MINGUANTE: «NON HAI DOUS CONCERTOS DE MINGUANTE IGUAIS»
O que xurdiu de xeito casual, froito de anos de amizade e de «ter unha guitarra preto», acabou por converterse nun dúo cunha traxectoria de catro anos e dúas referencias no mercado. Composto por Óscar Martínez (Marmota Phil, Música Miúda) e Miguel Alonso (Música Miúda, Miguel Alonso), Minguante é pop e canción de autor, en galego, con composicións propias que cantan ao día a día.
Debutaban hai un par de anos, en plena pandemia, con Minguante (2020), e a finais do mes de maio entregaban a súa segunda referencia, A incrible historia dos homes minguantes (2022). Gravado integramente nos seus estudios caseiros e masterizado por Arturo Vaquero en Abrigueiro Estudios (Friol), o álbum inclúe nove cancións inéditas de temáticas variadas, firmadas en solitario ou en conxunto por Óscar e Miguel.
En 2018, Minguante nace «para realizar un par de concertos acústicos»... catro anos máis tarde, aquí seguides, con máis dunha centena concertos e dous discos! A que se debeu tal desenvolvemento?
Miguel Alonso: «A idea orixinal era xuntar algunhas cancións dos nosos outros proxectos, facer versións que nos gustasen... Ía ser un proxecto paralelo, pero comezamos a compoñer e tomou máis peso. Tamén vimos que o directo funcionaba e que o pasabamos ben xuntos no escenario».
Óscar Martínez: «Comezaron a saírnos moitas datas, houbo un ano que tivemos uns 60 bolos. Os dous compoñemos e estaba claro que pronto ían aparecer temas propios».
Por que «minguante»?
Óscar: «Tiñamos claro que queriamos un nome en galego e que fose curto. Representa un pouco o que estamos a facer, adaptamos as nosas cancións a un formato máis pequeno, “minguámolas”».
Miguel: «Eu creo que representa xusto iso, a necesidade de “minguar”, tocar nun formato reducido, non levar unha banda grande...».
Ambos formades parte doutras agrupacións: Óscar en Marmota Phil e Miguel ten o seu proxecto en solitario. Como xurdiu, pois, conformar este proxecto a dúo?
Miguel: «Somos moi amigos e, cando nos vemos, sempre adoita haber unha guitarra preto. Un día, Óscar propúxome tocar nun par de locais... e ata hoxe».
Óscar: «Si, xurdiu dun xeito casual, funcionou ben, e decidimos seguir adiante co proxecto».
Tamén traballades xuntos noutro grupo paralelo, Música Miúda, un espectáculo musical para toda a familia no que lingua, igualdade, diversidade e inclusión van da man. Como é compoñer para os máis cativos? É moi diferente de facelo para adultos?
Óscar: «Eu intento que os temas infantís non sexan moi longos, que as letras intenten ter unha mensaxe educativa, e que apareza algún que outro retrouso curto para que os nenos e as nenas queden rápido con el e o canten con nós».
Miguel: «A min paréceme moito máis complicado escribir para a rapazada. É difícil facer algo atraente e que, ademais, non sexa moi obvio nin moi simple. Dámoslle moitas voltas ao que facemos en Música Miúda e iso tamén é cousa de Irene Quinteiro, a terceira pata miúda».
Miguel, ademais de cantautor, tamén es escritor. De que xeito inflúe esta faceta á hora de compoñer as letras das cancións? Que diferenzas atopas entre escribir cancións a escribir novelas, máis aló da obvia diferenza de lonxitude?
Miguel: «A min interésanme moito os textos das cancións e penso que é un trazo distintivo da canción de autor de onde veño. Mais para min son tamén facetas moi diferentes: nunha canción, a letra debe apoiarse na música, convivir con ela; son un todo. Nunha narración só podes apoiarte nas túas palabras para crear unha emoción».
Pop rock, música de autor, indie... Agora, sen etiquetas, como describiriades vós o estilo de Minguante?
Óscar: «Eu penso que nas nosas cancións sempre acabamos influíndonos mutuamente, collendo matices do outro. Por exemplo, desde que traballo con Miguel intento coidar máis as letras do que o facía, e os arranxos dun nos temas do outro seguen a tendencia dos gustos de cada un. Unha etiqueta... Pop rock de autor».
Miguel: «A min nunca me interesaron as etiquetas moi específicas porque pode que dentro dun ano me interesen outras cousas, pero si, quizais o pop rock de autor sexa o máis acaído».
E, se falamos de referentes musicais, quen diriades que vos inflúe á hora de crear e entender a música?
Miguel: «Penso que unha referencia común é Quique González. Logo, no meu caso, influíume moito a música de autor clásica (Sabina, Silvio, Aute) e, sobre todo, a canción de autor americana (Dylan, Springsteen, Cohen)».
Óscar: «Eu tiro máis cara ao pop, o rock e o indie, cousiñas como Vetusta Morla, Os Planetas, Xoel López, Los Piratas...».
En abril de 2020, cando aínda estabamos a surfear a primeira onda da pandemia, debutastes con, Minguante (2020). Que vos empurrou a tomar tal, digamos, valente decisión?
Óscar: «Estaba todo preparado para sacalo e xusto o día que nos confinaron chegounos o master do EP... Os plans que tiñamos viñéronse abaixo, as datas pechadas, etc., e entre os dous decidimos publicalo nas redes para que a xente o puidese escoitar na casa».
Miguel: «De feito, o primeiro impulso foi gardalo nun caixón, a ver que pasaba, mais logo pensamos que sería bonito compartilo coa xente».
Os catro temas que compoñen o EP foron gravados e autoproducidos en estudios caseiros. Foi este xeito de gravar e producir un «efecto secundario» da COVID?
Miguel: «Non, comezamos a gravar bastante antes da pandemia. A idea (como proxecto secundario que era nun principio) era autoxestionar todo nós, desde as gravacións aos videoclips. E aí seguimos, aprendendo a facelo».
Óscar: «Si, xa tiñamos todo o material gravado».
Adoitades repartir a composición e voces das cancións, polo que escoitamos algunhas máis próximas ao indie (Óscar)e outras ao pop de autor (Miguel). Como é traballar así, con tarefas repartidas? Adoita haber modificacións no momento de xuntar as partes?
Óscar: «Polo xeral, cada un fai as súas cancións e logo decidimos se encaixan en Minguante. Unha vez que as maquetamos, metemos arranxos e cambios ata que nos gusta aos dous. Tamén hai cancións que nacen dunha letra dun que musica o outro, ou dunha idea dunha música que remata o outro».
Miguel: «Os dous estamos acostumados a escribir en solitario. No meu caso, normalmente decido se me quedo a canción para min ou a cedo a Minguante ao rematala. Mais é certo que, unha vez que compartimos co outro a canción, sempre vai cambiar, sempre van aparecer novas achegas. De feito, algunhas das cancións de Minguante que máis me gustan están asinadas a medias».
A finais de maio lanzabades A incrible historia dos homes minguantes (2022); un álbum que, ademais dos catro cortes do traballo anterior, recolle cinco novos temas. Cal foi o xermolo deste segundo traballo?
Miguel: «Orixinalmente pensabamos ir publicando EPs de xeito regular, mais logo decidimos que sería bonito ter un disco físico que poder ensinar e vender nos concertos».
Óscar: Somos da vella escola... e somos de LPs. Xa tiñamos novos temas ao remate do EP!».
Como foi o proceso da súa creación?
Óscar: «No confinamento foron nacendo novos temas que nos iamos pasando e sobre os que iamos traballando por separado. Logo, cando nos puidemos reunir, acabamos de gravalos e producilos ben nos nosos estudios caseiros».
Miguel: «Si, foi un proceso moi natural, non nos puxemos a compoñer en si para un disco; ata o de agora sempre fixemos así. De feito, xa hai cancións agardando a súa quenda para ser gravadas».
Anticipabádelo co videoclip de “Ao teu compás”, realizado por Adrián González, onde acordes e burbullas guían aos protagonistas cara ao seu obxectivo. Como lembrades a rodaxe? Por que elixistes esta canción en particular como sinxelo adianto?
Miguel: «O guión é de Óscar, mais os dous estabamos de acordo en que “Ao teu compás” era a mellor elección como adianto: é rítmica, non ten unha letra obvia e fai pensar. A rodaxe lémbroa con moito cansazo. Pasei o día correndo!».
Óscar: «Eu rematei derreado [risos]. Aínda que son días que andas a mil, e nos que nos pasou de todo, sempre o levamos con humor e gardo un grato recordo. Os dous coincidimos na elección desde o primeiro momento».
En “Non estabas”, Miguel nomea ao cantautor belga Jacques Brel nunha referencia á súa canción “Ne me quitte pas”, un clásico do desamor. Foi este sentimento o que fixo aflorar a letra?
Miguel: «Si, está escrita nun momento no que, puntualmente, me sentía bastante só, e a persoa que esperas que te apoie ten outros intereses ou necesidades nese momento... e non está tan presente coma ti queres. Eu digo nos concertos que é máis ben unha canción escrita desde a rabia momentánea. En xeral son un ser de luz :)».
Ao fío, que, ou quen, inspira as vosas cancións? Sodes dos que pensades que á musa hai que esperala ou hai que ir na procura dela?
Óscar: «Para min o día a día, o que che vai pasando nos distintos aspectos da túa vida, a realidade social que vives... é o que alimenta as túas cancións. As musas hai días que están de viaxe e outros que non saen derredor dun, pero sen agarrar a guitarra e plasmalas non sae nada».
Miguel: «Eu non creo demasiado na inspiración, sempre estou coa guitarra ao lombo vendo a ver que sae. E si, coido que todo o que ocorre ao teu arredor inflúe no que escribes, non sei abstraerme diso».
O repertorio de Minguante é integramente en galego, a diferenza do de Miguel Alonso, que ten parte en castelán, e o de Marmota Phil. A escolla do noso idioma é unha cuestión ética ou estética?
Miguel: «No meu caso, eu só teño unha publicación en castelán na que recollo cancións que compuxen ao principio da miña carreira; é máis ben un disco “paralelo”. Hai como 12 ou 13 anos que non escribo unha canción en castelán. Para min é unha elección natural: falo galego, síntome orgulloso e, desde hai moitos anos, todos os meus proxectos son monolingües».
Óscar: «Si, é algo natural, eu tamén son galegofalante. En Marmota xa había un par de temas en galego e noutro proxecto anterior musiquei poesía en galego».
Estades inmersos en plena xira presentación, con case vinte actuacións xa ás vosas costas, como está a ser a acollida do disco ao vivo? Que podemos agardar dun concerto de Minguante?
Óscar: «A acollida está a ser moi boa, sempre vén alguén a felicitarnos ao remate dos concertos. Nos nosos concertos, á parte dos temas do disco, sempre metemos algo dos nosos traballos anteriores, e algunha versión coa que desfrutamos, dun xeito desenfadado e con moito humor».
Miguel: «Eu destacaría que non hai dous concertos de Minguante iguais. A base sempre son as cancións do disco e, a partir de aí... o que nos apeteza. De feito, os repertorios difiren bastante dunha data a outra, e iso é grazas ao formato mínimo que levamos. Está claro que nunha actuación con máis músicos non o poderiamos facer así».
Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendariades? Algún favorito que deberiamos coñecer?
Miguel: «A min interésame moito a canción de autor feminina que se está a facer na Galiza: SÉS, Guadi Galego, A banda da Loba...».
Óscar: «Ás recomendacións de Miguel, que tamén comparto, engadiría: Dios Ke Te Crew, Caxade, Som do Galpom, Grampoder, Familia Caamagno... Se non coñecedes a algún dos que citamos...non sei a que estades esperando!».
Se abrísemos as vosas contas persoais de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña
Óscar: «Pois agora mesmo teño unha lista de reprodución de musica galega, que vai desde o tradicional ata as últimas tendencias, e logo: Viva Suecia, Quique González, Vetusta Morla, Izal e The Strokes».
Miguel: «No meu caso atopariades moita música de autor, claro: Quique González, Sabina, Cohen, Diego Vasallo, Drexler...».