi Gesaffelstein. Unha vez que tiñamos a idea da canción, el foi propoñendo a estrutura para que cadrase coa liña narrativa do vídeo. Quedou moi potente!
Estamos desexando volver a facer algo con el, encántanos a súa mirada».
É interesante destacar as vosas colaboracións con diversas causas. Como de importante é para o grupo participar nelas? Que diriades que achega a música á sociedade neste eido?
Aparato: «É absolutamente inevitable. A música é comunicar; cada decisión que tomas, por simple e inxenua que semelle, forma parte do xeito que ten cada quen de entender a vida. Os sons que escolles, os instrumentos que tocas, a sucesión de acordes, o idioma que empregues e, por suposto, a mensaxe das letras, confire o discurso.
A todo isto hai que sumarlle a imaxe pública, que a día de hoxe case eclipsa todo o demais. Aparato, coas súas incoherencias e desde a súa pequena e humilde posición, quere participar no debate político e conversar coa sociedade».
“Who Will Save Me?” foi o adianto do novo disco, co que presentastes un videoclip dirixido por Ozo Perozo e Lucas Terceiro. O clip do single foi ideado e protagonizado pola actriz Camila Bossa. Como chegastes ata ela? Como traballastes o desenvolvemento do concepto ata materializalo? Foi un labor conxunto?
Aparato: «O videoclip de “Who Will Save Me?” foi algo así como un regalo en tempos pandémicos. Dunha factura exquisita, foi finalista nos Mestre Mateo e no festi de Cans; un traballo cun equipo en plena ebulición profesional.
A nosa querida Camila Bossa comentounos unha idea que tiña aparcada e chegamos á conclusión de que se podería adaptar para facer un videoclip. Ela foi quen reuniu ao equipo con Ozo, Lucas e Nerea Sánchez para a maquillaxe... A idea foi mutando para adaptala aos nosos recursos, que non eran moitos.
O que tiñamos claro era que non queriamos ser os protagonistas, e tampouco queriamos facer algo cunha liña narrativa, máis ben algo que transmitise e reforzase as sensacións do tema musical no eido visual; non queriamos contar unha historia. E todo isto sen desvirtuar a idea primixenia de Camila. Foi unha experiencia irrepetible!».
Este tema naceu a partir da vaga de incendios forestais de 2018. Describiádelo como «a luz dun faro nunha viaxe a ningunha parte, un bypass dentro do labirinto», aínda que saíu no annus horribilis. Por que agardar, por que non lanzalo daquela?
Aparato: «A ver, como sucede case sempre, o desexo e o factible non acostuman a ir da man. Se te fixas, sacamos o traballo discográfico agora en 2022...».
Pensades que a pandemia lle cambiou dalgún xeito o significado a esta canción? De que forma?
Aparato: «Unha vez que se fan, as cancións acaban tendo vida propia. Imaxínate, en pleno confinamento cantando quen me vai salvar? A canción fala do sentimento de soidade, a soidade non buscada, e o grito xordo de quen pide que o salven sen saber quen o pode realmente salvar. Poderíase cantar nestes tempos de guerra?
Por outra banda, o feito de berrar a túa soidade, de saber que efectivamente precisas doutro, é reconfortante, porque é ese sentimento o que te empurra a seguir loitando».
Tempo despois de sacar “Who Will Save Me?”, subistes case 40 mostras de audio de balde ao voso Bandcamp, Stems & Samples (2021), para que outros poidan crear a partir delas. Como xurdiu esta idea e con que obxectivo?
Aparato: «Digamos que é un xeito de devolver ese coñecemento que fomos adquirindo ao longo de todos estes anos.
Cando empezabamos en todo isto, a finais do milenio pasado, os poucos medios que había para informarse de tecnoloxía musical que non fosen en inglés era unha revista mensual chamada Future Music e Computer Music, que era practicamente o mesmo. Esas revistas viñan acompañadas duns CDs con mostras de audio, softs de balde e demos dos lectores. O Stems & Samples é unha homenaxe a estes medios de comunicación, agora desaparecidos en versión impresa e reconvertidos a páxinas web».
Estades a presentar o voso primeiro álbum, Storm & Illusion (2022), composto por sete cortes. Como foi o proceso creativo?
Aparato: «Pois moi longo, e aínda estamos en plena fase de ter algo de control das ferramentas! Por unha banda está a parte musical: facer a canción, saber que queres dicir e por que, ter unha melodía, frase musical, un groove, algo que che diga, si... tira por aí. Ás veces tes só unha palabra e hai que loitar contra un mesmo para que non quede no caixón perdida.
Nós non somos de compoñer moito e despois facer criba; mentres que non se nos ocorre algo estamos nun estado latente, de agarda, e penso que aquí entra moi ben o dos impulsos de María. De súpeto chega algo, non é fácil definilo, e se chegas a comprender que é inevitable que leves a cabo esa idea, xa non hai volta atrás.
Pola outra banda quedaría a produción sonora/musical, que vén sendo parecido ao proceso anterior: decidir a que e como queres que soe, ver se es capaz. Polo xeral tes que adaptarte aos coñecementos propios e ás ferramentas das que dispós, o que che fai cambiar de rumbo e, moi probablemente, a canción termine por soar moi diferente ao que tiñas na cabeza».
Á hora de compoñer, como nacen as vosas cancións? De que xeito traballades as liñas melódicas e as vocais?
Aparato: «Nós non somos intérpretes nin músicos con formación académica, así que musicalmente temos moitas limitacións; somos moi de compoñer co ordenador a golpe de rato, así que vai moi aos poucos.
Substituímos o coñecemento formal pola intuición e a creatividade. Ás veces temos sorte e conseguimos armar unha canción. As vocais... pois facemos as ideas en castelán e galego e logo traducimos con Google e DeepL ao inglés. Polo de agora, non nos mola como quedan en galego ou en castelán, pero o día que fagamos algo interesante e que nos satisfaga avisarémosvos, descoidade».
Somos conscientes de que na electrónica, ás veces, pesa máis a parte instrumental que as letras; e para vós? 50/50?
Aparato: «Pois non sabería que dicirche, supoño que como en outros estilos. Gústanos pensar na voz como algo ambivalente; o que conforma o discurso menos abstracto, e tamén como elemento sonoro. Tan importante é o que se di como o como se di».
Falades de Aparato como un ente artificial, que non está programado para os sentimentos, pero exprésase para todos mediante a música. Con todo, con alusións á informática en “404” ou á incerteza en “Where Am I Wrong?”, paradoxalmente impregnades as composicións electrónicas de existencialismo baixo títulos algo desalentadores. Por que ese contraste? Sodes dos que pensades que un pesimista é un optimista ben informado?
Aparato: «Xa que falas de “404”, esta canción explica como Aparato toma consciencia da súa existencia. Non se sabe como, Aparato experimenta o amor, un sentimento ben coñecido por todos nós, pero a el o que lle salta é un 404, que é o número de erro ‘file not found’ (ficheiro non atopado). Entón, Aparato séntese unha máquina estragada e rota, o que lle fai ser consciente de si mesmo. Así que “404” non é unha canción pesimista, todo o contrario! Grazas ao amor somos conscientes de nós mesmos, tanto se ese amor é correspondido ou non. Engadir que ese amor non ten por que ser de carácter romántico, referímonos ao amor a todos os niveis.
A outra canción que mencionas, “Where Am I Wrong?, efectivamente é máis pesimista. Está impregnada dese sentimento de frustración de que fagas o que fagas non acadas saír adiante... Todo moi dramático».
A última canción do disco é unha versión do tema “Don’t Give Up” de Peter Gabriel. Claramente Aparato inspírase na música dos anos 70 e 80, momento de grande influencia dos sintetizadores. Que artistas vos inspiraron para este disco? Hai influencias doutros xéneros ou doutras épocas?
Aparato: «Miña nai querida... podemos estar aquí ata mañá ou pasado dicindo grupos, cancións, estilos... Os dous somos devoradores musicais, estamos atentos a todo. Hai certas tendencias, modas ou sonoridades que nos custa máis entender ou asimilar, pero facemos o esforzo por respectalas, aínda que as veces nos custa moito traballo.
Os dous temos experiencia como DJ, que non deixa de ser unha aprendizaxe. Cando ves bailar ou emocionarse á xente con cancións que a ti non che din nada, ou directamente odias, cámbiache a perspectiva. Ves que cada canción ten un valor diferente para cada quen, absolutamente lícito, absolutamente irrenunciable, absolutamente inevitable.
“Don’t Give Up” de Peter Gabriel é unha das nosas cancións preferidas; axudounos tanto na nosa vida... Cantas veces repetimos o “non te rendas, non te rendas...”!».
O amor polo retro e o humor van da man no anuncio de teletenda do formato físico de Storm & Illusion: un casete feito con materiais reciclados. Na época das plataformas dixitais, non é moi habitual escoitar música electrónica nun casete… Que vos levou a sacar o voso traballo no que describides como «o formato definitivo»?
Aparato: «Uf... Se queres poñer en marcha un proxecto musical xa podes ter sentido do humor! Cando xa tiñamos preparada a gravación do disco, puxémonos a mandar mails para ver se conseguiamos unha discográfica, pero como non tivemos moita resposta e nos daba un montón de pereza insistir, decidimos sacar en casete. Sacar en casete reciclado non deixa de ser unha especie de broma, estamos a rirnos de nós mesmos; a casete é un dos peores formatos que hai: nin calidade, nin comodidade...
Fixemos as cintas unha por unha, gravadas no noso estudio; aproveitamos unha colección que sacou El Correo Galego en 1992, “Filmoteca 92”, que estaban tiradas no rocho familiar, tamén conseguimos outra colección nunha tenda de segunda man do Milladoiro. Tivemos que tirar un montón de cintas porque estaban estragadas, aínda así gravamos unhas 120 cintas: un drama! Así que, despois dun proceso de ao redor de tres anos e pico, sacamos a nosa flamante música en casete. Nin vinilo (demasiado pijo, demasiado gasto, demasiado plástico pa’ ná), nin CD... aínda que estamos a explorar a posibilidade de facer uns pola nosa conta, seica aínda hai algún despistao que o escoita nese soporte.
A nosa música está nas plataformas dixitais: Spotify, Tidal, etc., que teñen unha calidade alucinante. Se queres máis calidade vas a Bandcamp ou mándasnos un MD (Mensaxe Directa) e proporcionámoscho en HD, nese sentido non hai fallo.
E despois chegou a teletenda! Foi falar medio segundo con Sergio Piñeiro e xa estaba encantado co asunto. Sergio é un grande da interpretación. A gravación do anuncio foi do máis divertido que fixemos. Despois María fixo a montaxe visual e xa tiñamos o noso anuncio. Parecemos máis unha produtora audiovisual que un grupo de música...».
Foto © María Caramés
E falando de «aparatos», de que está composto o set que levades aos directos?
Chus: «Buf... dunha morea de aparatos. Non é por presumir, que temos o sentido do pudor moi elevado, pero certo é que contamos con moitas máquinas tremendas e fantásticas. Somos moi afortunados.
Veña, vai! Varios sintetizadores Moog (EE. UU.), o propio theremin de María é de Moog; outro sintetizador da marca sueca Elektron, unha auténtica marabilla da tecnoloxía. Dos nipóns Roland temos un SE-02, que vén sendo unha revisión moderna do Mini Moog, e vimos de incorporar un humilde Casio-PT1. Despois temos unha serie de efectos en formato pedal para guitarra, como o TimeLine de Strymon (cousa fina!).
Ademais, na parte máis dixital, o cerebro a día de hoxe é un Mac portátil de 2015 levado ao máximo da súa capacidade de proceso, movendo tres softs á vez: Ableton Live (Alemaña), Maschine de NI (Alemaña) para o son e, para a parte visual e pixel mapping, levamos o software MadMapper (Alemaña). Por suposto, todos os softs que empregamos son con licencia orixinal. O corazón é un interface de audio de Universal Audio (EE. UU.) acompañado dun convertedor Behringer (Alemaña); despois temos controladoras NI, Akai, e DJ TechTools. Moito cableado, moito!
E non podemos esquecernos dos nosos queridos e fieis micrófonos Shure SM 58 e os cascos Sennheiser HD 25.
Moito do material adquirímolo en Elcom Santiago, Mas Acoustics (Barcelona) e Estudio 54 (Santiago). Sirva como agradecemento esta mención a toda a xente que se dedica ao deseño e fabricación de todos estes instrumentos e máquinas. Non sería xusto pensar que o que levamos a cabo é só cousa nosa: nós facemos a parte máis fácil e vistosa do asunto. Infinitas grazas!
Xa que nos dades a oportunidade, queremos que a xente que non é do eido musical sexa consciente do custoso que é facer música, e non só música electrónica; un guitarrista medio pode levar a metade en presuposto do que nós levamos. E non falemos do que custa un instrumento para clásica, ou unha boa gaita... a inversión en coñecemento, estudos, espazos onde ensaiar. Para que vos fagades unha idea, as licencias dos softwares costeámolas cos beneficios do noso primeiro ano de concertos, e xa non dou para máis!
Cando algún colega di que ten pirateado Spotify ou que escoita a música por YouTube se nos rompe o corazón. Alén do inxusto reparto de beneficios das plataformas dixitais, pensar que a xente non está disposta a pagar nin 10€ ao mes por ter a súa disposición, en calquera momento e lugar, toda a música do mundo merece unha reflexión da nosa forma de agradecer aos creadores o seu esforzo e facer sostible a súa dedicación».
Ao fío, que podemos agardar de Aparato enriba do escenario? E da posta en escena? Tedes algunha data xa pechada que queirades compartir?
Aparato: «Cando comezamos a deseñar o directo nos propuxemos varios obxectivos. Por unha banda, non queriamos replicar a fórmula DJ con cantante, que tanto se ve ultimamente e que a nós nos parece tremendamente aburrido; por outra, somos un dúo, nunca poderiamos facer o show tocando todos os instrumentos. Así que era todo un reto! Como manter a honestidade se levamos moito do contido musical previamente gravado, e facer un show minimamente atractivo onde se vexa a interacción cos instrumentos?
A solución que atopamos foi a seguinte: deconstruír as cancións en pequenas seccións cos sons dos instrumentos separados para poder decidir no momento se as queremos repetir, quitar, transformar... Entendendo a interpretación musical máis como unha remestura en directo, aproveitando todas a ferramentas que incorporan os softwares e os procesadores de efectos, e tocar puntualmente os sintetizadores e o theremin. E o máis importante, a voz de María, que a transformamos de múltiples formas.
O certo é que o esforzo está a pagar a pena e o ano que presentamos o directo xa nos convidaron a varios festivais. Coa pandemia se paralizou todo, pero aquí estamos de novo, con máis ganas, con máis ilusión e case que cun pouco máis de nervios.
Comezamos a xira de presentación no Casablanca de Compostela o 24 de xuño. Estaremos acompañados por Vilouta, o noso DJ de referencia, e aínda teremos algunha sorpresa máis... Vai ser unha boa festa».
Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendariades? Algún favorito que deberiamos coñecer?
Aparato: «Pois sería inxusto nomear só algúns deles. Temos moitos amigos músicos por toda Galicia cos que traballamos noutros eidos profesionais.
O que si pedimos é máis apoio e cariño para todos nós. Non se pode esperar a que sexamos coñecidos por gañar concursos mediáticos para ter ese apoio. Iso só demostra o potencial que temos, pero non hai sitio aí arriba para todos. Moitos non participaremos nunca desas plataformas, que máis parecen un pseudocirco —a arte como competición é unha aberración— que representacións da nosa cultura. Temos que demostrarnos que somos unha sociedade madura e saír do infantilismo; desbotar as propostas bastas e destiladas que non achegan moito máis que un pouco de entretemento e tratan a música e a arte como mera mercadoría».
Se abrísemos as vosas contas persoais de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña.
Aparato: «Absolutamente de todo! En listas de Spotify debemos ter para un par de meses sen repetir unha canción. Aínda que si, moita música electrónica e pop».
Chus: «Agora mesmo en bucle “The Future Is Now” de Kim Petras».
María: «Lista de Spotify moi cargadiña e variada, aínda que o que máis repito sería Pat Metheny e Moderat, que están na categoría de vicio».