• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

MADALENA GAMALHO: «CANTAR EN PORTUGUÉS RESÚLTAME MOI NATURAL, GÚSTAME ESTA FONÉTICA PARA EXPRESARME»

MADALENA GAMALHO: «CANTAR EN PORTUGUÉS RESÚLTAME MOI NATURAL, GÚSTAME ESTA FONÉTICA PARA EXPRESARME»
8 AGOSTO 2022

Liderar o seu propio proxecto solista foi algo que Madalena Gamalho sempre tivo en mente e, logo de formar parte dun par de grupos e «superar moitos medos e inseguridades», a vocalista e compositora galega preséntase en solitario. Estes sete anos cheos de aprendizaxe e experiencias deron forma a esta nova aventura, que se materializa en Invento (2022), o seu primeiro traballo discográfico.

Froito desa evolución vital e vocal, e da sinerxía e amizade con Iván Barreiro (produción, guitarra), o álbum recolle unha decena de cancións en portugués —seis da súa autoría, tres poemas musicados e unha versión— onde letra e melodía convidan ao oínte a moverse, conectar e reflexionar sobre o ser, a vida e as súas contradicións.

 

 

 

Vocalista e compositora, comezas a túa carreira artística hai sete anos cantando en locais e salas como parte do grupo Nota Bene. Como lembras estes inicios? Foron estes os teus primeiros pasos na música ou tiñas algunha outra experiencia previa?

Madalena Gamalho: «Nesa altura eu estaba a comezar en aulas de técnica vocal na escola Atempo, co que continúa a ser actualmente o meu profesor, Ramón Mª García. Tamén estaba a estudar portugués na EOI, e xurdiu esta idea por medio de Noli Torres, que nese momento era membro do grupo, xunto con Seve Fervenza e Lolo Nantes; precisaban cantante na banda e alá fun.

Foi unha experiencia marabillosa, porque foi dar o salto a cantar diante dun público de maneira profesional. No primeiro bolo estaba moi nerviosa pero tamén moi emocionada. Nese momento é cando te dás conta que actuar ten un punto de adrenalina moi aditivo».

 

Actualmente tamén es a voz dos Meninos, trío galego que nace coa pretensión de crear unha atmosfera de intimismo e emoción a través de temas propios e versións vinculados á lusofonía. Que diferencias hai entre a Madalena Gamalho parte dun grupo e a que lidera o seu propio proxecto?

Madalena: «Actualmente Os Meninos é un proxecto que ficou paralizado durante a etapa da pandemia. Estabamos a traballar na realización do noso primeiro disco, mais a pandemia fixo que nos distanciásemos bastante; e despois eu sentín a necesidade de poñer a enerxía nun proxecto propio.

As diferenzas entre ambos proxectos son bastantes, mais fundamentalmente, no caso dos Meninos, eramos un grupo de amigos que faciamos música; as decisións nese caso tómanse de maneira conxunta e o risco tamén. Foi unha etapa moi bonita xunto a Roberto, Iván e, máis tarde, Bieito. E tivemos unha evolución moi positiva, desde os inicios tocando nos bares, para logo tocar en festas e algún que outro festival como no Cantos na Maré ou na Feira do Alvarinho de Monção.

No caso de Madalena Gamalho, trátase dun proxecto feito desde unha perspectiva de compositora solista, onde eu son quen toma as decisións e asume os riscos, onde traballo cun produtor musical nun álbum, acompañada dunha banda pensada por e para o proxecto en cuestión».

 

 

Cal, ou cando, foi o momento no que decidiches arriscarte en solitario?

Madalena: «Era unha idea que tiña en mente de sempre, pero quería ir progresando pouco a pouco. Ir aprendendo en cada proxecto, soltarme máis no palco, gañar experiencia, avanzar máis na técnica vocal, coñecer máis música, ter os aforros necesarios. En fin, superei moitos medos e inseguridades para poder chegar a facelo.

E a cousa non remata aquí claro, sempre hai que seguir construíndo, do contrario todo sería moi aburrido».

 

Que aspectos te chamaron a atención da música portuguesa para abrazala en todos os teus proxectos?

Madalena: «Cando empecei na EOI escoitaba moito fado, músicas populares, de autor; en fin, empapeime bastante, e esas influencias deron lugar ao que fago. Cantar en portugués resúltame moi natural e gústame esta fonética para expresarme. Non quita que non poida facelo coa pronuncia galega, en castelán ou en inglés, pero sinto que deste xeito me resulta fácil, familiar, próximo».

 

 

Respecto ás túas influencias, que artista ou grupo dirías que ten un especial impacto no teu xeito de entender a música ou á hora de compoñer?

Madalena: «Penso que todo o que escoito me inflúe, mais considero que de maneira indirecta se cadra. Ou sexa, non é que haxa unha artista en particular que teña en conta nas miñas composicións, son moitos e moitas. Ademais, é que teño por costume escoitar música de xéneros moi diversos.

Por exemplo, dunha etapa na que estaba a cantar e aprender coa guitarra “Chuva no mar” de Marisa Monte e Carminho, imaxino que puido nacer a melodía do retrouso de “Entre o sim e o não”, pola cadencia que teñen ambas nalgunhas partes; pero isto é unha inspiración case inconsciente.

E outro caso concreto foi unha noite despois de escoitar a Nathy Peluso, que logo tiven a necesidade de facer “Vívelo”. De madrugada púxenme a escribila, e xa ao día seguinte busquei unha base de rap... e todo fluíu. Foi divertido, como un xogo. Obviamente o tema non ten nada que ver con Nathy Peluso, pero escoitar a súa música foi un detonante para min.

No meu caso, de cada canción na que reparo é como se as gardase dalgunha maneira nalgún recuncho da miña memoria, e despois xa, á hora de compoñer, utilizo esta especie de banco de melodías. E sae de xeito natural. Outras veces, en función do instrumento co que me inspire, guitarra ou piano, vou creando».

 

 

En xaneiro debutabas con Invento (2022), un disco composto por unha decena de cancións en portugués. Como foi o seu desenvolvemento creativo? E o proceso de gravación?

Madalena: «Pois unha loucura, pero cun resultado moi chulo, a verdade. Estamos moi contentos. Foi como ir mergullándose nun mundo descoñecido; ás veces desesperante e outras moi emocionante.

Mais a idea do disco naceu como de casualidade, nada premeditada. Ou sexa, nun café que comparto unha mañá con Iván, coméntolle a necesidade de enviar algunhas das miñas composicións a produtoras e demais, e el pídeme que lle pase estas ideas. Rapidamente houbo un feedback moi interesante no que Iván foi vestindo aquelas ideas. Foi un ano enteiro de videoconferencias e intercambios de ideas para ir sacando estes dez temas.

A gravación foi en novembro do ano pasado en Savik Sound (Ponte Caldelas), así que confiámoslle o traballo a José «Triki» Trincado e eu encantada. Ademais, compartir con Triki as horas no estudio foi xenial, escachas de risa con el e é unha máquina no seu. Teño a sorte de rodearme de grandes profesionais, a verdade».

 

Ademais de formar parte dos Meninos, acompañarte na guitarra e ser o teu produtor musical, Iván Barreiro foi unha peza clave tanto no desenvolvemento deste proxecto en solitario como do teu álbum debut. Como describirías a vosa «sinerxía» no estudio?

Madalena: «O máis importante foi confiar nel plenamente. Gústame como traballa, ten sensibilidade, estilo, gusto, sabe colocarse no seu papel; é humilde como músico e como persoa. E para el o importante é a música, igual que para min. O obxectivo de ambos non é facermos grandes alardes, só algo bonito e ben feito».

 

 

Do disco destaca especialmente coidadísima produción, chea de detalles, que semella pensada para arroupar a túa voz sen restarlle protagonismo. Cres que é froito da vosa traxectoria previa en común, do coñecemento que ten Iván (e ti mesma) das posibilidades que ten a túa voz?

Madalena: «Si, totalmente. Desde que nos coñecemos, Iván sabe da importancia que para min ten a voz, xa que é o meu instrumento, aquel polo que vou estudando e aprendendo cada día; e a súa pretensión sempre é potenciala e realzala. Penso que fixemos un bo equipo e, en palabras de Iván, nun disco dunha cantante ten que destacar a voz, como é lóxico».

 

Xunto a Iván Barreiro, tamén te acompañas de Carlos «Pájaro» Arévalo (batería), Iria Iglesias (teclados), Rafa Morales (baixo) e Javier «GDjazz» Pereiro (trompeta), todos eles músicos con experiencia no jazz. Por que eles? Ademais dos seus instrumentos, que pensas ti que achegan ás túas creacións?

Madalena: «Con Rafa Morales coincidín en Laroá, xusto cando este disco se estaba a cociñar, e gustoume moito como se desenvolvía nos ensaios. É superprofesional e sempre con vontade de axudar.

No caso de Carlos Arévalo, pensamos que encaixaba moi ben cos estilos do álbum e ademais é un fóra de serie na batería, sabiamos que ía funcionar moi ben; cando escoitou a proposta xa se apaixonou no primeiro instante.

A Iria coñecémola con The Funkles e gustounos moito a súa posta en escena, ademais é unha música excelente que se adapta moi ben a cada xénero, con moita soltura. E GDjazz, en fin, transmite unha sensibilidade coa trompeta que é unha delicia.

En conxunto todos son un equipazo, boa xente, persoas sensibles, que están por e para a música».

 

 

O disco é unha amálgama de estilos: funk, músicas do mundo, rock... (mesmo te atreves co rap en “Vívelo”!), todo con certo recendo a jazz. Como se consegue que tanto eclecticismo chegue a soar tan coherente?

Madalena: «Tanto Iván como eu estabamos nunha etapa máis eléctrica, de banda; ademais, el é un músico que conta con moitos rexistros na súa experiencia, por iso ten por costume traballar desde a fusión. Por outra banda, as miñas melodías, todas elas bastante diversas tamén, provocaron por defecto unha produción con ambientes moi distintos. Así que este eclecticismo nace de maneira moi natural, se cadra polo xeito de entender a creación que ambos temos. Ao fin e ao cabo, o que temos en común é que nos gusta a música.

Deste xeito, a coherencia nace de dúas mentes moi abertas, musicalmente falando, que beben de estilos diversos. E esta coherencia flúe nos sons do álbum, na súa instrumentación e, se cadra, tamén na progresión coa que establecemos os temas, o que fai que un disco como este sexa do máis escoitable».

 

 

Por que ese título Invento, ou, dito doutro xeito, por que o disco toma o título dese tema concreto?

Madalena: «Cando chegou o momento de pensar no título, pensei que “invento” era a palabra. Porque non sei, sen querer ser pretensiosa, penso que non hai nada que se pareza. E tomamos esta palabra da canción “Invento”, a poesía de Pepe Cáccamo».

 

Dos dez temas que o compoñen, seis son de composición propia. Que, ou quen, os inspirou? Existe algún fío condutor que os una?

Madalena: «“Todas as pessoas”, “Vívelo”, “Sobe à minha escada”, “Ao redor do meu jardim”, “Horizonte” e “Seres estranhos”; estas seis cancións si teñen un punto en común: son composicións propias, é por iso que todas teñen algo de min. As miñas reflexións vitais están aí, son elas as que fían todo».

 

 

Dos que restan, tres son poemas musicados, un de Pepe Cáccamo e dous de Carvalho Calero, e unha versión, “Teresa Torga” de José Afonso. Que significan para ti estas pezas, ou autores, para incluílas na túa ópera prima?

Madalena: «Pepe Cáccamo é un bo amigo. El quería que eu musicase algún dos seus textos, e de aí naceu “Invento”, un tema dos máis alegres, con ritmo brasileiro.

Por outra banda, José Afonso é todo un referente para min, as súas letras e os valores que transmiten; é un gran patrimonio o que nos deixou e “Teresa Torga” é un tema que me inspira como muller, cunha historia enérxica, moi potente.

As poesías musicadas de Carvalho Calero naceron a partir do concurso Musicando Carvalho Calero 2020, no cal resultei finalista».

 

Precisamente con “Todo o mundo é teu” quedaches entre os 10 finalistas de Musicando a Carvalho Calero (xunto a outros artistas da plataforma como MJ Pérez, Moito! ou A banda da Loba) dos case 80 que se presentaron. De que xeito traballas cuns versos que naceron como poema ata convertelos en canción?

Madalena: «Vou lendo o poema, experimento cantándoo, vou xogando con el para ver tamén que pide... e a partir desas ideas, reformulo a letra para darlle encaixe como canción. É un traballo necesario, adaptar unha poesía a unha melodía para poder ofrecer maior comprensión ao ouvinte».

 

 

Dis que o disco é «unha reconciliación co amor e as emocións humanas». Por que? Na túa opinión, pensas que, realmente, estamos tan desconectados emocionalmente? Que papel xogaría a música nesta «reconexión»? E canto de culpa ten a pandemia nesta reflexión? Ao fío, afectou dalgún xeito a situación de emerxencia sanitaria ao proceso de preprodución e produción do disco?

Madalena: «Porque vexo que hai unha campaña brutal para infundir medo e desconfianza entre nós, ao fin e ao cabo é un mecanismo para exercer control na sociedade. Así que penso que é moi necesario difundir a realidade, temos que reconciliarnos coa persoa descoñecida. Desde que eu era pequena e xogaba soa na rúa ata o día de hoxe, mudamos moito os nosos hábitos; antes había unha confianza nos veciños e veciñas e as nenas e nenos conquistaban a rúa, nas aldeas ninguén pechaba con chave... En fin, mudou moito o estilo de vida, seino.

Tampouco son inxenua, sei dos males que existen no mundo, pero tamén existe a boa xente. A xente humilde, traballadora, a que loita día a día. De observarmos con detemento, ficariamos abraiados da cantidade de actos de bondade que existen ao longo do noso día a día na vida real e que pasan inadvertidos.

E por suposto, a música e todas as artes en xeral teñen un papel moi necesario neste sentido. A arte é a que nos axuda a expoñer as nosas emocións, a reinterpretalas, a darlles cabida no mundo, a servir de inspiración para nós ou para os demais. Coa arte afondamos na nosa sensibilidade, na empatía, no amor...

A pandemia tamén influíu nestes pensamentos, como é lóxico. Supoño que todas reparamos na necesidade de relacionármonos con outros seres humanos, e tamén que ter presente a arte nas nosas vidas é algo totalmente imprescindible».

 

 

 

Invento vén envolto nunha ilustración de estética retrofuturista obra de Celsius Pictorun corvo armado cuns lentes steampunk, con mans humanas vestidas con gorgueiras, apoiado nun gramófono e rodeado de aparellos varios. Que representa?

Madalena: «Representa o “invento” en si. Este deseño pareceume que tiña moi bo encaixe coa palabra escollida; unha colaxe que semella un gravado antigo nunha capa con letras futuristas, esa combinación de pasado e futuro. Por outro lado, o steampunk paréceme un estilo do que bebe moito Tim Burton e a min encántame esteticamente. Eu son moi de contrastes tamén, se cadra é porque son xémini».

 

Pictor tamén achega outras ilustracións no interior da edición física do disco. Como chegaches a el?

Madalena: «Coñecino por Instagram buscando ilustradores e, cando vin os seus deseños, fiquei apaixonada co seu traballo; todos e cada un dos seus deseños eran unha pasada. Contactei con el e comezamos a traballar xuntos. A verdade que cada unha das ilustracións que fixo para Invento son lindísimas».

 

 

Hai algunhas semanas falabamos con Nastasia Zürcher e cando chegou o momento de recomendar proxectos galegos mencionou o teu nome dicindo que lle sorprendera (para ben, claro) o teu traballo. Que acollida está tendo o disco?

Madalena: «Fíxome moita ilusión que me tivese nomeado porque Nastasia Zürcher é unha artista á que admiro moito. Gústame o seu xeito de crear e tamén a maneira na que leva a súa carreira; fai música con personalidade, profesionalidade e moi bo rollo. E ademais é moi boa a nivel vocal!

A acollida do disco foi boa, digamos que todas as persoas que escoitan o disco fannos chegar comentarios moi positivos, tanto do álbum como dos directos que tivemos. Mais queremos facer máis directos, desexamos que as músicas cheguen a máis xente porque a verdade que pagan a pena, penso eu».

 

Estás inmersa nunha xira estival, con datas en Galicia e Portugal, a dúo ou con banda. Que podemos esperar dun directo de Madalena Gamalho?

Madalena: «Podemos esperar música con sinceridade e de calidade, cuns musicazos que xa eles sós farían un concertazo no palco. Podemos esperar unha voz que, como moitas veces teñen por costume dicirme, parece que canta sen esforzo, limpa, clara e transparente.

E, en xeral, podemos desfrutar dun concerto real como a vida mesma».

 

 

Enriba do escenario tamén te vemos formando parte de Laroá, como está a ser a experiencia xunto a eles?

Madalena: «Moi gratificante! Con Laroá tiven a oportunidade de experimentar cantar con outra voz, a da miña compañeira Sandra Lima; é moi enriquecedor tamén exercer papeis secundarios como neste caso. Ademais, facer as voces para este proxecto foi moi divertido, un exercicio máis do que aprender.

Con Laroá estaremos este verán nas festas da Peregrina en Pontevedra, o 21 de agosto, e faime moita ilusión facer este directo rodeada de grandes músicos e músicas».

 

Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendarías? Algún favorito que deberiamos coñecer?

Madalena: «Seguro que xa a coñecedes, pero a min encántame Sofía Espiñeira; desde que a vin por primeira vez no Festival da Poesía namoreime coa calidade, tanto nas letras como coa virtuosidade na guitarra. E, por suposto, Nastasia Zürcher, que estou desexando ver o directo do seu último disco. Gústame moito tamén o que está sacando á luz Carolina Rubirosa. E ademais, como banda recomendo a Rheia Gorecki, pois para min a voz de Catuxa é unha delicia, e o seu último EP ten unha produción moi boa».

 

Se abrísemos a túa conta persoal de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña

Madalena: «Pois o máis recente que aparece é unha lista de clásicos do jazz, Ella Fitzgerald, Louis Armstrong, Lester Young... Iso é porque nestas noites de calor encántame cear na miña horta cunha copa de tinto, unha vela e escoitar jazz. Mais tamén estou escoitando actualmente A Garota Não e Blaya, que as descubrín no Fnac Live en Lisboa e gustáronme moito. Estilos moi diferentes para cadanseu momento».

 

  noticias