• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

NOVOS LANZAMENTOS. XULLO 2022

NOVOS LANZAMENTOS. XULLO 2022
7 AGOSTO 2022

 

 

Diluvio, Tanxugueiras

E por fin «diluviou» a 29 de xullo. O novo disco de Tanxugueiras, Diluvio (Calaverita Records, 2022), xa está dispoñible en plataformas dixitais e tendas físicas. Composto por unha ducia de temas onde as pandeireteiras cuestionan crenzas e presuntas culpabilidades para reformularlas como aprendizaxes vitais, este terceiro álbum reafirma a nova sonoridade musical de Aida, Sabela e Olaia, unha na que apostan pola reinterpretación da tradición galega a través da fusión con ritmos urbanos, próximos ao trap e a electrónica. Deste xeito, este Diluvio cae como unha viaxe de revisión de crenzas e presuntas culpas, un camiño que o trío percorre a través de verbos como "ver", "escoitar", "equivocar", "lembrar" ou "empoderar", sobre os que reconstrúen os principios establecidos e os converten en leccións de vida. Ademais dos dous cortes integramente instrumentais que abren e pecha o disco, escoitamos éxitos xa coñecidos, ‘Midas’, ‘Figa’, ‘Terra’; outros máis recentes, ‘Pano corado’ ou ‘Seghadoras’; e inéditos, como ‘Fame de odio’, que acompañan dun impoñente videoclip, dirixido por Trece Amarillo e producido por PlayPlan. «Acabáronse os pecados, comeza a aprendizaxe».

 

 

 

 

Diferentes Diferenzas – As Músicas, Silvia Penide

O ano pasado, e logo de dúas décadas contando historias a través de cancións, Silvia Penide cambiaba de formato... e de público. A cantautora coruñesa publicaba Diferentes Diferenzas (Bululú, 2021), un libro infantil editado en galego, castelán e catalán, e ilustrado por Emilio Urberuaga, que fala sobre a diversidade; sobre como o que «nos define como individuos non é o número de pernas, ollos ou vitorias que acumulemos, senón o xeito de enfrontármonos ao mundo e a nosa relación cos demais». Un elefante de tres patas, un moucho de catro ollos ou unha tartaruga sen concha son algúns dos protagonistas das historias e, agora, tamén das cancións. Dispoñible en todas as plataformas dixitais desde o pasado luns 11, o EP Diferentes Diferenzas: As Músicas (2022) recolle os temas que Silvia, acompañada de Natalia Navaza interpretando en lingua de signos, “canta e conta” no espectáculo que pon banda sonora ao libro.

 

 

 

 

Godaxe!, Brañas Folk

Este ano cumpren vinte anos de traxectoria musical; dúas décadas nas que o seu folk soou en multitude de escenarios, compartindo as súas animadas melodías coa promesa de facer bailar a todos os asistentes. Logo de oito anos de silencio discográfico, Brañas Folk presentou Godaxe! (2022), un novo traballo que segue a constante colaborativa dos tres anteriores e, nesta ocasión, escoitámolos xunto a grupos e artistas como Orfeón Treixadura, Pancho Álvarez, Segundo Grandío, María Méndez e Mar Gómez, entre outros. Xa dispoñible nas principais plataformas dixitais ademais de en formato físico, o longo recolle unha ampla variedade de pezas tradicionais —desde alalás, muiñeiras e xotas, ata rumbas ou alboradas— baseadas algunhas delas no patrimonio musical ourensán; e mesmo un par de cancións de folclore celta: ‘Capitán Dunne’ (Irlanda) e ‘Mega-Reel‘ (Escocia).

 

 

 

 

Doppelgänger, Javier Miranda

Despedía 2021 con Greyscale Dreamcoat (2021), un split xunto a Iago Méndez para pechar unha etapa e celebrar os máis de dez anos que levan sacando música xuntos; agora, pouco máis de medio ano despois, Javier Miranda vén de lanzar un novo álbum. Xa dispoñible nas principais plataformas dixitais e en formato físico, Doppelgänger (2022) recolle sete cortes orixinais nos que o compositor e multinstrumentista lucense dá renda solta á súa experimentación coa electrónica e o rock progresivos, o ambient e o drone. Para este traballo, Miranda contou con varias colaboracións, como VIID (piano), Pablo Canalís (frauta) ou A.L. Guillén (guitarra eléctrica).

 

 

 

 

🎧 Sigue a nosa lista de Singles 2022 en Spotify para estar ao día das novidades discográficas dos artistas e grupos de galiciantunes.com!

 

 

🎧 E se es dos maximalistas que o queren todo, tamén podes seguir a de Álbums 2022 cos discos completos!

 

 

  noticias